martes, 30 de novembro de 2021

Non serei cómplice

Co lema Non serei cómplice imos conmemorar o 25N no noso centro un ano máis. Queremos facerlle chegar ao alumnado a mensaxe que debe quitar a venda dos ollos, atada polo descoñecemento, a comodidade, o medo, a falta de empatía e actúe ante a violencia machista.  


Así que deixamos no vestíbulo as nosas mensaxes de repulsa e tamén as nosas reflexións ante multitude de actitudes que denigran, minusvaloran e que causan dor.

Porque todos e todas podemos actuar para contribuír a erradicar a violencia cara ás mulleres. 





mércores, 17 de novembro de 2021

Obradoiro poético con Oriana Méndez

Oriana Méndez, a última gañadora do Premio de poesía Afundación, un dos máis prestixiosos de Galicia, visitounos o pasado 16 de Novembro para charlar de poesía co alumnado de 4º de ESO.

Esta actividade fai parte dos ENCONTROS LITERARIOS, que promove a Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura e que quere achegar aos centros de secundaria os propios autores para establecer un diálogo entre eles e os seus lectores e que poidan tamén coñecer eles como traballan o seu proceso creativo.



Oriana Méndez ao longo da súa traxectoria ten gañado os premios Premio de poesía concello de Carral no 2014 e o V certame de poesía Rosalía de Castro. É autora dos poemarios Derradeiras conversas co Capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede a caída é branco (2015), O corazón pronúnciase extenso (2019) e Interna (2021). Tamén colabora en diversas obras colectivas.




 


MAGOSTO 2021

Estamos en outono aínda que polo tempo non o pareza e chegada esta altura as castañas e o magosto é unha cita obrigada para moitos de nós. 
Ganas había de pasalo ben, de xogar á corda, ao pano, de decorar cabazas, de comer castañas asadas.
Había ganas de desfrutar e sentir que pouco a pouco todo acabará volvendo a ser igual ca antes.


MAGOSTO 2021 - Kizoa Movie Maker

luns, 1 de novembro de 2021

Lebres como gacelas.

Tomando como inspiración a obra Tigres coma cabalos (1990), na que cada poema da escritora Xela Arias confronta cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gil, nace este proxecto multidisciplinar que mestura palabra e imaxe, poesía e fotografía en perfecta simbiose. Lebres coma gacelas establece unha analoxía con ese curioso título, pero escolle dous nomes de animais en feminino cunha clara declaración de intencións, reforzada ademais pola asociación simbólica que estes teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.

Palabra e imaxe, poesía e fotografía, dialogan en homenaxe a Xela Arias na nova exposición que a Deputación de Pontevedra organiza no marco da celebración das Letras Galegas, reunindo 21 poemas das poetas Tamara Andrés, Alba Cid, Lorena Conde, Lara Dopazo, Miriam Ferradáns, Olga Novo e Antía Otero, que se inspiran nas imaxes dos tamén artistas referentes Eva Díez e Fran Herbello.

Accede á exposición AQUÍ

Agora a Deputación de Pontevedra estende a modo de concurso a idea desta exposición e desta volta será o alumnado de secundaria quen poida achegar as súas composicións a este concurso e así homenaxear outra volta á autora Xela Arias.

Pica na imaxe para consultar as bases de participación.

Dende o IES Sanxenxo alumnos e alumnas enviaron as súas propostas e estas son algunhas das enviadas. Por orde: Carmen Berreco, Zoe Cappellino, Verónica Vázquez e María Martínez

 








 

martes, 15 de xuño de 2021

Revista Aquelar nº 20

Finaliza o curso e xa van uns cantos. Nesta ocasión faltaron momentos de lecer, saídas, viaxes, xuntanzas e unha morea de cousas que adoitamos facer ano a ano.

Comezamos coa esperanza de ter un ano normal dentro desa nova normalidade que non cansaban de lembrarnos os medios de comunicación e as institucións, cruzando os dedos para que non nos pechasen, nin volvesen a confinarnos, nin nos fixesen test e, polo que parece, non o debemos facer tan mal.

Nos vindeiros días sairá publicada o número 20 da revista AQUELAR  pero para os máis impacientes deixámosvola aquí para que poidades descargala. Só tes que picar na IMAXE DE PORTADA.



xoves, 3 de xuño de 2021

XV Certame Literario IES Sanxenxo

Logo de vérmonos obrigados a suspender no 2020 o certame por mor da pandemia, este ano a pesar das incertezas, protocolos e restricións tiñamos o convencemento de organizar a décimo quinta edición aínda que non puidese ser como de costume.

