venres, 15 de decembro de 2023

Elixe a palabra do ano

Biodiversidade, cibercarracho, -a, cooficialidade, dereitos humanos, educación emocional e feitiño, -a. Estas son as seis voces que optan a se converter na Palabra do Ano 2023. A partir de hoxe e ata as 23:59 horas do luns 25 de decembro. Vós tendes a última palabra!

VOTADE AQUÍ E COMPARTIDE!

 

xoves, 16 de novembro de 2023

Educar en xustiza e visita á casa museo Ramón Cabanillas

O 9 de novembro celébrase cada ano o aniversario do pasamento do poeta Ramón Cabanillas e nesta ocasión aproveitando a efeméride o alumnado de 3º ESO visitou a casa do poeta cambadés tendo como guieiro ao académico da RAG Francisco Fernández Rei, que fixo un percorrido pola vida e a obra dun dos escritores máis importantes das nosas letras.




Tamén se achegaron ao xulgado de Cambados para ver de preto como se imparte a xustiza e coñecer as persoas e os procedementos dun xuízo.

xoves, 2 de novembro de 2023

Magosto 2023

Que sería do outono sen castañas? E que sería das castañas sen o magosto? O martes 31 de Outubro, véspera de Santos e do Samaín, véspera de cicloxéneses explosivas, faremos o que nunca nos cansamos de celebrar: comer as castañas, divertirnos, saber quen foron os gañadores dos concursos de sobremesas e de calacús e xogar ao pano, corda e pita cega...





E algún quixo vir disfrazado, que a noite habería que cumprir con outras tradicións importadas que ao tempo son tamén as propias que marcharon alén do atlántico séculos atrás. Se é que todo A VIDA É UN CONTINUO RETORNO






 

Obradoiro de regueifas con Pinto de Herbón

Hoxe fixemos un obradoiro de Regueifa!

A Regueifa era un pan de voda ou unha serie de versos en forma de desafío que alí se cantaban...ou ambas cousas a un tempo.

Este obradoiro de regueifas, que está a percorrer os centros de ensino secundario da provincia tráenos este saber popular, que ten moito de improvisación e de enxeño.

Todo isto que nos parece que é moderno coma o rap, o hip - hop, as pelexas de galos... xa vén de vello! E é noso e tamén doutras latitudes: de bertsolaris en Euskadi, desafíos en Portugal, glosas nas illas Baleares ou curranda en Cataluña.

O mestre de cerimonia foi o gran regueifeiro Pinto de Herbón que nos ensinou a técnica para compoñer unha regueifa, a improvisar e a perder a vergoña. 




 Porque os de Sanxenxo cando nos poñemos.....tamén sabemos REGUEIFAR



 

martes, 10 de outubro de 2023

José Gil, o pioneiro do cinema galego

A historia de José Gil é o relato da superación dun home que naceu pobre e humilde na pequena aldea de Rubiós, de As Neves, mais foi quen de construírse a si mesmo ata participar na orixe do cine cos seus 150 filmes.

Un home bo e xeneroso que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario dunha cultura. 

O CINEMÓBIL, patentado por José Gil, levaba os seus filmes para proxectalos en 1929 por toda Galicia.




Alumnado de 3º de ESO asistimos á proxección de 3 filmes de cinema mudo. O que podería ser unha sesión cinematográfica da época. Así puidemos ver: Un día nas carreiras, con Charles Chaplin; A vertixe, con Harold Lloyd e unha Antoloxía de imaxes de películas de José Gil.


Despois  estivemos coñecendo por dentro o cinemóbil e aprendendo moitas curiosidades de como era o cinema e a fotografía na época e de como José Gil puido facer cine, algo ao alcance de moi poucos, dende un recuncho da nosa xeografía naquela altura pouco desenvolvido.








 

 

 

sábado, 10 de xuño de 2023

Entrega de premios XVII Certame literario IES Sanxenxo e traballos publicados

O venres 9 de xuño como é costume tivo lugar a entrega de premios aos finalistas desta edición do Certame literario IES Sanxenxo. Tamén foi o momento de facer público o nome dos e das gañadoras en cada unha das categorías.

Como xa adiantaramos, este ano a participación superou todas as nosas expectativas, aínda que non puideron participar por diferentes motivos o CEIP A Florida e o CEIP de Nantes. 

