Dentro do programa que desenvolve a Deputación de Pontevedra “O pasado por vir” quérese recoñecer a herdanza dunha xeración única e irrepetible a nivel empresarial, político, cultural e social que os anos de ditadura pretenderon borrar pero que aínda na actualidade o seu legado segue a estar vivo. Por ese motivo é tan importante reivindicalo e dalo a coñecer entre a mocidade que nunha maioría aínda descoñece.
No IES Sanxenxo programamos dentro da semana cultural deste ano varias actividades relacionadas coa memoria histórica e a primeira delas foi a visita de Montse Fajardo que nos veu a falar da Represión contra as mulleres tras o golpe de estado de 1936.
Montse Fajardo é a coordinadora do programa “A memoria das mulleres” do Concello de Pontevedra e autora de libros relacionados coa memoria histórica como Matriarcas, Un cesto de mazás ou A vida incerta.
Na charla falouse das distintas maneiras de exercer a represión contra as mulleres e incidiuse na necesidade de lembrar ese tempo por anos silenciado.
A charla complementouse coa visita á exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, que estará aberta no centro durante unha quincena.
É unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.
A mostra divídese en tres bloques: O primeiro é o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República .
A segunda parte da exposición analiza as diferentes tipoloxías de represión que as mulleres padeceron. Moitas delas tendo como alvo cidadás significadas política ou sindicalmente e tamén ás familiares de homes perseguidos.
A terceira parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.
Ningún comentario:
Publicar un comentario