mércores, 24 de marzo de 2021

Matria. Curtametraxe e coloquio co seu director

O día 8 de marzo foi considerado como o Día Internacional da Muller, co obxectivo de facer visible a situación de discriminación que sofren as mulleres, tanto a nivel laboral como no eido persoal e familiar.

A loita pola igualdade continúa e se é verdade que se ten conseguido moito aínda estamos lonxe dunha igualdade total (as mulleres seguen a cobrar un 30% menos de salario de media cós homes, desempeñan traballos peor remunerados, habendo sectores moi feminizados como as conserveiras ou o sector téxtil. Tamén son elas quen soportan as cargas familiares: coidado dos fillos, de persoas dependentes, traballos do fogar e que motivan en moitos casos que abandonen a súa carreira profesional.

A curtametraxe que imos ver, Matria,  vai diso; de mulleres que teñen que loitar día a día para que este mundo noso siga xirando, sobrelevando unha existencia en ocasións sen moitas esperanzas e agarrándose a pequenas cousas que as fagan sentir vivas e que este mundo mereza a pena.

Puxémonos en contacto co director desta laureada e celebrada fita, que conseguiu no ano 2018 o premio á mellor curtametraxe de ficción no Festival de cine de Sundance, ademais doutros premios dentro e fóra de Galicia.

Álvaro Gago mantivo despois do visionado unha charla co alumnado, intercambiando impresións e contestando ás preguntas que todos lles fixemos.

Sinopse: Ramona vive co seu home, con quen apenas se fala, e traballa nunha fábrica de conservas dirixida por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e á súa neta. 

Está baseada na vida de Francisca Iglesias Bouzón, actriz principal e amiga persoal do director pois foi a coidadora do seu avó durante anos.

Máis información podes encontrala AQUÍ 


 

 


 

Dobramos cinema en galego

As máis populares