O cantante Raúl, veciño do noso concello, puxo a música no acto de entrega e a concelleira de Cultura e educación Paz Lago, o libreiro Jaime Corral da librería Nós e a Presidenta da ANPA fixeron  entrega dos premios. 


CATEGORÍA A

FINALISTA

COLEXIO

POSICIÓN

Antía Balea González

CEIP PORTONOVO

1º PREMIO

Ana Cecilia Gómez Morriello

CEIP PORTONOVO

2º PREMIO

Sara Alonso Iglesias

CEIP PORTONOVO

FINALISTA

Blanca López Rodiño

CEIP PORTONOVO

FINALISTA

Enma Martínez López

CEIP PORTONOVO

FINALISTA

Adrián Martínez Rivas

CEIP PORTONOVO

FINALISTA


CATEGORÍA B

FINALISTA

COLEXIO

POSICIÓN

Mariña Fariña Alfonso

IES VILALONGA

1º PREMIO

Lucas Carrascal Bouzada

IES VILALONGA

2º PREMIO

Diana de Sousa Basdediós

IES VILALONGA

FINALISTA

Xiomara Dios Solano

IES SANXENXO

FINALISTA

Sofía Barragáns Pérez

IES VILALONGA

FINALISTA

Nerea Varela Garrido

IES VILALONGA

FINALISTA

Alba Domínguez Soutullo


IES VILALONGA

FINALISTA

Diana Prieto Lores

IES SANXENXO

FINALISTA

Irene Camiña Prieto

IES SANXENXO

FINALISTA

Sara Vlad Viso

IES VILALONGA

FINALISTA

 


CATEGORÍA C

FINALISTA

COLEXIO

POSICIÓN

Uxía Toba Poza

IES VILALONGA

1º PREMIO

Sara Rodiño Gondar

IES SANXENXO

2º PREMIO

Carla Barreiro Fontenla

IES VILALONGA

FINALISTA

Marta Infanzón Sabarís

IES SANXENXO

FINALISTA

Alicia Valle Besada

IES SANXENXO

FINALISTA

Laura Prieto Galiñanes

IES SANXENXO

FINALISTA

Carlota Pampín Leiro

IES SANXENXO

FINALISTA

Agatha Montes Machado

IES VILALONGA

FINALISTA

Proximamente serán publicados os traballos en papel e repartiranse os exemplares entre os centros participantes. Pódese descargar a publicación e ler os traballos gañadores e finalistas clicando na imaxe que hai embaixo.



mércores, 31 de maio de 2023

Certame Literario IES Sanxenxo 2023

Dezasete anos non son nada ou son moitos segundo se mire. A organización do certame supón todo un reto para o noso instituto ano tras ano pois son moitos os alumnos e alumnas que se mobilizan e se achegan para demostrar o seu talento e contribuír a manter viva a creación e a escrita en lingua galega.

 

Os textos escollidos desta volta foron dos autores Fran Alonso e Eva Mejuto. Douscentos setenta e cinco alumnos e alumnas déronse cita e encheron o pavillón para escribir durante case dúas horas. Nesta ocasión por motivos distintos e viaxes xa programadas non estivo o alumnado do CEIP A Florida nin CEIP Nantes pero foi a máis multitudinaria edición de cantas se recordan.

O vindeiro venres 9 de xuño será a entrega de premios no auditorio Emilia Pardo Bazán e alí estarán os e as finalistas para recolleren os seus premios en cadansúa categoría.



sábado, 13 de maio de 2023

XVII Certame literario IES Sanxenxo

O vindeiro 19 de maio reunirémonos centos de persoas para unha nova edición do Certame literario que cada ano organizamos dende o noso centro para todos os centros educativos do concello de Sanxenxo.

Xa van dezasete edicións e este ano agárdase que sexa das de maior asistencia de todas cantas levamos feitas.

Ás 11:00 comezará coa apertura dos sobres e durante dúas horas poderán compoñer, crear e idear o seu relato ou a súa poesía. Tres categorías (3º ciclo de primaria, 1º ciclo da ESO e 2º ciclo da ESO), dez finalistas por categoría e 9 gañadores en total para esta nova edición.




xoves, 20 de abril de 2023

Visita á Casa de Rosalía e roteiro rosaliano

A casa de Rosalía de Castro en Padrón é un lugar non só importante dende o punto de vista literario senón porque é un lugar imprescindible para entendermos a historia de Galicia dos últimos 150 anos.

