mércores, 25 de xuño de 2025

 PEGADA DE ADHESIVOS DO PROXECTO "GIF MENÚ: QUE VAI SER?" EN 5 RESTAURANTES



O 19 de xuño alumnado de 2º e 4º colocaron o adhesivo gatuno na porta de cinco restaurantes:

  • El Aviador (Padriño do Concurso de Fotografía Arttística con Alimentos) 
  • Mar Lima II
  • A Batea
  • Taberna A Queimada
  • Casa Zulema
Grazas por colaborar e abrirnos as súas portas!


 



Isto significa que xa dispoñen dos seus menús nas tres linguas: galego, inglés e francés. Entregámoslles un menú en papel en galego e o código QR onde se poden consultar nas tres linguas. Agardamos que as/os clientes o demanden no día a día e curioseen no contraste de terminoloxía.

 Trátase dun proxecto multidisciplinar que iniciou a súa andaina no presente curso 2024-25. Participou nel alumnado de 1º , 2º, 3º e 4º da ESO. O profesorado tamén se implicou significativamente na posta en marcha deste proxecto: Galego, Inglés e Francés realizando a  tradución dos menús, Tecnoloxía elaborando o logo (un alumno de 4º), os menús e os códigos QR, Bioloxía achegando as táboas nutricionais correspondentes, Física e Química a partir dun libro interactivo h5p redactando curiosidades científico-culinarias relacionadas con pratos concretos (os “Gato datos”), Xeografía e Historia ocupándose de coñecer a riqueza gastronómica e vinícola da área do Salnés e Pontevedra centrándose no sector primario e Matemáticas coa intención de elaborar gráficos porcentuais que contabilizaran distintas variables tendo en conta as características dos establecementos.


A riqueza da gastronomía galega debe ir da man da riqueza lingüística, como acontece noutras culturas. Por exemplo, ao escoitarmos as palabras gazpacho, cebiche, pizza, shuxi..., coñecidas por todos, apreciamos automaticamente o poder da súa sonoridade ligada a unha cultura, a un bo facer culinario. O mesmo acontece con: polbo á feira, xoubas, robaliza, luras da ría, costela ou pementos de Padrón.

Romper coa inercia das accións preestablecidas implica realizar accións concretas para abrir camiño e animar a aquelas persoas que dubiden á hora de dar o paso de normalizar o uso do galego. Mesmo a xente de fóra pode curiosear nos menús e sorprenderse ao coñecer os nomes dos pratos en galego.

Será este o comezo dunha nova etapa para o uso da nosa lingua na hostalería?






Ningún comentario:

Publicar un comentario

As máis populares