xoves, 28 de abril de 2022

Encontros con escritores no mes do libro

Durante o mes de abril convidamos a dous escritores para manter un encontro co alumnado. O primeiro foi Manuel Nuñez Singala que veu falar do oficio de escribir e conversar co alumnado de 1º de ESO que leu varios libros de teatro do autor: O achado do castro e Atranco no banco.

Contounos que aínda que pareza sinxelo tardou moito en escribilo porque o teatro require dunha técnica distinta a escrita de novela e porque facer comedia non é nada doado. Fixemos un pequeno experimento interpretando unha pequena escena dunha obra titulada O galán pillabán que resultou divertidísima.

Unha semana despois foi a quenda de Carlos Negro que realizou co alumnado de 2º ESO e do club de lectura un obradoiro de poesía. Os alumnos e alumnas foron os protagonistas e crearon, recitaron e compartiron os seus poemas.






Lonxatour Portonovo

A confraría de pescadores de Portonovo iniciou o proceso de musealización da lonxa coa finalidade de crear un espazo didáctico e de visita para que poidamos coñecer todo o referido ao mundo do mar.

Tamén pretende ser un espazo para recuperar a memoria e o pasado mariñeiro que sempre tivo Portonovo. Por este motivo e aproveitando que este ano a semana cultural ten como tema escollido o mar, visitamos a lonxa de Portonovo e iniciar así a colaboración para futuros traballos e proxectos.



 


venres, 8 de abril de 2022

Viaxe á Illa de San Simón

Despedimos a semana cultural cunha viaxe pendente. Berce de poetas, mosteiro, lazareto, cárcere, hospicio...iso é San Simón, unha pequena illa cravada no fondo da ría de Vigo, tan modesta como enorme é  a historia que atesoura.

Mentres percorremos os seus camiños, as pontes e paseos descubrimos a importancia cando no pasado era o lugar onde recalaban os barcos e pasaban corentenas. Coñecemos os anos que foi cárcere, un dos lugares máis sinistros da Guerra Civil  en Galicia.




Contáronnos historias e lendas como o por que o seu patrón está sen mans ou a do dragón que capturaba doncelas e foi vencido polos mozos redondeláns.

Un día apaixonante cheo de descubrimentos e de historias.


Obradoiro de música represaliada con Xurxo Souto

O pasado martes, achegouse ao noso centro o músico e escritor Xurxo Souto para falarnos da música galega durante os primeiros anos da posguerra e dalgunhas atrocidades que se cometeron naquel tempo.

Como el dixo na súa intervención, o obxecto do obradoiro é tomarmos conciencia da situación: como o imaxinario que impuxo a ditadura segue funcionar e definir en parte o noso presente e, sobre todo, a descuberta dese esplendor musical que, como sociedade, nos roubaron. 

Pois por aquel entón cantábase en todos os currunchos e en todos os contextos: músicas de traballo, cantos na aldea e cantos na cidade (rondallas, orfeóns, gaiteiros, ranchos de reis, comparsas e murgas de entroido) A carón desta música tradicional, estaba a nacer unha verdadeira canción galega.



Con esta premisa, presentou algúns deses proxectos musicais destruídos tras do golpe de Estado de 1936 e reivindicar a noticia, e a dignidade, das e dos artistas que sufriron a represión (algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie.

 

luns, 4 de abril de 2022

A vida no mar. Charla de Parapeta

Parapeta é un mariñeiro moi coñecido en Portonovo e unha verdadeira enciclopedia mariñeira pois sen ir máis lonxe foron máis de cincuenta os anos que pasou embarcado.

Agora, xa retirado, adicado á lectura e outras afeccións, non perdoa un día sempre que o tempo sexa bo e non sexa domingo sen ir ao mar, aínda que agora por puro pracer.

Dentro da semana cultural, que este ano lle adicamos ao mar, Parapeta veu falar do oficio de mariñeiro e de todo o que lle deu na vida. Porque el percorreu case todo o mundo e viu moitas cousas a bordo dun barco: dende a cidade que considera máis fermosa Durban, en Sudáfrica (despois de Portonovo, claro está), pescar quenllas e ata ver parir unha balea en altamar; un dos espectáculos máis fermosos da natureza segundo dixo.

Falounos da importancia de coidar o medio mariño e  de facer unha explotación respectuosa do mar pois, como contou, de seguirmos así non vai haber peixe con que alimentarnos dentro de poucos anos. Tamén contounos como cambiaron as condicións na pesca de cando el comezaba ata hoxe e de como Portonovo mudou e agora os peiraos están máis cheos de barcos deportivos e de recreo que de pesca.

O alumnado de 3º de ESO non deixou pasar a ocasión para facerlle infinidade de preguntas e compartiu con eles moitas fotografías doutros tempos. 

Foi unha verdadeira marabilla escoitalo e aprender tanto!













 

Dobramos cinema en galego

As máis populares