mércores, 16 de decembro de 2020

Vídeo gañador de Batéate

As alumnas de 4º de ESO Ainara Vidal Domínguez e Marta González Bermúdez foron as gañadoras da fase final intercentros do concurso Batéate, no apartado de vídeo.

O seu traballo foi merecedor deste premio por transmitir dunha maneira amena e sinxela as diferentes fases no traballo da extracción do mexillón. Para iso, gravaron tanto nas bateas como na depuradora onde se procesa o produto para a súa comercialización final.

Parabéns ás dúas polo seu excelente traballo.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes da gala e o vídeo gañador.



 


xoves, 3 de decembro de 2020

BATÉATE. Concurso de fotografía e vídeo

O próximo día 10 de decembro celebrarase en Vilagarcía de Arousa a Gala Final de BATÉATEe que estará presentada polo actor e humorista Carlos Blanco. Alí daranse a coñecer os gañadoras ou gañadores dos concursos de fotografía e vídeo BATÉATE e tamén veranse as fotografías e vídeos gañadores de cada un dos centros participantes. 

Por suposto, alí estarán os alumnos e alumnas gañadores/as do IES Sanxenxo e que foron:

Concurso de fotografía:

Gañador: Hugo Romay

Accésit: Cecilia González

Concurso vídeo:

Gañadoras: Ainara Vidal e Marta González

Tamén obtiveron un agasallo os alumnos Pablo García e Miguel Garrido 

O proxecto “Batéate” foi posto en marcha pola Organización de produtores de mexillón de Galicia, Opmega. A acción comezou a finais do pasado mes en diferentes institutos do Salnés e busca, máis que nada, garantir o relevo xeracional no sector bateeiro, un dos máis potentes a nivel económico e social na Ría de Arousa. A través de “Batéate, atopa o teu espazo no mundo” Opmega achega o oficio de bateeiro ao alumnado a través de traballos específicos con vídeos na rede ou un xogo de cartas para que se coñeza debidamente a xerga usada polo sector ao mesmo tempo que sirva de diversión.

O proxecto tamén incluía un concurso para o alumnado participante con dúas categorías: unha de fotografía e outra de vídeo. Aí poderán presentarse obras que versen sobre o oficio de bateeiro.

Aquí deixamos as fotos seleccionadas do noso centro e que son da autoría de Hugo Romay e Pablo García.



 Facendo clic nesta páxina podes ter máis información da convocatoria




mércores, 25 de novembro de 2020

25N. Máscaras contra a violencia

Non somos histéricas, somos históricas.

O amor propio non é egoísta, é revolucionario.

Non poñas a máscara ante a violencia de xénero.


Se doe non é amor!

Somos o berro das que non teñen voz.

Non me asubíes

Pódesme romper a dor pero non a voz!

Con roupa ou sen roupa o meu corpo non se toca

Non lle deas o teu corazón a quen cho rompe




Estas son algunhas das mensaxes que decoraban as máscaras que o alumnado do instituto levou este 25N durante toda a xornada.


Deste xeito quixemos amosar a nosa solidariedade con todas as mulleres que padecen esta outra lacra, silenciada durante meses pola pandemia do COVID.



Unha vez máis as alumnas e alumnos demostraron estar á altura e dixeron ben claro NON Á VIOLENCIA.










mércores, 18 de novembro de 2020

De clássicos livres gaña o concurso Musicando Carvalho Calero

Logo dunha intensa final, o grupo De clássicos livres gaña o certame Musicando Carvalho Calero, organizado pola Associaçom Galega da Língua e coa colaboración da Radio Galega.

Presentáronse máis de oitenta bandas e solistas que logo un xurado popular reduciu a dez. A escolla da banda gañadora fíxose mediante un proceso de votación popular, do que xa falamos en post anteriores,  a través da rede e que debía confirmarse  mediante un sms para evitar a duplicidade de votos.

