Amosando publicacións coa etiqueta obradoiro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta obradoiro. Amosar todas as publicacións

xoves, 2 de novembro de 2023

Obradoiro de regueifas con Pinto de Herbón

Hoxe fixemos un obradoiro de Regueifa!

A Regueifa era un pan de voda ou unha serie de versos en forma de desafío que alí se cantaban...ou ambas cousas a un tempo.

Este obradoiro de regueifas, que está a percorrer os centros de ensino secundario da provincia tráenos este saber popular, que ten moito de improvisación e de enxeño.

Todo isto que nos parece que é moderno coma o rap, o hip - hop, as pelexas de galos... xa vén de vello! E é noso e tamén doutras latitudes: de bertsolaris en Euskadi, desafíos en Portugal, glosas nas illas Baleares ou curranda en Cataluña.

O mestre de cerimonia foi o gran regueifeiro Pinto de Herbón que nos ensinou a técnica para compoñer unha regueifa, a improvisar e a perder a vergoña. 




 Porque os de Sanxenxo cando nos poñemos.....tamén sabemos REGUEIFAR



 

venres, 14 de abril de 2023

Encontro con Fran Alonso

Fran Alonso é un poeta e escritor de dilatada experiencia que leva moitos anos achegando a poesía aos máis novos en multitude de espazos. Ademais de cultivar infinidade de premios dentro da literatura galega ( o Branco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria do ano, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro infantil, a distinción White Ravens ou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia) e publicar regularmente en diferentes xéneros, é un  fiel coñecedor do panorama literario dado o seu labor de editor.
Durante a semana cultural veunos visitar para falar do seu poemario Street Poems libro que toma como inspiración os grafittis cos que o autor se foi atopando ao longo da súa vida, pois a maior parte deles están situados na súa propia cidade, ou en diferentes viaxes. 


As mensaxes que comunican ou as imaxes que quere resaltar son o punto de partida de cada un dos poemas. Fran Alonso foinos explicando onde se atopaban, as transformacións que sufriron ou por que os escolleu para facer unha poesía a partir deles.

 
 
Buscando a sorpresa en ocasións ou o desconcerto outras, o autor introducía elementos diversos, buscando sonoridades que encaixasen tanto co texto, a voz ou co ton do poema. Deste xeito no medio da charla xurdiron globos que estoupaban, instrumentos doutras latitudes que soaban a tormenta, crótalos e ata confeti.
 


Esta actividade desenvolveuse grazas ao patrocinio da Dirección General del libro y para el fomento de la lectura do Ministerio de Cultura. 







xoves, 28 de abril de 2022

Encontros con escritores no mes do libro

Durante o mes de abril convidamos a dous escritores para manter un encontro co alumnado. O primeiro foi Manuel Nuñez Singala que veu falar do oficio de escribir e conversar co alumnado de 1º de ESO que leu varios libros de teatro do autor: O achado do castro e Atranco no banco.

Contounos que aínda que pareza sinxelo tardou moito en escribilo porque o teatro require dunha técnica distinta a escrita de novela e porque facer comedia non é nada doado. Fixemos un pequeno experimento interpretando unha pequena escena dunha obra titulada O galán pillabán que resultou divertidísima.

Unha semana despois foi a quenda de Carlos Negro que realizou co alumnado de 2º ESO e do club de lectura un obradoiro de poesía. Os alumnos e alumnas foron os protagonistas e crearon, recitaron e compartiron os seus poemas.






mércores, 17 de novembro de 2021

Obradoiro poético con Oriana Méndez

Oriana Méndez, a última gañadora do Premio de poesía Afundación, un dos máis prestixiosos de Galicia, visitounos o pasado 16 de Novembro para charlar de poesía co alumnado de 4º de ESO.

Esta actividade fai parte dos ENCONTROS LITERARIOS, que promove a Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura e que quere achegar aos centros de secundaria os propios autores para establecer un diálogo entre eles e os seus lectores e que poidan tamén coñecer eles como traballan o seu proceso creativo.



Oriana Méndez ao longo da súa traxectoria ten gañado os premios Premio de poesía concello de Carral no 2014 e o V certame de poesía Rosalía de Castro. É autora dos poemarios Derradeiras conversas co Capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede a caída é branco (2015), O corazón pronúnciase extenso (2019) e Interna (2021). Tamén colabora en diversas obras colectivas.




 


venres, 10 de maio de 2019

Obradoiro de Poesía con Tamara Andrés


Visitounos esta mañá a poeta Tamara Andrés, unha prometedora poeta finalista do Premio Nacional de Poesía Joven "Miguel Hernández" polo seu poemario "O corpo de Antiochia" para falarnos de poesía, ensinarnos novos xeitos de crear, outras propostas feitas por xóvenes poetas onde non hai límites para a palabra. Onde a música, as artes plásticas e o vídeo tamén serven para contar e transmitir unha chea de cousas.

Poetas como Nuria Vil, Cinta Adhesiva ou Jesús Castro foron algúns exemplos dos que se valeu a autora para facernos descubrir outra perspectiva da poesía galega e en galego.


E despois de compartir, de falar e de escarvar en cada un dos poemas tocounos escribir e expresarnos. Ela deunos o pé e a nós tocounos tirar do fío...ata onde puidemos... 




sábado, 6 de abril de 2019

Obradoiro de regueifas


Antigamente a regueifa era un pan ou unha rosca que se regalaba nas vodas entre os convidados e que repartía aquel máis enxeñoso na arte da improvisación.
Co obxectivo que os xóvenes empreguen a lingua propia de xeito natural e a vinculen a actividades lúdicas mellorando a súa expresión oral estanse a desenvolver nos diferentes institutos de secundaria do concello un obradoiro de regueifas onde a axilidade mental, o ritmo e o enxeño son elementos primordiais para a composición destas coplas. Unha tradición presente en moitos lugares do mundo e que vinculan ao ser humano coas súas raíces e coa palabra, elemento indispensable para crear historias.
Lupe Gómez e Josinho de Tareixa son os encargados de guiar ao alumnado nesta arte da improvisación
Dúas sesións servirán para preparar a alumnos e alumnas de 2º de ESO para o certame intercentros que terá lugar o 11 de abril no Auditorio Emilia Pardo Bazán e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

mércores, 27 de marzo de 2019

Xornalismo na escola

O pasado xoves  alumnos de 3º ESO e 4º de ESO participaron no obradoiro desenvolvido polo Colexio de Xornalistas en colaboración coa Obra Social "La Caixa" co nome Xornalismo na escola e que xa vai pola 4ª edición.
Diferentes profesionais  impartirán estas  xornadas didácticas sobre comunicación a alumnos de 3º e 4º da ESO en Institutos de Ensino Secundario de toda a xeografía galega.
Un total de 90 obradoiros que teñen como  obxectivo introducir ao alumnado no mundo dos medios de comunicación, cada vez máis importante hoxe en día.
O alumnado tivo a oportunidade de entender o funcionamento dos medios de comunicación e coñecer o seu papel na sociedade, aprendendo a diferenciar entre as noticias reais e "fake news", contrastar informacións e fomentar o espírito crítico.

As máis populares