martes, 30 de novembro de 2021

Non serei cómplice

Co lema Non serei cómplice imos conmemorar o 25N no noso centro un ano máis. Queremos facerlle chegar ao alumnado a mensaxe que debe quitar a venda dos ollos, atada polo descoñecemento, a comodidade, o medo, a falta de empatía e actúe ante a violencia machista.  


Así que deixamos no vestíbulo as nosas mensaxes de repulsa e tamén as nosas reflexións ante multitude de actitudes que denigran, minusvaloran e que causan dor.

Porque todos e todas podemos actuar para contribuír a erradicar a violencia cara ás mulleres. 





mércores, 17 de novembro de 2021

Obradoiro poético con Oriana Méndez

Oriana Méndez, a última gañadora do Premio de poesía Afundación, un dos máis prestixiosos de Galicia, visitounos o pasado 16 de Novembro para charlar de poesía co alumnado de 4º de ESO.

Esta actividade fai parte dos ENCONTROS LITERARIOS, que promove a Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura e que quere achegar aos centros de secundaria os propios autores para establecer un diálogo entre eles e os seus lectores e que poidan tamén coñecer eles como traballan o seu proceso creativo.



Oriana Méndez ao longo da súa traxectoria ten gañado os premios Premio de poesía concello de Carral no 2014 e o V certame de poesía Rosalía de Castro. É autora dos poemarios Derradeiras conversas co Capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede a caída é branco (2015), O corazón pronúnciase extenso (2019) e Interna (2021). Tamén colabora en diversas obras colectivas.




 


MAGOSTO 2021

Estamos en outono aínda que polo tempo non o pareza e chegada esta altura as castañas e o magosto é unha cita obrigada para moitos de nós. 
Ganas había de pasalo ben, de xogar á corda, ao pano, de decorar cabazas, de comer castañas asadas.
Había ganas de desfrutar e sentir que pouco a pouco todo acabará volvendo a ser igual ca antes.


MAGOSTO 2021 - Kizoa Movie Maker

luns, 1 de novembro de 2021

Lebres como gacelas.

Tomando como inspiración a obra Tigres coma cabalos (1990), na que cada poema da escritora Xela Arias confronta cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gil, nace este proxecto multidisciplinar que mestura palabra e imaxe, poesía e fotografía en perfecta simbiose. Lebres coma gacelas establece unha analoxía con ese curioso título, pero escolle dous nomes de animais en feminino cunha clara declaración de intencións, reforzada ademais pola asociación simbólica que estes teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.

Palabra e imaxe, poesía e fotografía, dialogan en homenaxe a Xela Arias na nova exposición que a Deputación de Pontevedra organiza no marco da celebración das Letras Galegas, reunindo 21 poemas das poetas Tamara Andrés, Alba Cid, Lorena Conde, Lara Dopazo, Miriam Ferradáns, Olga Novo e Antía Otero, que se inspiran nas imaxes dos tamén artistas referentes Eva Díez e Fran Herbello.

Accede á exposición AQUÍ

Agora a Deputación de Pontevedra estende a modo de concurso a idea desta exposición e desta volta será o alumnado de secundaria quen poida achegar as súas composicións a este concurso e así homenaxear outra volta á autora Xela Arias.

Pica na imaxe para consultar as bases de participación.

Dende o IES Sanxenxo alumnos e alumnas enviaron as súas propostas e estas son algunhas das enviadas. Por orde: Carmen Berreco, Zoe Cappellino, Verónica Vázquez e María Martínez

 








 

Dobramos cinema en galego

As máis populares