Amosando publicacións coa etiqueta o pasado por vir. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta o pasado por vir. Amosar todas as publicacións

venres, 8 de abril de 2022

Obradoiro de música represaliada con Xurxo Souto

O pasado martes, achegouse ao noso centro o músico e escritor Xurxo Souto para falarnos da música galega durante os primeiros anos da posguerra e dalgunhas atrocidades que se cometeron naquel tempo.

Como el dixo na súa intervención, o obxecto do obradoiro é tomarmos conciencia da situación: como o imaxinario que impuxo a ditadura segue funcionar e definir en parte o noso presente e, sobre todo, a descuberta dese esplendor musical que, como sociedade, nos roubaron. 

Pois por aquel entón cantábase en todos os currunchos e en todos os contextos: músicas de traballo, cantos na aldea e cantos na cidade (rondallas, orfeóns, gaiteiros, ranchos de reis, comparsas e murgas de entroido) A carón desta música tradicional, estaba a nacer unha verdadeira canción galega.



Con esta premisa, presentou algúns deses proxectos musicais destruídos tras do golpe de Estado de 1936 e reivindicar a noticia, e a dignidade, das e dos artistas que sufriron a represión (algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie.

 

domingo, 27 de marzo de 2022

Teatro. A señora de Forcadela

Os Quinquilláns é unha compañía teatral con máis de trinta anos de actividade. Dende o ano 2013 especialízase na creación de montaxes teatrais baseadas en feitos históricos para ser representadas en lugares emblemáticos e en celebracións de animación popular.



Nesta ocasión subiu ás táboas a obra A señora de Forcadela, unha montaxe creada a partir da biografía de Josefa García Segret, mestra e política galega que foi presa e represaliada como tantas outras mulleres durante a ditadura franquista. 



Alumnado de 2º e 3º de ESO ocupou o teatro Emilia Pardo Bazán para presenciar esta obra de pequeno formato onde Tero Rodríguez e Lucho Penabade encarnaron os momentos máis importantes da vida de Josefa García Segret.



 

 


Actividades O pasado por vir. Charla de Montse Fajardo "A memoria das mulleres"

Dentro do programa que desenvolve a Deputación de Pontevedra “O pasado por vir” quérese recoñecer a herdanza dunha xeración única e irrepetible a nivel  empresarial, político, cultural e social que os anos de ditadura pretenderon borrar pero que aínda na actualidade o seu legado segue a estar vivo. Por ese motivo é tan importante reivindicalo e dalo a coñecer entre a mocidade que nunha maioría aínda descoñece.

No IES Sanxenxo programamos dentro da semana cultural deste ano varias actividades relacionadas coa memoria histórica e a primeira delas foi a visita de Montse Fajardo que nos veu a falar da Represión contra as mulleres tras o golpe de estado de 1936.

Montse Fajardo é a coordinadora do programa “A memoria das mulleres” do Concello de Pontevedra e autora de libros relacionados coa memoria histórica como Matriarcas, Un cesto de mazás ou A vida incerta.

Na charla falouse das distintas maneiras de exercer a represión contra as mulleres e incidiuse na necesidade de lembrar ese tempo por anos silenciado.


A charla complementouse coa visita á exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, que estará aberta no centro durante unha quincena.

É unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.




 

A mostra divídese en tres bloques: O primeiro é o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República .

A segunda parte da exposición analiza as diferentes tipoloxías de represión que as mulleres padeceron. Moitas delas tendo como alvo cidadás significadas política ou sindicalmente e tamén ás familiares de homes perseguidos.

A terceira parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.


As máis populares