mércores, 31 de maio de 2023

Certame Literario IES Sanxenxo 2023

Dezasete anos non son nada ou son moitos segundo se mire. A organización do certame supón todo un reto para o noso instituto ano tras ano pois son moitos os alumnos e alumnas que se mobilizan e se achegan para demostrar o seu talento e contribuír a manter viva a creación e a escrita en lingua galega.

 

Os textos escollidos desta volta foron dos autores Fran Alonso e Eva Mejuto. Douscentos setenta e cinco alumnos e alumnas déronse cita e encheron o pavillón para escribir durante case dúas horas. Nesta ocasión por motivos distintos e viaxes xa programadas non estivo o alumnado do CEIP A Florida nin CEIP Nantes pero foi a máis multitudinaria edición de cantas se recordan.

O vindeiro venres 9 de xuño será a entrega de premios no auditorio Emilia Pardo Bazán e alí estarán os e as finalistas para recolleren os seus premios en cadansúa categoría.



sábado, 13 de maio de 2023

XVII Certame literario IES Sanxenxo

O vindeiro 19 de maio reunirémonos centos de persoas para unha nova edición do Certame literario que cada ano organizamos dende o noso centro para todos os centros educativos do concello de Sanxenxo.

Xa van dezasete edicións e este ano agárdase que sexa das de maior asistencia de todas cantas levamos feitas.

Ás 11:00 comezará coa apertura dos sobres e durante dúas horas poderán compoñer, crear e idear o seu relato ou a súa poesía. Tres categorías (3º ciclo de primaria, 1º ciclo da ESO e 2º ciclo da ESO), dez finalistas por categoría e 9 gañadores en total para esta nova edición.




Dobramos cinema en galego

As máis populares