domingo, 27 de marzo de 2022

Teatro. A señora de Forcadela

Os Quinquilláns é unha compañía teatral con máis de trinta anos de actividade. Dende o ano 2013 especialízase na creación de montaxes teatrais baseadas en feitos históricos para ser representadas en lugares emblemáticos e en celebracións de animación popular.



Nesta ocasión subiu ás táboas a obra A señora de Forcadela, unha montaxe creada a partir da biografía de Josefa García Segret, mestra e política galega que foi presa e represaliada como tantas outras mulleres durante a ditadura franquista. 



Alumnado de 2º e 3º de ESO ocupou o teatro Emilia Pardo Bazán para presenciar esta obra de pequeno formato onde Tero Rodríguez e Lucho Penabade encarnaron os momentos máis importantes da vida de Josefa García Segret.



 

 


Actividades O pasado por vir. Charla de Montse Fajardo "A memoria das mulleres"

Dentro do programa que desenvolve a Deputación de Pontevedra “O pasado por vir” quérese recoñecer a herdanza dunha xeración única e irrepetible a nivel  empresarial, político, cultural e social que os anos de ditadura pretenderon borrar pero que aínda na actualidade o seu legado segue a estar vivo. Por ese motivo é tan importante reivindicalo e dalo a coñecer entre a mocidade que nunha maioría aínda descoñece.

No IES Sanxenxo programamos dentro da semana cultural deste ano varias actividades relacionadas coa memoria histórica e a primeira delas foi a visita de Montse Fajardo que nos veu a falar da Represión contra as mulleres tras o golpe de estado de 1936.

Montse Fajardo é a coordinadora do programa “A memoria das mulleres” do Concello de Pontevedra e autora de libros relacionados coa memoria histórica como Matriarcas, Un cesto de mazás ou A vida incerta.

Na charla falouse das distintas maneiras de exercer a represión contra as mulleres e incidiuse na necesidade de lembrar ese tempo por anos silenciado.


A charla complementouse coa visita á exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, que estará aberta no centro durante unha quincena.

É unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.




 

A mostra divídese en tres bloques: O primeiro é o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República .

A segunda parte da exposición analiza as diferentes tipoloxías de represión que as mulleres padeceron. Moitas delas tendo como alvo cidadás significadas política ou sindicalmente e tamén ás familiares de homes perseguidos.

A terceira parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.


domingo, 20 de marzo de 2022

Semana Cultural IES Sanxenxo 2022

Estreamos a primavera cunha chea de actividades pois entre o luns 21 e o venres 25 de marzo serán moitas as que fagamos tanto dentro como fóra do noso instituto.

A Semana cultural deste ano vai adicada ao mar e moitas, aínda que non todas, das actividades teñen que ver con el.

Visitaremos a illa de San Simón na ría de Vigo, o espazo da lonxa de Portonovo que acaba de ser musealizado para pór en valor o pasado e presente mariñeiro da vila, recibiremos a visita das redeiras e dun mariñeiro que viviu nas Ons e que nos vai contar como era a vida daquela na illa. Tamén haberá ocasión de facer unha xornada de paddle surf ou escoitar ao poeta Antonio García Teijeiro cos seus poemas mariñeiros.

Pero ademais, dentro das actividades que está a realizar a deputación de Pontevedra sobre a memoria histórica teremos unha exposición sobre as Mulleres na posguerra que ilustrará Montse Fajardo. Tamén asistiremos a unha obra de teatro do grupo Os Quinquilláns ou aprenderemos a xogar ao fútbol gaélico, que para iso temos selección.

Podes ver e descargar o programa picando AQUÍ


 


 

Dobramos cinema en galego

As máis populares