Amosando publicacións coa etiqueta saídas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta saídas. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de maio de 2024

Casa museo Rosalía de Castro

Un novo ano, e agardamos que se converta nun costume, visitamos a Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón co alumnado de 2º de ESO. A actividade foi algo máis que visitar a casa onde Rosalía pasou os seus últimos anos pois tamén recitamos poemas da autora tanto no fermoso xardín da Casa da Matanza como nas rúas de Padrón que serviron para ilustrar parte da vida da nosa poeta máis universal.






Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra


xoves, 16 de novembro de 2023

Educar en xustiza e visita á casa museo Ramón Cabanillas

O 9 de novembro celébrase cada ano o aniversario do pasamento do poeta Ramón Cabanillas e nesta ocasión aproveitando a efeméride o alumnado de 3º ESO visitou a casa do poeta cambadés tendo como guieiro ao académico da RAG Francisco Fernández Rei, que fixo un percorrido pola vida e a obra dun dos escritores máis importantes das nosas letras.




Tamén se achegaron ao xulgado de Cambados para ver de preto como se imparte a xustiza e coñecer as persoas e os procedementos dun xuízo.

martes, 10 de outubro de 2023

José Gil, o pioneiro do cinema galego

A historia de José Gil é o relato da superación dun home que naceu pobre e humilde na pequena aldea de Rubiós, de As Neves, mais foi quen de construírse a si mesmo ata participar na orixe do cine cos seus 150 filmes.

Un home bo e xeneroso que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario dunha cultura. 

O CINEMÓBIL, patentado por José Gil, levaba os seus filmes para proxectalos en 1929 por toda Galicia.




Alumnado de 3º de ESO asistimos á proxección de 3 filmes de cinema mudo. O que podería ser unha sesión cinematográfica da época. Así puidemos ver: Un día nas carreiras, con Charles Chaplin; A vertixe, con Harold Lloyd e unha Antoloxía de imaxes de películas de José Gil.


Despois  estivemos coñecendo por dentro o cinemóbil e aprendendo moitas curiosidades de como era o cinema e a fotografía na época e de como José Gil puido facer cine, algo ao alcance de moi poucos, dende un recuncho da nosa xeografía naquela altura pouco desenvolvido.








 

 

 

venres, 10 de marzo de 2023

Visita á Fortaleza de Valença e Festival de Teatro grecolatino

O alumnado de 4º de ESO acudiu ao Festival de Teatro grecolatino que cada ano organiza a Sección de Estudos clásicos da Universidade de Santiago de Compostela, e que entre outras cidades se desenvolveu na vila de Tui.

Aproveitamos o desprazamento para visitar a Fortaleza de Valença e coñecermos polo miúdo a rica historia que encerra este emprazamento militar. Durante unha hora fixemos un xogo de pistas onde tiñamos que buscar información e tirarnos fotos en lugares concretos para contestar no menor tempo posible ás cuestións que se nos preguntaban. Foi un xeito lúdico e divertido para coñecermos aspectos do pasado e do presente de Valença e tamén de Portugal.

Despois atravesamos a ponte para dirixirnos a Tui e ruamos pola súa zona histórica antes de asistir á representación Miles Gloriousus de Plauto. Unha versión MOI LIBRE do clásico latino.




xoves, 9 de febreiro de 2023

Roteiro Castelao

En marzo de 1947, nunha carta que envía Castelao ao presidente do centro pontevedrés de Bos Aires dille: "Non son, pois, un pontevedrés de partida de nascimento, que ás veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra"

A cidade de Pontevedra, neste roteiro, convértese na testemuña da vida de Castelao e do seu traballo a prol da nosa lingua. O paseo serve para recordar outros fitos da historia da cidade.


O percorrido comeza na praza de San Xosé cunha parada no edificio onde se situaba o Café Moderno, rúa da Oliva (fronte a casa onde viviu Castelao), praza da Ferraría, praza da Verdura, praza da Leña, igrexa de San Bartolomeu, Sexto Edificio do Museo, praza da Pedreira, rúa César Boente, praza de Méndez Núñez, rúa Real, praza das Cinco Rúas, praza do Teucro, Teatro Principal, praza de Santa María.



 

 

xoves, 28 de abril de 2022

Lonxatour Portonovo

A confraría de pescadores de Portonovo iniciou o proceso de musealización da lonxa coa finalidade de crear un espazo didáctico e de visita para que poidamos coñecer todo o referido ao mundo do mar.

Tamén pretende ser un espazo para recuperar a memoria e o pasado mariñeiro que sempre tivo Portonovo. Por este motivo e aproveitando que este ano a semana cultural ten como tema escollido o mar, visitamos a lonxa de Portonovo e iniciar así a colaboración para futuros traballos e proxectos.



