Amosando publicacións coa etiqueta encontros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta encontros. Amosar todas as publicacións

martes, 5 de marzo de 2024

Encontro con Andrea Maceiras

O mes de febreiro estivo cargado de literatura, de palabras e de historias. Nel coincidiron tres mulleres que están a triunfar nas nosas letras: Eva Mejuto, Rocío Leira e Andrea Maceiras.

Todas elas viñeron falar dos seus libros. As dúas primeiras porque formaban parte dos títulos que o Club de lectura estivo a ler nos últimos meses e no caso de Andrea Maceiras porque levabamos tempo querendo que viñese a encontrarse co alumnado que acostuma a ler os seus libros.



A literatura, a importancia das palabras, das historias pero tamén dos silencios e sobre todo que nunca deixemos de ler e buscar nos libros momentos para o lecer e a aprendizaxe.


venres, 14 de abril de 2023

Encontro con Fran Alonso

Fran Alonso é un poeta e escritor de dilatada experiencia que leva moitos anos achegando a poesía aos máis novos en multitude de espazos. Ademais de cultivar infinidade de premios dentro da literatura galega ( o Branco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria do ano, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro infantil, a distinción White Ravens ou o Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia) e publicar regularmente en diferentes xéneros, é un  fiel coñecedor do panorama literario dado o seu labor de editor.
Durante a semana cultural veunos visitar para falar do seu poemario Street Poems libro que toma como inspiración os grafittis cos que o autor se foi atopando ao longo da súa vida, pois a maior parte deles están situados na súa propia cidade, ou en diferentes viaxes. 


As mensaxes que comunican ou as imaxes que quere resaltar son o punto de partida de cada un dos poemas. Fran Alonso foinos explicando onde se atopaban, as transformacións que sufriron ou por que os escolleu para facer unha poesía a partir deles.

 
 
Buscando a sorpresa en ocasións ou o desconcerto outras, o autor introducía elementos diversos, buscando sonoridades que encaixasen tanto co texto, a voz ou co ton do poema. Deste xeito no medio da charla xurdiron globos que estoupaban, instrumentos doutras latitudes que soaban a tormenta, crótalos e ata confeti.
 


Esta actividade desenvolveuse grazas ao patrocinio da Dirección General del libro y para el fomento de la lectura do Ministerio de Cultura. 







xoves, 28 de abril de 2022

Encontros con escritores no mes do libro

Durante o mes de abril convidamos a dous escritores para manter un encontro co alumnado. O primeiro foi Manuel Nuñez Singala que veu falar do oficio de escribir e conversar co alumnado de 1º de ESO que leu varios libros de teatro do autor: O achado do castro e Atranco no banco.

Contounos que aínda que pareza sinxelo tardou moito en escribilo porque o teatro require dunha técnica distinta a escrita de novela e porque facer comedia non é nada doado. Fixemos un pequeno experimento interpretando unha pequena escena dunha obra titulada O galán pillabán que resultou divertidísima.

Unha semana despois foi a quenda de Carlos Negro que realizou co alumnado de 2º ESO e do club de lectura un obradoiro de poesía. Os alumnos e alumnas foron os protagonistas e crearon, recitaron e compartiron os seus poemas.






mércores, 17 de novembro de 2021

Obradoiro poético con Oriana Méndez

Oriana Méndez, a última gañadora do Premio de poesía Afundación, un dos máis prestixiosos de Galicia, visitounos o pasado 16 de Novembro para charlar de poesía co alumnado de 4º de ESO.

Esta actividade fai parte dos ENCONTROS LITERARIOS, que promove a Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura e que quere achegar aos centros de secundaria os propios autores para establecer un diálogo entre eles e os seus lectores e que poidan tamén coñecer eles como traballan o seu proceso creativo.



Oriana Méndez ao longo da súa traxectoria ten gañado os premios Premio de poesía concello de Carral no 2014 e o V certame de poesía Rosalía de Castro. É autora dos poemarios Derradeiras conversas co Capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede a caída é branco (2015), O corazón pronúnciase extenso (2019) e Interna (2021). Tamén colabora en diversas obras colectivas.




 


luns, 21 de outubro de 2019

Charla de ex-parlamentarios no IES

Dende hai case 10 anos o Parlamento de Galicia sae da rúa do Hórreo para achegar á sociedade e principalmente aos estudantes o labor da institución, ensinarlles como funciona e acabar con mitos moi estendidos que contribúen á desafección da política na actualidade.
O pasado xoves, tres ex-parlamentarios da cámara autonómica visitáronnos e charlaron co alumnado de 4º de ESO, contestando a moitas preguntas que ían tanto da actualidade como dúbidas relativas ao traballo dos parlamentarios e á súa experiencia política.
Paula Janza, Salomé Álvarez e Xulio Pardellas  con ideas distintas pero con moita sintonía persoal foron os protagonistas deste encontro.


 Podes ver a noticia saída en prensa na seguinte ligazón

As máis populares