Amosando publicacións coa etiqueta Castelao. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Castelao. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de abril de 2024

ROTEIRO CASTELAO 2024

O roteiro Castelao é unha oportunidade para coñecermos a fermosa cidade de Pontevedra e tamén a importancia capital que ten a figura de Castelao para a nosa cultura e para a nosa conformación como pobo.

Esta son só algunhas das razóns polas que cada ano o alumnado de 4º de ESO visita a cidade do Lérez para descubrir a xenialidade do noso máis ilustre escritor, pintor, humanista, político e pensador.


Pasear por Pontevedra, visitar a Sala Castelao no Museo onde se expoñen algunhas das súas pezas máis sobranceiras, as estampas, o álbum Nós, as pinturas que anos atrás colgaban das paredes do Balneario de Mondariz é unha oportunidade que temos a obriga de aproveitar.


O día non nos axudou e a chuvia fixo que non puidésemos facer a totalidade do percorrido e tal vez poida servirnos de escusa para nun futuro volver a camiñar a cidade e encontrarlle o redescubrir aquela vila medieval chea de artesáns onde o comercio e as xentes bulían polas rúas e as prazas, historia viva de Galicia.




xoves, 9 de febreiro de 2023

Roteiro Castelao

En marzo de 1947, nunha carta que envía Castelao ao presidente do centro pontevedrés de Bos Aires dille: "Non son, pois, un pontevedrés de partida de nascimento, que ás veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra"

A cidade de Pontevedra, neste roteiro, convértese na testemuña da vida de Castelao e do seu traballo a prol da nosa lingua. O paseo serve para recordar outros fitos da historia da cidade.


O percorrido comeza na praza de San Xosé cunha parada no edificio onde se situaba o Café Moderno, rúa da Oliva (fronte a casa onde viviu Castelao), praza da Ferraría, praza da Verdura, praza da Leña, igrexa de San Bartolomeu, Sexto Edificio do Museo, praza da Pedreira, rúa César Boente, praza de Méndez Núñez, rúa Real, praza das Cinco Rúas, praza do Teucro, Teatro Principal, praza de Santa María.



 

 

luns, 7 de febreiro de 2022

Roteiro Castelao e visita ao museo de Pontevedra

O venres 4 alumnado de 4º de ESO fixo o percorrido do roteiro Castelao polas rúas de Pontevedra, coñecendo non só o periplo vital do xenial artista rianxeiro senón tamén descubrindo o pasado da zona histórica da cidade de Pontevedra, que non por estar próxima resulta tan coñecida.
 

Como eramos moitos dividímonos para así poder visitar en pequenos grupos o museo de Pontevedra, deténdonos na sala que alberga a maioría da obra de Castelao. 



Alí encóntranse non só os cadros de grande formato e outros tamén moi coñecidos e difundidos do álbum Nós; senón tamén algúns obxectos persoais como os seus lentes, as gubias para facer os gravados e primeiras edicións dos seus libros.
 
 
En definitiva, unha mañá moi agradable  e  chea de descubrimentos.
Se queres coñecer máis sobre o roteiro Castelao podes picar AQUÍ.

venres, 12 de abril de 2019

Roteiro Castelao

Alumnos de 4º ESO percorreron as rúas da parte histórica de Pontevedra e imaxinaron aqueles anos en que Castelao viviu na cidade do Lérez e onde desenvolveu unha intensa actividade cultural, artística e política.
Foi un paseo pola cidade medieval e polas rúas que conservan os nomes dos oficios de antano como: toneleiros, picheleiros. Polas prazas onde se vendían as sementes, as verduras ou as aves de curral (Da Herba, da Alfóndiga, da Verdura ou da Leña)-
Parada obrigada foi visitar o Museo de Pontevedra e unha remodelada sala que alberga a obra pictórica máis importante do autor rianxeiro.



Meu estimado compatriota,
Non teño ningún documento, nin tan siquera unha partida de nascimento para acreditar a miña calidade de pontevedrés; pero se non fun consultado antes de nascer, sábese ben que des-pois de ter nascido escollín a Pontevedra para vivir e morrer, e se tal programa non chega a complirse non será certamente por culpa miña. Non son, pois, un pontevedrés de partida de nascimento, que ás veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra.”
 
Castelao, 31 de marzo de 1947
Para saber máis sobre o roteiro pincha aquí



As máis populares