luns, 29 de xaneiro de 2018

Cheira que recende!

     O pasado venres, veu a realizar con nós un Obradoiro de Perfumes Artesanais, Martín, de Jawi Perfumes.

    Martín é un perfumista asentado entre o Grove e Sanxenxo, que fai perfumes e xabóns coas materias primas achegadas a nós, da nosa terra.  Non fai falla ir moi lonxe, nin vivir nos grandes campos de lavanda franceses para obter unha fragrancia única e espectacular.

     E disto se trataba, que o alumnado aprendera a ver a riqueza natural que nos rodea, que se pode vivir do noso medio, respectándoo e sendo coidados@s con el.

     E xa de paso, aprenderon un pouquiño de historia do perfume, das técnicas de elaboración, e de química: un día moi completo!

     Agardamos poder repetir a experiencia, xa que quedamos con ganas de máis!




mércores, 24 de xaneiro de 2018

Ampadriña un/ha lector/a

     Onte, o alumnado de 3º da ESO, foi a facer unha das actividades que máis lles gusta: lerlles aos máis cativos da vila.

     Baixamos ao CEIP de Portonovo, a pasar un anaco co alumnado máis pequeniño de alí, e lerlles os seus libros favoritos.

     É unha xornada ben fermosa, na que, tanto grandes coma pequenos, gozan mutuamente da súa compaña, e onde o pasan realmente ben, uns rememorando cando eran así de pequechos, e outros alucinando co grandes que son os maiores!!

     E todo iso, arredor dun libro.  Que máis se pode pedir!?

     Dende aquí saudamos ás clases de Minchas e de Caramuxos en concreto (cos que tiramos a foto en grupo), e a todo o profesorado e resto de clases en xeral, que tan ben nos acolleron.

     De seguro que o curso que vén, repetimos!!












Premio Cartas ao Apalpador


     E seguimos con temas navideños, e co entroido chegando...!

     Este curso, o alumnado de 1º da ESO, participou no concurso Cartas ao Apalpador.  E mira ti por onde que... temos gañadores!!  Catro rapaces de 1º B, foron escollidos, tal e como di na propia web do Apalpador, entre máis de 600 cartas procedentes de tódolos lugares do mundo!!

     Onte mesmo, chegaron os agasallos por traballar tanto e tan ben, tendo á vez, tan bos desexos para os máis necesitados.

     Deixamos o enlace á web do Apalpador, e a foto de Alejandro Silva Ferreiro, Rubén Otero Jabois, Iván Sineiro Rea e Lucas Sueiro Fernández, recollendo o seu premio.

     Parabén rapaces!!


     PD:  Se, polo que sexa, o Apalpador pode ler esta nova, Alejandro, Rubén, Iván e Lucas, agradecen moito os agasallos enviados, e mándanlle unha afectuosa aperta!!

martes, 23 de xaneiro de 2018

Postais de Nadal


 
   
     Tardamos en publicar... pero voltamos con forza!!

     No IES Sanxenxo, parece que o Nadal se prolonga... e de que maneira!!

     Hoxe deixamos as fotos das postais participantes no Concurso de Postais de Nadal, organizadas polo Departamento de Relixión e Dinamización Lingüística.

     Finalmente, resultaron gañadoras dúas rapazas:

     Raquel Rodiño Martínez de 3º C,  que acadou o primeiro premio, cunha postal moi elaborada e complexa, realizada mediante a técnica de pregado, e que ela denominou coma "postal infinita".  A mensaxe que engadía, era tamén moi bonita.



     Cecilia González Padín, de 1º C, que resultou finalista, porque fixo unha postal moi sinxela, pero moi acorde ás datas, e cunhas follas de acivro, moi autóctonas!  Ás veces, tal e como sentenciou o xurado, menos é máis.



     Parabéns ás dúas!!



     O resto de postais, tamén merecentes de publicar, son as seguintes:

 








mércores, 3 de xaneiro de 2018

A fouce do avó

     Un día coma o de hoxe, en 1874, publicou Manuel Curros Enríquez o seu poema titulado "A fouce do avó".

     Aquí o deixo en texto e da man de A Quenlla.

     Un poema, que dá para reflexionar...

     Tres véce-la afiei: foi a primeira
                cando, ardendo a seara a mailas meses,
         segou tantas cacholas de franceses
          que non colleran en montós na eira.

       Foi a segunda cando, prisioneira
      a patria dos teocráticos intreses,
     esgazou tras mil loitas e riveses
         do poder absoluto a ruín bandeira.

      Pola vez derradeira afíoa agora...
                       —¿E para que, avoeliño? —escrama o neto,
        póndose diante del, coa faldra fóra.

                  —Para que segues ti —repuxo inquieto—
         o froito que eu semei, e que xa cora,
          —dixo, e sorriu con risa de esquileto.





Dobramos cinema en galego

As máis populares