Grazas ao programa que para centros escolares está a desenvolver a Deputación de Pontevedra alumnado de 2º de ESO visitou a casa da Matanza en Padrón, lugar dos últimos días da escritora galega máis universal e puideron coñecer algo máis sobre a súa vida e  a súa obra. Para practicamente todos esta era a primeira vez que visitaban a casa de Rosalía.


        

Despois realizamos o roteiro rosaliano De padrón polos camiños, deseñado polo profesor e escritor Manuel Lorenzo Baleirón e que podes ver e descargar AQUÍ.

O roteiro lévanos por  lugares  relacionados coa escritora: o pazo do Arretén onde viviu a súa nai, a igrexa de Iria Flavia, a casa na rúa do sol de Padrón e o paseo do Espolón onde se encontra a estatua de Rosalía xunto ao río Sar.

Nós fixémolo á inversa, saíndo da casa museo de Rosalía e rematando na alameda de Padrón e foi unha experiencia moi proveitosa.




venres, 14 de abril de 2023

Encontro con Fran Alonso

Fran Alonso é un poeta e escritor de dilatada experiencia que leva moitos anos achegando a poesía aos máis novos en multitude de espazos. Ademais de cultivar infinidade de premios dentro da literatura galega ( o Branco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria do ano, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro infantil, a distinción White Ravens ou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia) e publicar regularmente en diferentes xéneros, é un  fiel coñecedor do panorama literario dado o seu labor de editor.
Durante a semana cultural veunos visitar para falar do seu poemario Street Poems libro que toma como inspiración os grafittis cos que o autor se foi atopando ao longo da súa vida, pois a maior parte deles están situados na súa propia cidade, ou en diferentes viaxes. 


As mensaxes que comunican ou as imaxes que quere resaltar son o punto de partida de cada un dos poemas. Fran Alonso foinos explicando onde se atopaban, as transformacións que sufriron ou por que os escolleu para facer unha poesía a partir deles.

 
 
Buscando a sorpresa en ocasións ou o desconcerto outras, o autor introducía elementos diversos, buscando sonoridades que encaixasen tanto co texto, a voz ou co ton do poema. Deste xeito no medio da charla xurdiron globos que estoupaban, instrumentos doutras latitudes que soaban a tormenta, crótalos e ata confeti.
 


Esta actividade desenvolveuse grazas ao patrocinio da Dirección General del libro y para el fomento de la lectura do Ministerio de Cultura. 







venres, 10 de marzo de 2023

FESTIVAL ARI(T)MAR

A EOI de Santiago de Compostela organiza dende o ano 2016 este proxecto que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. Importantes intérpretes e grupos como António Zambujo, María do Cebreiro, Os azeitonas, Xabier Díaz, Tanxugueiras ou Ana Moura foron algúns dos gañadores de edicións anteriores.

O certame aRi[t]mar Galiza e Portugal é singular posto que é o único no ámbito peninsular en que o público escolle e premia cancións e poemas (non álbums ou poemarios) galegas e portuguesas. Ademais, para que un/ha músico/a (ou grupo musical) ou poeta poda voltar a ser premiado/a máis dunha vez teñen que transcorrer polo menos 5 anos, a contar desde o ano seguinte ao no que resultou gañador/-a.
Máis información na súa páxina ari(T)mar.
Aquí podes acceder ás votacións tanto para a Canción en Galego como para a Canción en Portugués. Tes ata o 27 de marzo.



Visita á Fortaleza de Valença e Festival de Teatro grecolatino

O alumnado de 4º de ESO acudiu ao Festival de Teatro grecolatino que cada ano organiza a Sección de Estudos clásicos da Universidade de Santiago de Compostela, e que entre outras cidades se desenvolveu na vila de Tui.

Aproveitamos o desprazamento para visitar a Fortaleza de Valença e coñecermos polo miúdo a rica historia que encerra este emprazamento militar. Durante unha hora fixemos un xogo de pistas onde tiñamos que buscar información e tirarnos fotos en lugares concretos para contestar no menor tempo posible ás cuestións que se nos preguntaban. Foi un xeito lúdico e divertido para coñecermos aspectos do pasado e do presente de Valença e tamén de Portugal.

Despois atravesamos a ponte para dirixirnos a Tui e ruamos pola súa zona histórica antes de asistir á representación Miles Gloriousus de Plauto. Unha versión MOI LIBRE do clásico latino.




Dobramos cinema en galego

As máis populares