mércores, 19 de xuño de 2019

Revista AQUELAR

Outro ano que remata e foron moitas as actividades que levamos a cabo. De moitas delas xa demos conta ao longo do curso pero outras quedaron penduradas nas paredes, gardadas nos  cartafoles e a maioría nos recordos de todos e de todas.
Coa revista que cada ano editamos queremos facer unha síntese senón de todas polo menos da grande parte delas.
Aquí vola deixamos  para que poidades relembrar todo aquilo que fixemos xuntos este curso que agora remata.
Pincha na imaxe e terás acceso á información.


https://drive.google.com/file/d/1E5HX2manasbFul2lct1j13ZfJhhOzOse

domingo, 16 de xuño de 2019

Entrega de premios XIV Certame Literario


Eran as 8 da tarde e máis dun cento de  persoas ían acomodándose no auditorio Emilia Pardo Bazán. O motivo non era outro que coñecer os gañadores do certame literario.

Os presentadores Cecilia González e Iván Burgos fixeron de mestres de cerimonia nunha tarde onde non faltou nada. 

A música  estivo a cargo de Adrián Torres, cantautor pontevedrés afincado no Grove, que puxo un toque de cor e ritmo a toda a velada.

O escritor convidado Xesús Constela na súa intervención animou a todos a seguir escribindo porque se hai algo marabilloso é crear historias e mundos diferentes; pero aínda moito máis é compartilo cos demais.
Apostou porque iniciativas coma estas teñan continuidade porque son moi importantes para achegar a mocidade á literatura.



Os trinta finalistas das diferentes categorías foron subindo ao estrado para recoller o diploma e o seu agasallo particular. 
Aitor Martínez recolleu o premio do concurso de logo, convocado pola ANPA, e que a partir de agora será a imaxe do noso centro. Co mar como fonte de inspiración, nel están presentes os diferentes azuis do mar e as ondas. Un fermoso deseño que gustou a todos.

Os gañadores da categoría A, para alumnado de 5º e 6º de EP foron para:
Uxío Rodríguez Gómez (1º Premio) e Alicia Valle Besada (2º Premio). Ambos do CEIP A Florida de Sanxenxo.
Mentres que para a categoría B, para alumnado de 1º e 2º de ESO, as premiadas foron:
Eva de Apellániz Álvarez (IES Vilalonga) 1º Premio
María Dono Gómez (IES Sanxenxo) 2º Premio

Os gañadores da categoría C, que correspondía a alumnado de 3º e 4º de ESO, recaeu en:
Natalia Piñeiro Oubiña (IES Sanxenxo) 1º Premio
Mario Santiso Ferreirós (IES Vilalonga) 2º Premio.
O noso máis sincero agradecemento tanto á ANPA, ao concello de Sanxenxo e especialmente ao escritor Xesús Constela e aos membros do xurado: Mar Caneda, Mª José Iglesia, Gloria Fontán, Tamara Andrés e Xosé Iglesias.


Dobramos cinema en galego

As máis populares