Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta conmemoracións. Amosar todas as publicacións

domingo, 26 de febreiro de 2023

Entroido 2023

Unha das nosas celebracións máis agardadas tivo lugar este mes, O Entroido.

Un ano máis disfrazámonos, tomamos o tradicional chocolate con rosca que prepararon dende a ANPA. Participamos nos concursos de sobremesa e disfraces. Houbo quen preparou unha pequena representación e tamén desfiles. E sobre todo bailamos e pasámolo moi ben.







mércores, 25 de novembro de 2020

25N. Máscaras contra a violencia

Non somos histéricas, somos históricas.

O amor propio non é egoísta, é revolucionario.

Non poñas a máscara ante a violencia de xénero.


Se doe non é amor!

Somos o berro das que non teñen voz.

Non me asubíes

Pódesme romper a dor pero non a voz!

Con roupa ou sen roupa o meu corpo non se toca

Non lle deas o teu corazón a quen cho rompe




Estas son algunhas das mensaxes que decoraban as máscaras que o alumnado do instituto levou este 25N durante toda a xornada.


Deste xeito quixemos amosar a nosa solidariedade con todas as mulleres que padecen esta outra lacra, silenciada durante meses pola pandemia do COVID.



Unha vez máis as alumnas e alumnos demostraron estar á altura e dixeron ben claro NON Á VIOLENCIA.










sábado, 7 de novembro de 2020

Máscaras contra a violencia de xénero

A pesar de estar vivindo un momento excepcional que parece que o ocupa todo, o problema da violencia machista segue presente na nosa sociedade. É por iso que quixemos unir ambas ideas para dar un punto de vista novo e unha maior visibilidade.

- Nos días previos ao 25 N e dentro das actividades relacionadas co tema da violencia de xénero, o alumnado escribirá unha frase relacionada co tema sobre unha máscara hixiénica ou cirúrxica.

- As mensaxes deberán ser orixinais e todas elas escritas en lingua galega, sendo o autor/a o responsable da mesma.

- Pódense empregar diferentes grafías, maiúsculas e cores que axuden a entender a mensaxe que se quere transmitir.

O mércores 25N todos os participantes levarán a súa máscara durante a xornada

- A actividade será difundida tanto nas redes (Instagram e Blogs) como na revista Aquelar.

- Aínda que a participación é voluntaria, pode animarse ao alumnado para que participe, xa que o feito de ter que elaborar unha frase por escrito favorece a reflexión sobre a temática tratada.



 


 

venres, 8 de marzo de 2019

8 de Marzo. Alfombra das inxustizas

Dentro da multitude de actos e de accións previstas para este 8 de marzo, quixemos visibilizar aínda o longo camiño que queda por percorrer.
Dentro do noso refraneiro galego existen moitas frases cheas de machismo e o peor de todo é que algunhas seguen a dicirse na fala coloquial.

Por iso, fixemos unha longa alfombra á que chamamos DAS INXUSTIZAS onde puxemos todas aquelas frases e refráns ferintes contra as mulleres e colocámola no vestíbulo para que todas e todos pasemos por enriba.
Porque hai moito que mudar e tanto a linguaxe como acabar cos prexuízos sexistas é unha parte máis para conseguir a igualdade.
 

luns, 25 de febreiro de 2019

Premios Rosalía en Sanxenxo

Celebramos o día de Rosalía premiando os traballos do concurso Rosalía en Sanxenxo. Aínda que nos tivese gustado unha maior participación, algúns traballos foron de moita calidade e non foi fácil para o xurado decidirse.
O concurso consistía en tirar unha fotografía dalgún lugar ou motivo do concello de Sanxenxo para ilustrar uns versos da nosa autora máis universal e este foi o resultado.

Aitor Martínez Hermida (Praza do Enxido-Portonovo)
Lucas Sueiro Fernández (Piñeiral de Baltar)
Sara Martínez (Paseo de madeira praia de Baltar)

Noraboa aos gañadores e a todos os participantes.

venres, 22 de febreiro de 2019

Día da lingua materna

Dende o ano 2000 celébrase cada 21 de Febreiro o día da lingua materna e este ano está adicado ás linguas indíxenas, en tanto factor de desenvolvemento, paz e reconciliación.
A lingua materna é aquela en que nenos e nenas aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.
Nós quixemos celebrar este día fotografándonos cunha palabra nosa para así darlle visibilidade ao noso idioma. Aquí tendes alguhas instantáneas...










 

As máis populares