A recepción da idea por parte de todos os centros participantes do concello non puido ser máis entusiasta e colaborativa e de feito igualamos o número de participantes de pasadas edicións, chegando este ano aos 230 alumnos e alumnas.


O pasado día 21 de maio celebrouse simultaneamente á mesma hora en cada un dos centros, que xa dispoñían previamente das plicas e dos sobres con toda a información.

Nesta ocasión non puidemos concentrar no pavillón ao alumnado participante e tivemos que dispoñelos en diferentes aulas para así poder manter a distancia de seguridade.



A próxima semana daremos a coñecer os 10 finalistas en cada unha das categorías e os traballos gañadores que serán editados.

martes, 25 de maio de 2021

Videopoemas Manuel María. Mención de honra para o IES Sanxenxo

O pasado 15 de maio tivo lugar a entrega dos premios da IVª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Dous dos traballos presentados polo IES Sanxenxo (Desexo III e Canción II) foron parte dos 10 finalistas dun total de 120 traballos presentados de centros educativos de toda Galicia: Vigo, A Coruña, Burela, Rianxo, Gondomar, A Guarda, Ourense, Narón, Sarria, O Milladoiro, Portonovo, Lugo, Guitiriz, Carballo, Marín, Porriño, Panxón, Rodeiro, Xanceda, Palas de Rei, Ferrol, Noia, Ribadumia...

Aquí deixamos o traballo gañador da mención de honra DESEXO III  e o finalista CANCIÓN II


O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, outorgou unha mención de honra ao videopoema Desexo III, realizado polas alumnas do IES Sanxenxo de Portonovo, Marta González Bermúdez, Lucía Sanmartín Fraga, Clara Sueiro Figueiras, Ainara Vidal Domínguez e Érika Torres Miniño. Deste traballo, o xurado salientou a acertada escolla do encadramento vertical e o branco e negro para a imaxe que, acompañada do son como elemento narrativo, recrea de xeito moi eficaz e moi persoal o poema.

Por último queremos compartir outras propostas  feitas polo alumnado de 4º de ESO a partir de diferentes poemas do autor chairego.                                                             







luns, 26 de abril de 2021

Recital poético musical Xela Arias

O venres 23 de Abril quixemos conmemorar o Día do Libro cun recital poético- musical que serviu de homenaxe á poeta Xela Arias. Conxuntamente co departamento de música, quixemos deste xeito dar a coñecer as novas voces da poesía galega actual, que conseguen abrir novos camiños e están a colleitar importantes premios fóra das nosas fronteiras.


Poesías de
Gonzalo Hermo, Martín Veiga, Berta Dávila, Baldo Ramos, Fran Alonso, Ana Romaní, Olga Novo, Estevo Creus , María Lado ou Ismael Ramos foron interpretadas por alumnos e alumnas de 1º, 3º e 4º de ESO; poñendo de manifesto a pluralidade de estilos e sensibilidades.

Tamén houbo un oco para lermos poemas das autoras que gañaron nos últimos anos o Premio Nacional de Poesía, como son: Olga Novo e Pilar Pallarés.

No bloque final interpretaron poemas de cada unha das obras de Xela Arias, poeta homenaxeada nas Letras Galegas 2021.
Rematamos o acto coa canción Negra Sombra, interpretada pola alumna Andrea Méndez acompañada á guitarra por Marcial Escudero.

 

mércores, 21 de abril de 2021

Descubrindo o noso. Viaxando polo mar de Arousa

Tan atípico está a ser este curso que por vez primeira saímos do centro para facermos unha excursión. A pandemia e as medidas sanitarias fixeron restrinxir tanto as actividades que esta viaxe foi para todos nós coma unha beizón.

A organización de produtores de mexillón de Galicia convidounos a unha viaxe en catamarán pola ría de Arousa para coñecermos o proceso do cultivo e da explotación do mexillón nas bateas. Este foi o 1º premio conseguido polas alumnas Ainara Vidal e Marta González no concurso audiovisual do programa Batéate.

Así que aproveitamos e achegámonos de paso ao parque natural do Carreirón, na illa de Arousa porque na bisbarra do Salnés hai moito que descubrir e que ver. 
A rica natureza da zona permite conservar unha gran diversidade de ecosistemas, desde os sistemas dunares, pasando polas marismas, as matogueiras, os piñeirais ou a impresionante paisaxe submarina do seu litoral. O Parque é unha península unida á illa polo tómbolo das Salinas, que mide 1,3 Km2 e que está en estado completamente puro, con carreiros que o percorren. Fixemos unha rota de sendeirismo polo perímetro deste espazo natural tan interesante, cheo de fermosas paisaxes, praias de ensoño e lugar de onde aniñan multitude de especies de aves.

