mércores, 21 de abril de 2021

Descubrindo o noso. Viaxando polo mar de Arousa

Tan atípico está a ser este curso que por vez primeira saímos do centro para facermos unha excursión. A pandemia e as medidas sanitarias fixeron restrinxir tanto as actividades que esta viaxe foi para todos nós coma unha beizón.

A organización de produtores de mexillón de Galicia convidounos a unha viaxe en catamarán pola ría de Arousa para coñecermos o proceso do cultivo e da explotación do mexillón nas bateas. Este foi o 1º premio conseguido polas alumnas Ainara Vidal e Marta González no concurso audiovisual do programa Batéate.

Así que aproveitamos e achegámonos de paso ao parque natural do Carreirón, na illa de Arousa porque na bisbarra do Salnés hai moito que descubrir e que ver. 
A rica natureza da zona permite conservar unha gran diversidade de ecosistemas, desde os sistemas dunares, pasando polas marismas, as matogueiras, os piñeirais ou a impresionante paisaxe submarina do seu litoral. O Parque é unha península unida á illa polo tómbolo das Salinas, que mide 1,3 Km2 e que está en estado completamente puro, con carreiros que o percorren. Fixemos unha rota de sendeirismo polo perímetro deste espazo natural tan interesante, cheo de fermosas paisaxes, praias de ensoño e lugar de onde aniñan multitude de especies de aves.

Despois desprazámonos á vila de Cambados para embarcar e non só desfrutamos dunha agradable viaxe senón que tamén puidemos degustar os mexillóns logo de escoitar as explicacións que nos deron sobre o proceso de cultivo e explotación comercial deste bivalvo.

Antes de regresarmos fixemos unha breve paradiña na por excelencia vila do albariño, percorrendo as súas rúas cargadas de historia




Ningún comentario:

Publicar un comentario

Dobramos cinema en galego

As máis populares