 


venres, 8 de abril de 2022

Viaxe á Illa de San Simón

Despedimos a semana cultural cunha viaxe pendente. Berce de poetas, mosteiro, lazareto, cárcere, hospicio...iso é San Simón, unha pequena illa cravada no fondo da ría de Vigo, tan modesta como enorme é  a historia que atesoura.

Mentres percorremos os seus camiños, as pontes e paseos descubrimos a importancia cando no pasado era o lugar onde recalaban os barcos e pasaban corentenas. Coñecemos os anos que foi cárcere, un dos lugares máis sinistros da Guerra Civil  en Galicia.




Contáronnos historias e lendas como o por que o seu patrón está sen mans ou a do dragón que capturaba doncelas e foi vencido polos mozos redondeláns.

Un día apaixonante cheo de descubrimentos e de historias.


domingo, 20 de marzo de 2022

Semana Cultural IES Sanxenxo 2022

Estreamos a primavera cunha chea de actividades pois entre o luns 21 e o venres 25 de marzo serán moitas as que fagamos tanto dentro como fóra do noso instituto.

A Semana cultural deste ano vai adicada ao mar e moitas, aínda que non todas, das actividades teñen que ver con el.

Visitaremos a illa de San Simón na ría de Vigo, o espazo da lonxa de Portonovo que acaba de ser musealizado para pór en valor o pasado e presente mariñeiro da vila, recibiremos a visita das redeiras e dun mariñeiro que viviu nas Ons e que nos vai contar como era a vida daquela na illa. Tamén haberá ocasión de facer unha xornada de paddle surf ou escoitar ao poeta Antonio García Teijeiro cos seus poemas mariñeiros.

Pero ademais, dentro das actividades que está a realizar a deputación de Pontevedra sobre a memoria histórica teremos unha exposición sobre as Mulleres na posguerra que ilustrará Montse Fajardo. Tamén asistiremos a unha obra de teatro do grupo Os Quinquilláns ou aprenderemos a xogar ao fútbol gaélico, que para iso temos selección.

Podes ver e descargar o programa picando AQUÍ


 


 

luns, 7 de febreiro de 2022

Roteiro Castelao e visita ao museo de Pontevedra

O venres 4 alumnado de 4º de ESO fixo o percorrido do roteiro Castelao polas rúas de Pontevedra, coñecendo non só o periplo vital do xenial artista rianxeiro senón tamén descubrindo o pasado da zona histórica da cidade de Pontevedra, que non por estar próxima resulta tan coñecida.
 

Como eramos moitos dividímonos para así poder visitar en pequenos grupos o museo de Pontevedra, deténdonos na sala que alberga a maioría da obra de Castelao. 



Alí encóntranse non só os cadros de grande formato e outros tamén moi coñecidos e difundidos do álbum Nós; senón tamén algúns obxectos persoais como os seus lentes, as gubias para facer os gravados e primeiras edicións dos seus libros.
 
 
En definitiva, unha mañá moi agradable  e  chea de descubrimentos.
Se queres coñecer máis sobre o roteiro Castelao podes picar AQUÍ.

mércores, 21 de abril de 2021

Descubrindo o noso. Viaxando polo mar de Arousa

Tan atípico está a ser este curso que por vez primeira saímos do centro para facermos unha excursión. A pandemia e as medidas sanitarias fixeron restrinxir tanto as actividades que esta viaxe foi para todos nós coma unha beizón.

A organización de produtores de mexillón de Galicia convidounos a unha viaxe en catamarán pola ría de Arousa para coñecermos o proceso do cultivo e da explotación do mexillón nas bateas. Este foi o 1º premio conseguido polas alumnas Ainara Vidal e Marta González no concurso audiovisual do programa Batéate.

Así que aproveitamos e achegámonos de paso ao parque natural do Carreirón, na illa de Arousa porque na bisbarra do Salnés hai moito que descubrir e que ver. 
A rica natureza da zona permite conservar unha gran diversidade de ecosistemas, desde os sistemas dunares, pasando polas marismas, as matogueiras, os piñeirais ou a impresionante paisaxe submarina do seu litoral. O Parque é unha península unida á illa polo tómbolo das Salinas, que mide 1,3 Km2 e que está en estado completamente puro, con carreiros que o percorren. Fixemos unha rota de sendeirismo polo perímetro deste espazo natural tan interesante, cheo de fermosas paisaxes, praias de ensoño e lugar de onde aniñan multitude de especies de aves.

Despois desprazámonos á vila de Cambados para embarcar e non só desfrutamos dunha agradable viaxe senón que tamén puidemos degustar os mexillóns logo de escoitar as explicacións que nos deron sobre o proceso de cultivo e explotación comercial deste bivalvo.

Antes de regresarmos fixemos unha breve paradiña na por excelencia vila do albariño, percorrendo as súas rúas cargadas de historia




As máis populares