Despois desprazámonos á vila de Cambados para embarcar e non só desfrutamos dunha agradable viaxe senón que tamén puidemos degustar os mexillóns logo de escoitar as explicacións que nos deron sobre o proceso de cultivo e explotación comercial deste bivalvo.

Antes de regresarmos fixemos unha breve paradiña na por excelencia vila do albariño, percorrendo as súas rúas cargadas de historia




luns, 19 de abril de 2021

Pegadas do mar e da terra. José Suárez


Durante case dous meses A mostra antolóxica José Suárez. 1902-1974, poderá visitarse no edificio Castelao (antes Sexto Edificio) do 2 de marzo ao 18 de abril e nela recóllese a obra dun dos máis vangardistas e orixinais fotógrafos galegos do século XX.

Xunto a selección de 150 fotografías amósase un número importante de cartas, documentos, libros e catálogos que axudan a dar unha visión de conxunto da súa actividade profesional.

Esta proposta expositiva, comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manolo Sendón, está dividida en tres sección nas que se recolle as fotografías de campesiños e mariñeiros galegos realizadas nos anos 30, a súa etapa no exilio, na que compatibiliza fotografía e cine e o seu retorno a Galicia en 1959.


Como actividade complementaria á exposición de José Suárez o museo convocou o concurso de fotografía dixital  feita co móbil Pegadas do mar e da terra para as mozas e mozos que cursen ESO ou Bacharelato. Entre os trece centros participantes foi unha das catro gañadoras Cecilia González Padín, de 4º de ESO, coa súa fotografía titulada Redes viúvas.

José Suárez inmortalizou coa súa cámara o traballo das nosas xentes e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas deben ser en branco e negro e xirar en torno a unha destas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais…

 
Para saberdes máis sobre esta nova podedes acceder á noticia no Diario de Pontevedra premendo AQUÍ . Tamén na páxina do museo AQUÍ
 

 

 

 

mércores, 24 de marzo de 2021

Matria. Curtametraxe e coloquio co seu director

O día 8 de marzo foi considerado como o Día Internacional da Muller, co obxectivo de facer visible a situación de discriminación que sofren as mulleres, tanto a nivel laboral como no eido persoal e familiar.

A loita pola igualdade continúa e se é verdade que se ten conseguido moito aínda estamos lonxe dunha igualdade total (as mulleres seguen a cobrar un 30% menos de salario de media cós homes, desempeñan traballos peor remunerados, habendo sectores moi feminizados como as conserveiras ou o sector téxtil. Tamén son elas quen soportan as cargas familiares: coidado dos fillos, de persoas dependentes, traballos do fogar e que motivan en moitos casos que abandonen a súa carreira profesional.

A curtametraxe que imos ver, Matria,  vai diso; de mulleres que teñen que loitar día a día para que este mundo noso siga xirando, sobrelevando unha existencia en ocasións sen moitas esperanzas e agarrándose a pequenas cousas que as fagan sentir vivas e que este mundo mereza a pena.

Puxémonos en contacto co director desta laureada e celebrada fita, que conseguiu no ano 2018 o premio á mellor curtametraxe de ficción no Festival de cine de Sundance, ademais doutros premios dentro e fóra de Galicia.

Álvaro Gago mantivo despois do visionado unha charla co alumnado, intercambiando impresións e contestando ás preguntas que todos lles fixemos.

Sinopse: Ramona vive co seu home, con quen apenas se fala, e traballa nunha fábrica de conservas dirixida por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e á súa neta. 

Está baseada na vida de Francisca Iglesias Bouzón, actriz principal e amiga persoal do director pois foi a coidadora do seu avó durante anos.

Máis información podes encontrala AQUÍ 


 

 


 

xoves, 18 de febreiro de 2021

Cal é a túa heroína?

Ao longo da historia moitas mulleres loitaron por facerse un sitio e, agás contadas
excepcións, as mulleres foron sempre silenciadas. Pero isto non vai de lembrar algúns nomes que transcenderon senón falar de nós e do próximo e poñer en valor o labor, a coraxe, a loita e a ousadía de mulleres que nos inspiran.
Hai nais, avoas, mulleres que non aceptan un non. Hai mulleres que deben afrontar a vida soas, que coidan de nós, que non se renden ante a enfermidade e tamén as que cada día loitan por romper ese teito de cristal invisible.
Queremos que nos contes algo da vida ou do quefacer destas mulleres inspiradoras, da TÚA VERDADEIRA HEROÍNA...


QUE TES QUE FACER?

