xoves, 4 de abril de 2024

Dobramos cinema en galego

Este curso celebramos o 25 aniversario do IES Sanxenxo e durante a Semana Cultural fixemos moitas actividades co fío común do cinema.

Performances, trailers, actividades plásticas, entrega de premios... foron moitas as cousas que realizamos ao longo de cinco días moi intensos e moi creativos.

Dende o Departamento de Lingua Galega, xunto con Dinamización, fixemos un obradoiro de dobraxe e así cada grupo, que tiña asignado un filme para traballar sobre el, seleccionou un fragmento da película para poñerlle voz e dobrar ao galego aos seus protagonistas. 

Aquí vos deixamos unha mostra dos tres finalistas, simplemente pica na imaxe.





mércores, 3 de abril de 2024

ROTEIRO CASTELAO 2024

O roteiro Castelao é unha oportunidade para coñecermos a fermosa cidade de Pontevedra e tamén a importancia capital que ten a figura de Castelao para a nosa cultura e para a nosa conformación como pobo.

Esta son só algunhas das razóns polas que cada ano o alumnado de 4º de ESO visita a cidade do Lérez para descubrir a xenialidade do noso máis ilustre escritor, pintor, humanista, político e pensador.


Pasear por Pontevedra, visitar a Sala Castelao no Museo onde se expoñen algunhas das súas pezas máis sobranceiras, as estampas, o álbum Nós, as pinturas que anos atrás colgaban das paredes do Balneario de Mondariz é unha oportunidade que temos a obriga de aproveitar.


O día non nos axudou e a chuvia fixo que non puidésemos facer a totalidade do percorrido e tal vez poida servirnos de escusa para nun futuro volver a camiñar a cidade e encontrarlle o redescubrir aquela vila medieval chea de artesáns onde o comercio e as xentes bulían polas rúas e as prazas, historia viva de Galicia.




XVIII CERTAME LITERARIO IES SANXENXO

Convócase un ano máis a décimo oitava edición do Certame literario do IES Sanxenxo que nesta ocasión se celebrará o día 10 de maio de 2024. Este concurso, de fonda tradición no noso centro serve para abrir as portas a todos os estudantes do noso municipio dende 5º de EP ata 4º de ESO e que teñan inquietudes literarias.

Ademais ten a particularidade que todos e todas  as participantes escriben ao mesmo tempo e a partir dunha frase común, habendo 3 categorías diferenciadas e dúas modalidades: narrativa e poesía.

Se picas na imaxe poderás acceder ás BASES que rexen o certame.



xoves, 7 de marzo de 2024

ARITMAR

Un novo ano celébrase o certame aRi[t]mar Galiza e Portugal onde o público escolle e premia cancións e poemas (non álbums ou poemarios) galegas e portuguesas. 


Entre os finalistas galegos encóntranse: 

Cachondemia,Ataque Escampe - Viaxamos a Miami, Caamaño&Ameixeiras - Ai de min, Davide Salvado / Permita Deus - Bulerías da Lúa, De Ninghures - Morena, Festicultores Troupe - Olivia Newton Jhon era de Pantón, Grande Amore - Onde ela me quer levar, Mondra - Ardén, Ruxe Ruxe - Vaia onde vaia e The Rapants -Fai tempo.

 E entre as músicas portuguesas:A Garota Não - 422, Ana Bacalhau - Não Vás Embora, Rapaz!,Buba EspinhoAo Teu Ouvido feat. Bárbara Tinoco, Carlão - Mais!, Carolina Deslandes - Saia da Carolina, Luísa Sobral - Serei Sempre uma Mulher, Maro - Oxalá, Miguel Araújo Sagitário, Os Quatro e Meia - Na Escola e Pedro Mafama - Preço 

Certo.

Máis información na súa páxina ari(T)mar.

Escoita os finalistas e vota a canción que máis che guste


martes, 5 de marzo de 2024

Encontro con Andrea Maceiras

O mes de febreiro estivo cargado de literatura, de palabras e de historias. Nel coincidiron tres mulleres que están a triunfar nas nosas letras: Eva Mejuto, Rocío Leira e Andrea Maceiras.

Todas elas viñeron falar dos seus libros. As dúas primeiras porque formaban parte dos títulos que o Club de lectura estivo a ler nos últimos meses e no caso de Andrea Maceiras porque levabamos tempo querendo que viñese a encontrarse co alumnado que acostuma a ler os seus libros.



A literatura, a importancia das palabras, das historias pero tamén dos silencios e sobre todo que nunca deixemos de ler e buscar nos libros momentos para o lecer e a aprendizaxe.


Dobramos cinema en galego

As máis populares