xoves, 20 de abril de 2023

Visita á Casa de Rosalía e roteiro rosaliano

A casa de Rosalía de Castro en Padrón é un lugar non só importante dende o punto de vista literario senón porque é un lugar imprescindible para entendermos a historia de Galicia dos últimos 150 anos.

Grazas ao programa que para centros escolares está a desenvolver a Deputación de Pontevedra alumnado de 2º de ESO visitou a casa da Matanza en Padrón, lugar dos últimos días da escritora galega máis universal e puideron coñecer algo máis sobre a súa vida e  a súa obra. Para practicamente todos esta era a primeira vez que visitaban a casa de Rosalía.


        

Despois realizamos o roteiro rosaliano De padrón polos camiños, deseñado polo profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón e que podes ver e descargar AQUÍ.

O roteiro lévanos por  lugares  relacionados coa escritora: o pazo do Arretén onde viviu a súa nai, a igrexa de Iria Flavia, a casa na rúa do sol de Padrón e o paseo do Espolón onde se encontra a estatua de Rosalía xunto ao río Sar.

Nós fixémolo á inversa, saíndo da casa museo de Rosalía e rematando na alameda de Padrón e foi unha experiencia moi proveitosa.




venres, 14 de abril de 2023

Encontro con Fran Alonso

Fran Alonso é un poeta e escritor de dilatada experiencia que leva moitos anos achegando a poesía aos máis novos en multitude de espazos. Ademais de cultivar infinidade de premios dentro da literatura galega ( o Branco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria do ano, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro infantil, a distinción White Ravens ou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia) e publicar regularmente en diferentes xéneros, é un  fiel coñecedor do panorama literario dado o seu labor de editor.
Durante a semana cultural veunos visitar para falar do seu poemario Street Poems libro que toma como inspiración os grafittis cos que o autor se foi atopando ao longo da súa vida, pois a maior parte deles están situados na súa propia cidade, ou en diferentes viaxes. 


As mensaxes que comunican ou as imaxes que quere resaltar son o punto de partida de cada un dos poemas. Fran Alonso foinos explicando onde se atopaban, as transformacións que sufriron ou por que os escolleu para facer unha poesía a partir deles.

 
 
Buscando a sorpresa en ocasións ou o desconcerto outras, o autor introducía elementos diversos, buscando sonoridades que encaixasen tanto co texto, a voz ou co ton do poema. Deste xeito no medio da charla xurdiron globos que estoupaban, instrumentos doutras latitudes que soaban a tormenta, crótalos e ata confeti.
 


Esta actividade desenvolveuse grazas ao patrocinio da Dirección General del libro y para el fomento de la lectura do Ministerio de Cultura. 







Dobramos cinema en galego

As máis populares