Debes escribir un pequeno TEXTO onde contes a historia da túa heroína particular. Será alguén que coñeces e que queiras poñer en valor polo que representa tanto na túa vida, no seu traballo ou na súa actividade cara á sociedade.
Ese texto estará acompañado dunha FOTOGRAFÍA onde a retrates. Pode ser un retrato persoal ou contextualizado no espazo onde traballa, nun lugar especial ou que teña que ver coa historia que contas.

Importante que a fotografía teña unha boa resolución 

Os traballos recolleranse ata o 12 de MARZO ben polo/a profesor/a ou enviándoo ao correo endlsanxenxo@gmail.com e precisamos contar co permiso das persoas fotografadas. Haberá premios para os mellores traballos.
Coas mellores imaxes e semblanzas fixemos unha mostra que teremos exposta no vestíbulo do centro durante o mes de abril.
 


 


luns, 8 de febreiro de 2021

ESOPÍAS

Unha Esopía é un relato, comentario ou poema, cun máximo de 140 carácteres, onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π:  3.14159265358979323846264338327

En colaboración co departamento de matemáticas o EDL pediulles ao alumnado que inventasen unha esopía en lingua galega e o resultado foi excelente a xulgar polos traballos.

Vin o home a moita distancia da igrexa, 

cando fun coller papoulas.

Busqueinas mentres

chegabades coa la das bufandas

para cubrir os xeados cans,

con iso comprarei uns de cristal.

Ana Deza 4ºA

 

Alí, a vila, a xente en sábados beben luz,

falan ensinando ideoloxía neutral,

alumeando aos de alí,

dos partidos do centro de España.

Iso era antes, naqueles días

do albariño.

Pablo García López 4ºA

 


Día e anos, e horas seguintes,

os tempos vanse cos meses cruzando,

disfrutas véndoos marchando,

só ou con calquera.

Aitana Paradela 2º A

 

Non o soño, é o único

imposibel de contar

posúe ese aquel

Numerado inxenioso

evocado labirinto

que dá coa vangarda

Novo ensino da ciencia

seña que vai infinita

rei PI, inédito

Marta Maquieira 4ºC


Sol e auga, o tempo ilimitado

xa sairon mozos con mozas

benvidas continuas, calores abafantes.

Sen ti non poderían sair flores de verdes tons,

nin esa simpatía que me encanta

Lucía Sanmartín Fraga 4ºC




domingo, 7 de febreiro de 2021

Pasapalabra. Canto sabes dos entroido tradicionais en Galicia?

Deixámosvos un Pasapalabra moi divertido feito por Mar Hermida Pico para comprobar canto sabes sobre o entroido galego e que está aloxado na páxina Aulas Galegas.

De paso podes repasar a información sobre os entroidos que figura neste blog e que podes ver picando AQUÍ.

Anímate a xogar: Pasapalabra Entroido



30 propostas de música en galego

Deixamos esta interesante selección de grupos e artistas do panorama musical galego actual feita por Nel Barral. É unha selección de 30 propostas  de diferentes estilos especialmente pensada para xente moza: pop, hip hop, rock, tradicional, trap, electrónica…



martes, 26 de xaneiro de 2021

Escaleiras Carvalho Calero

A pandemia e a suspensión das actividades lectivas fixo que pasase inadvertido un autor reclamado durante anos por moitos colectivos culturais, asociacións e persoas de toda clase. Para conmemorar o Día das Letras Galegas 2020 decidiramos facer unha intervención artística, embelecendo unha parte do edificio, nas escaleiras que dan acceso ao primeiro andar e que veñen da porta traseira que une co pavillón e co patio exterior.


Non quixemos deixar pasar a oportunidade e aínda que tarde retomamos a idea que quedara en suspenso a finais do curso pasado e puxémonos mans á obra e xunto co alumnado TIC de 4º de ESO confeccionamos os carteis que conforman un dos poemas do autor ferrolán UN CABELO DE ANXO (respectando na súa integridade a ortografía coa que foi escrito).

Así, a única escaleira que hai no noso centro pasa a ser Escaleiras Carvalho Calero e cada vez que subamos poderemos pousar os ollos e ler as palabras poderosas dun gran escritor.


Un cabelo de anjo

pendurado do ceo,
se non é a espada de Damocles
é adival para o espírito,
xemido equilibrista,
que, nel agarrado,
pode arrandear sobre a terra
e crer que é a araña dun fío

tirado do seu propio miolo,
cordón umbilical que o vencella
ao seu niño que está no azul.
Mais non sabemos
que é o norte, que é o sul,
o cénit e a
nada,
a vida e a morte,
a terra e o ceo,
cal é o metro que leva ao paraíso
e que aeronave nos conduz ao inferno.

Dobramos cinema en galego

As máis populares