Amosando publicacións coa etiqueta cinema. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cinema. Amosar todas as publicacións

xoves, 4 de abril de 2024

Dobramos cinema en galego

Este curso celebramos o 25 aniversario do IES Sanxenxo e durante a Semana Cultural fixemos moitas actividades co fío común do cinema.

Performances, trailers, actividades plásticas, entrega de premios... foron moitas as cousas que realizamos ao longo de cinco días moi intensos e moi creativos.

Dende o Departamento de Lingua Galega, xunto con Dinamización, fixemos un obradoiro de dobraxe e así cada grupo, que tiña asignado un filme para traballar sobre el, seleccionou un fragmento da película para poñerlle voz e dobrar ao galego aos seus protagonistas. 

Aquí vos deixamos unha mostra dos tres finalistas, simplemente pica na imaxe.





martes, 10 de outubro de 2023

José Gil, o pioneiro do cinema galego

A historia de José Gil é o relato da superación dun home que naceu pobre e humilde na pequena aldea de Rubiós, de As Neves, mais foi quen de construírse a si mesmo ata participar na orixe do cine cos seus 150 filmes.

Un home bo e xeneroso que tentou construír Galicia dende posicións de progreso e modernidade nunha sociedade que tardou demasiado tempo en comprender a transcendencia dun cinema propio e a necesidade de conservalo como patrimonio imprescindíbel do imaxinario dunha cultura. 

O CINEMÓBIL, patentado por José Gil, levaba os seus filmes para proxectalos en 1929 por toda Galicia.




Alumnado de 3º de ESO asistimos á proxección de 3 filmes de cinema mudo. O que podería ser unha sesión cinematográfica da época. Así puidemos ver: Un día nas carreiras, con Charles Chaplin; A vertixe, con Harold Lloyd e unha Antoloxía de imaxes de películas de José Gil.


Despois  estivemos coñecendo por dentro o cinemóbil e aprendendo moitas curiosidades de como era o cinema e a fotografía na época e de como José Gil puido facer cine, algo ao alcance de moi poucos, dende un recuncho da nosa xeografía naquela altura pouco desenvolvido.








 

 

 

mércores, 24 de marzo de 2021

Matria. Curtametraxe e coloquio co seu director

O día 8 de marzo foi considerado como o Día Internacional da Muller, co obxectivo de facer visible a situación de discriminación que sofren as mulleres, tanto a nivel laboral como no eido persoal e familiar.

A loita pola igualdade continúa e se é verdade que se ten conseguido moito aínda estamos lonxe dunha igualdade total (as mulleres seguen a cobrar un 30% menos de salario de media cós homes, desempeñan traballos peor remunerados, habendo sectores moi feminizados como as conserveiras ou o sector téxtil. Tamén son elas quen soportan as cargas familiares: coidado dos fillos, de persoas dependentes, traballos do fogar e que motivan en moitos casos que abandonen a súa carreira profesional.

A curtametraxe que imos ver, Matria,  vai diso; de mulleres que teñen que loitar día a día para que este mundo noso siga xirando, sobrelevando unha existencia en ocasións sen moitas esperanzas e agarrándose a pequenas cousas que as fagan sentir vivas e que este mundo mereza a pena.

Puxémonos en contacto co director desta laureada e celebrada fita, que conseguiu no ano 2018 o premio á mellor curtametraxe de ficción no Festival de cine de Sundance, ademais doutros premios dentro e fóra de Galicia.

Álvaro Gago mantivo despois do visionado unha charla co alumnado, intercambiando impresións e contestando ás preguntas que todos lles fixemos.

Sinopse: Ramona vive co seu home, con quen apenas se fala, e traballa nunha fábrica de conservas dirixida por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e á súa neta. 

Está baseada na vida de Francisca Iglesias Bouzón, actriz principal e amiga persoal do director pois foi a coidadora do seu avó durante anos.

Máis información podes encontrala AQUÍ 


 

 


 

As máis populares