luns, 26 de abril de 2021

Recital poético musical Xela Arias

O venres 23 de Abril quixemos conmemorar o Día do Libro cun recital poético- musical que serviu de homenaxe á poeta Xela Arias. Conxuntamente co departamento de música, quixemos deste xeito dar a coñecer as novas voces da poesía galega actual, que conseguen abrir novos camiños e están a colleitar importantes premios fóra das nosas fronteiras.


Poesías de
Gonzalo Hermo, Martín Veiga, Berta Dávila, Baldo Ramos, Fran Alonso, Ana Romaní, Olga Novo, Estevo Creus , María Lado ou Ismael Ramos foron interpretadas por alumnos e alumnas de 1º, 3º e 4º de ESO; poñendo de manifesto a pluralidade de estilos e sensibilidades.

Tamén houbo un oco para lermos poemas das autoras que gañaron nos últimos anos o Premio Nacional de Poesía, como son: Olga Novo e Pilar Pallarés.

No bloque final interpretaron poemas de cada unha das obras de Xela Arias, poeta homenaxeada nas Letras Galegas 2021.
Rematamos o acto coa canción Negra Sombra, interpretada pola alumna Andrea Méndez acompañada á guitarra por Marcial Escudero.

 

mércores, 21 de abril de 2021

Descubrindo o noso. Viaxando polo mar de Arousa

Tan atípico está a ser este curso que por vez primeira saímos do centro para facermos unha excursión. A pandemia e as medidas sanitarias fixeron restrinxir tanto as actividades que esta viaxe foi para todos nós coma unha beizón.

A organización de produtores de mexillón de Galicia convidounos a unha viaxe en catamarán pola ría de Arousa para coñecermos o proceso do cultivo e da explotación do mexillón nas bateas. Este foi o 1º premio conseguido polas alumnas Ainara Vidal e Marta González no concurso audiovisual do programa Batéate.

Así que aproveitamos e achegámonos de paso ao parque natural do Carreirón, na illa de Arousa porque na bisbarra do Salnés hai moito que descubrir e que ver. 
A rica natureza da zona permite conservar unha gran diversidade de ecosistemas, desde os sistemas dunares, pasando polas marismas, as matogueiras, os piñeirais ou a impresionante paisaxe submarina do seu litoral. O Parque é unha península unida á illa polo tómbolo das Salinas, que mide 1,3 Km2 e que está en estado completamente puro, con carreiros que o percorren. Fixemos unha rota de sendeirismo polo perímetro deste espazo natural tan interesante, cheo de fermosas paisaxes, praias de ensoño e lugar de onde aniñan multitude de especies de aves.

Despois desprazámonos á vila de Cambados para embarcar e non só desfrutamos dunha agradable viaxe senón que tamén puidemos degustar os mexillóns logo de escoitar as explicacións que nos deron sobre o proceso de cultivo e explotación comercial deste bivalvo.

Antes de regresarmos fixemos unha breve paradiña na por excelencia vila do albariño, percorrendo as súas rúas cargadas de historia




luns, 19 de abril de 2021

Pegadas do mar e da terra. José Suárez


Durante case dous meses A mostra antolóxica José Suárez. 1902-1974, poderá visitarse no edificio Castelao (antes Sexto Edificio) do 2 de marzo ao 18 de abril e nela recóllese a obra dun dos máis vangardistas e orixinais fotógrafos galegos do século XX.

Xunto a selección de 150 fotografías amósase un número importante de cartas, documentos, libros e catálogos que axudan a dar unha visión de conxunto da súa actividade profesional.

Esta proposta expositiva, comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manolo Sendón, está dividida en tres sección nas que se recolle as fotografías de campesiños e mariñeiros galegos realizadas nos anos 30, a súa etapa no exilio, na que compatibiliza fotografía e cine e o seu retorno a Galicia en 1959.


Como actividade complementaria á exposición de José Suárez o museo convocou o concurso de fotografía dixital  feita co móbil Pegadas do mar e da terra para as mozas e mozos que cursen ESO ou Bacharelato. Entre os trece centros participantes foi unha das catro gañadoras Cecilia González Padín, de 4º de ESO, coa súa fotografía titulada Redes viúvas.

José Suárez inmortalizou coa súa cámara o traballo das nosas xentes e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas deben ser en branco e negro e xirar en torno a unha destas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais…

 
Para saberdes máis sobre esta nova podedes acceder á noticia no Diario de Pontevedra premendo AQUÍ . Tamén na páxina do museo AQUÍ
 

 

 

 

Dobramos cinema en galego

As máis populares