xoves, 4 de abril de 2024

Dobramos cinema en galego

Este curso celebramos o 25 aniversario do IES Sanxenxo e durante a Semana Cultural fixemos moitas actividades co fío común do cinema.

Performances, trailers, actividades plásticas, entrega de premios... foron moitas as cousas que realizamos ao longo de cinco días moi intensos e moi creativos.

Dende o Departamento de Lingua Galega, xunto con Dinamización, fixemos un obradoiro de dobraxe e así cada grupo, que tiña asignado un filme para traballar sobre el, seleccionou un fragmento da película para poñerlle voz e dobrar ao galego aos seus protagonistas. 

Aquí vos deixamos unha mostra dos tres finalistas, simplemente pica na imaxe.





mércores, 3 de abril de 2024

ROTEIRO CASTELAO 2024

O roteiro Castelao é unha oportunidade para coñecermos a fermosa cidade de Pontevedra e tamén a importancia capital que ten a figura de Castelao para a nosa cultura e para a nosa conformación como pobo.

Esta son só algunhas das razóns polas que cada ano o alumnado de 4º de ESO visita a cidade do Lérez para descubrir a xenialidade do noso máis ilustre escritor, pintor, humanista, político e pensador.


Pasear por Pontevedra, visitar a Sala Castelao no Museo onde se expoñen algunhas das súas pezas máis sobranceiras, as estampas, o álbum Nós, as pinturas que anos atrás colgaban das paredes do Balneario de Mondariz é unha oportunidade que temos a obriga de aproveitar.


O día non nos axudou e a chuvia fixo que non puidésemos facer a totalidade do percorrido e tal vez poida servirnos de escusa para nun futuro volver a camiñar a cidade e encontrarlle o redescubrir aquela vila medieval chea de artesáns onde o comercio e as xentes bulían polas rúas e as prazas, historia viva de Galicia.




XVIII CERTAME LITERARIO IES SANXENXO

Convócase un ano máis a décimo oitava edición do Certame literario do IES Sanxenxo que nesta ocasión se celebrará o día 10 de maio de 2024. Este concurso, de fonda tradición no noso centro serve para abrir as portas a todos os estudantes do noso municipio dende 5º de EP ata 4º de ESO e que teñan inquietudes literarias.

Ademais ten a particularidade que todos e todas  as participantes escriben ao mesmo tempo e a partir dunha frase común, habendo 3 categorías diferenciadas e dúas modalidades: narrativa e poesía.

Se picas na imaxe poderás acceder ás BASES que rexen o certame.



Dobramos cinema en galego

As máis populares