domingo, 31 de decembro de 2017

venres, 29 de decembro de 2017

O Nadal e o Apalpador

     Un ano máis, chegou o Nadal!!

     E no IES Sanxenxo, tivemos un convivado moi especial: O Apalpador.

     Chegou o Apalpador, dende o Courel, a contarnos cousas moi interesantes, acompañado dun músico, para amenizar o encontro, e poder cantar así, en contra dos incendios, da emigración, da importancia dos bosques... e enterarnos dun segredo a voces, que non vou rebelar, pero que ten algo que ver co actual Papá Nöel e a emigración galega...

     E tamén lle escribimos cartas, a ver se non se esquece de todo o que lle pedimos!!




mércores, 13 de decembro de 2017

Galizara

     Hoxe saiu no telexornal unha nova relacionada con Inditex, xa que de novo, melloraron os seus resultados económicos.
     Presumían de que unha empresa galega tivera esas cifras.  O máis incongruente é, que nas imaxes, o encargado de dar os resultados oficiais, facíao en inglés...
     En fin... que pouco nos queremos...

    Pero vale máis rir que chorar! Por iso, deixo un vídeo de Carlos Blanco, nunha gala da emisora da Radio SER, onde falaba, precisamente desta empresa.  Non conto nada máis, que non quero facer destripes...

     A gozar do gran Carlos Blanco!


martes, 5 de decembro de 2017

Sanxenxo fala

     Hai unhas semanas, viñeron a pedirnos colaboración Sara e Diego, de CANECA, xa que lles fixeran o encargo de amosar as iniciativas que se dan no Concello de Sanxenxo, á prol do galego.
     Desa colaboración, e de varias asociacións do concello, naceron os vídeos Sanxenxo fala, onde se recolleu perfectamente todo o que se fai pola lingua, pero tamén a sensación de que queda moito por facer e loitar por ela.
     Moitas grazas a CANECA por reflexar as nosas inquedanzas, ao Concello de Sanxenxo pola labor que está facendo e ás asociacións, que tanto traballo teñen detrás pola cultura e a lingua, e do que moitas veces se sabe tan pouco.
     Só nos resta dicir: 

     Sanxenxo Fala!!
     E que fale por moitos anos máis!





luns, 4 de decembro de 2017

Gañadoras/es chíos contra a violencia de xénero

     Xa temos as gañadoras/es do Concurso de Chíos contra a violencia de xénero.


     1º PREMIO:  Daniel Piñeiro Barcala   2º C
     2º PREMIO:  Óscar Barreal Agís  1º C

     Finalistas:
     Ángela Viéitez Castro  1º A
     Raúl Martínez Vázquez  2º B
     Carmen Barahona Martínez  2º C
     Nuria Bouzada Portela  3º B

     Parabéns a todas/os!
     Agardamos que o voso compromiso, sirva de exemplo.

     Este é o vídeo realizado cos chíos gañadores:

 

    E para completar, deixamos o vídeo da grandísima Guadi Galego, con letra, para que vos animedes a cantala.  Ben fermosa!

domingo, 3 de decembro de 2017

Cueiros

     Hoxe nace este blogue, de aí o título...
     A Raiceira nace con intención de quedar, medrar, e botar raíces entre a rapazada do IES Sanxenxo en particular, e entre a rapazada do mundo en xeral.
    Con intención de enraizar e de medrar, e de que se converta nunha árbore de lingua galega fermosa que nos dea sombriña no verán e deixe pasar as raiolas do inverno.
    Porque o que quere é que a queiramos e a protexamos e que medremos con ela, e brinquemos e cantemos e fagamos toda clase de actividades ó seu arredor.
     Porque o que se quere, se usa, se canta... co que se xoga e se baila, se arrola, se le, ou se aturuxa, non morre, senón que medra, e medra e sempre nos acubilla.

     E que mellor que comezar cun arrolo para un recén nacido.
     Benvidas e benvidos aos que queirades medrar coa Raiceira.


Dobramos cinema en galego

As máis populares