xoves, 25 de abril de 2019

I Certame de Regueifas

O pasado xoves 11 de  Abril tivo lugar no Auditorio Emilia Pardo Bazán o I Certame de Regueifas Concello de Sanxenxo, organizado polo IES Sanxenxo en colaboración cos Equipos de Dinamización Lingüística do IES Vilalonga e  Colexio Plurilingüe Abrente.
 
Cento oitenta alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO dos 3 centros de ensino de secundaria do municipio  déronse cita para apoiar aos compañeiros que os representaban e que subiron ao escenario para amosar todo o aprendido nas dúas sesións formativas previas desenvolvidas polos regueifeiros Lupe Gómez e Josinho de Tareixa.



 
O obxectivo cando ideamos este certame era  que os xóvenes empregasen a lingua propia de xeito natural e a vinculasen a actividades lúdicas mellorando a súa expresión oral.
Tamén queriamos achegarlle a regueifa, unha tradición de carácter popular moi estendida no seu día e que hoxe diferentes persoas e asociacións traballan pola súa recuperación.

 
Non podemos máis que agradecer tanto aos responsables dos centros, ao concello de Sanxenxo, á Secretaría Xeral de Política Lingüística  e á ANPA do IES Sanxenxo a axuda e colaboración para levar a bo termo esta actividade.
E por suposto, felicitar ao alumnado que amosou respecto polos compañeiros, enxeño, ganas de divertirse e de aprender e que mostrou con orgullo as súas habilidades improvisatorias e deu ánimos a todos nunha festa para a cultura e para a  lingua galega.




Moitos medios fixéronse eco da noticia e foi moita a repercusión. Aquí deixamos algunhas ligazóns:






venres, 12 de abril de 2019

Roteiro Castelao

Alumnos de 4º ESO percorreron as rúas da parte histórica de Pontevedra e imaxinaron aqueles anos en que Castelao viviu na cidade do Lérez e onde desenvolveu unha intensa actividade cultural, artística e política.
Foi un paseo pola cidade medieval e polas rúas que conservan os nomes dos oficios de antano como: toneleiros, picheleiros. Polas prazas onde se vendían as sementes, as verduras ou as aves de curral (Da Herba, da Alfóndiga, da Verdura ou da Leña)-
Parada obrigada foi visitar o Museo de Pontevedra e unha remodelada sala que alberga a obra pictórica máis importante do autor rianxeiro.



Meu estimado compatriota,
Non teño ningún documento, nin tan siquera unha partida de nascimento para acreditar a miña calidade de pontevedrés; pero se non fun consultado antes de nascer, sábese ben que des-pois de ter nascido escollín a Pontevedra para vivir e morrer, e se tal programa non chega a complirse non será certamente por culpa miña. Non son, pois, un pontevedrés de partida de nascimento, que ás veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra.”
 
Castelao, 31 de marzo de 1947
Para saber máis sobre o roteiro pincha aquí



sábado, 6 de abril de 2019

Obradoiro de regueifas


Antigamente a regueifa era un pan ou unha rosca que se regalaba nas vodas entre os convidados e que repartía aquel máis enxeñoso na arte da improvisación.
Co obxectivo que os xóvenes empreguen a lingua propia de xeito natural e a vinculen a actividades lúdicas mellorando a súa expresión oral estanse a desenvolver nos diferentes institutos de secundaria do concello un obradoiro de regueifas onde a axilidade mental, o ritmo e o enxeño son elementos primordiais para a composición destas coplas. Unha tradición presente en moitos lugares do mundo e que vinculan ao ser humano coas súas raíces e coa palabra, elemento indispensable para crear historias.
Lupe Gómez e Josinho de Tareixa son os encargados de guiar ao alumnado nesta arte da improvisación
Dúas sesións servirán para preparar a alumnos e alumnas de 2º de ESO para o certame intercentros que terá lugar o 11 de abril no Auditorio Emilia Pardo Bazán e que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Made in Galiza. Obra de teatro


Un dos libros con máis pegada dentro do panorama editorial galego, Made in Galiza, segue a ter percorrido e segue a estar de vixente actualidade. Nesta ocasión foi a compañía teatral Os Quinquilláns quen se atreveu a levalo ás taboas. Desta maneira adaptaron algunha das historias presentes nesta obra que na actualidade vai xa pola 12ª edición e segue a ser lectura obrigada en moitos centros de ensino da nosa xeografía.
Un libro de historias orixinais que teñen como fío condutor a palabra, o idioma e que fai que reflexionemos sobre a nosa identidade. 
Na obra, dous membros da LP (Language Planning) acaban de chegar a terras galegas coa finalidade de acabar co conflito lingüístico e tentando impoñer as súas teses.
A pesar do traballo feito pola LP e da súa determinación por acabar co problema, as dificultades medran día a día.
Os Quinquilláns botan man do humor e da retranca. Unha sucesión de escenas que a pesar da súa comicidade fan que reflexionemos sobre a nosa realidade e que nos cuestiona como podemos mudala.

Alumnado de 2º de ESO, logo de ler a obra, asistiu á representación que tivo lugar en Cambados e aproveitou para ruar pola vila do albariño e tamén visitou a casa natal de Ramón Cabanillas.


Dobramos cinema en galego

As máis populares