Parabéns á banda gañadora non só polo premio senón tamén pola belísima proposta musical, Ferrol 1916.

Se queres saber algo máis De clásicos libres pica o AQUÍ para ler a entrevista que aparece en Nós díario. E se queres volver escoitar a canción aquí vola deixamos.



sábado, 7 de novembro de 2020

Máscaras contra a violencia de xénero

A pesar de estar vivindo un momento excepcional que parece que o ocupa todo, o problema da violencia machista segue presente na nosa sociedade. É por iso que quixemos unir ambas ideas para dar un punto de vista novo e unha maior visibilidade.

- Nos días previos ao 25 N e dentro das actividades relacionadas co tema da violencia de xénero, o alumnado escribirá unha frase relacionada co tema sobre unha máscara hixiénica ou cirúrxica.

- As mensaxes deberán ser orixinais e todas elas escritas en lingua galega, sendo o autor/a o responsable da mesma.

- Pódense empregar diferentes grafías, maiúsculas e cores que axuden a entender a mensaxe que se quere transmitir.

O mércores 25N todos os participantes levarán a súa máscara durante a xornada

- A actividade será difundida tanto nas redes (Instagram e Blogs) como na revista Aquelar.

- Aínda que a participación é voluntaria, pode animarse ao alumnado para que participe, xa que o feito de ter que elaborar unha frase por escrito favorece a reflexión sobre a temática tratada.



 


 

luns, 26 de outubro de 2020

Musicando Carvalho Calero

 

A Radio Galega e a Associaçom Galega da Língua (AGAL) organizan o concurso ‘Musicando Carvalho Calero’, ao que poden presentarse solistas e grupos de calquera estilo musical e que ten como obxectivo dar a coñecer a figura do autor homenaxeado este ano polo Día das Letras Galegas.
O 30 de outubro rematan as audicións onde poderás votar polos tres temas finalistas que máis che gusten.
Se queres escoitar as cancións finalistas e votar por algunha delas PINCHA AQUÍ

sábado, 26 de setembro de 2020

Revista Aquelar. Novo número

 

Chegamos a tempo e xa anda polos corredores o número 19 da revista Aquelar. 

A pesar das circunstancias, quixemos que un novo número da revista saíse á luz para así dar conta de todo canto vivimos neste inesquecible curso 2019-20.

Moitas grazas a todos os que participastes cos vosos traballos e na edición e  maquetación.

Aquí vola deixamos. Non tes máis que picar na imaxe para acceder a ela.


 



domingo, 17 de maio de 2020

Maria Siléncio. Carvalho Calero

O mundo non para e detrás dun día vén outro día. Tras un ano vén outro ano.
Hoxe como cada 17 de maio é o Día das Letras Galegas e aínda restan moitos días para honrar como se merece a Ricardo Carvalho Calero. 
Deixámosvos o poema Maria Siléncio, incluído no seu libro Pretérito Imperfeito, musicado por A Minha Embala e Fanny+Alexander.


Ricardo Carvalho Calero 1910-1990
Cabeleira de chúvia, ollos de néboa.
Maria Siléncio, esfarrapada, à espreita.

Sempre agardando, pola noite, as barcas.
A tua angúria fala con olladas.

Maria Nocturna: no peirán ¿qué esperas?
¿polo dia non vives?
¿Naces cada solpor? ¿Cais de primeira estrela?

Maria Siléncio, sempre dura e muda...
¿Cál é a barca que agardas?

Das fontes dos teus ollos
fluen rios de sono.
Pero ti sempre dura e desvelada,
batida polo vento, no peirán...

Maria Siléncio, eu roubaria
no ceu
a estrela de mel,
na água
a estrela de prata,
pra che mercar a fala.

Se queres ulir flores,
darei-che a flor da lua.

Maria do Mar, ¿qué barca agardas?

¿Queres o sol, carne de lua fria?

O sol é un porco-espiño disfarzado.
No mar agora, ourizo de mar, dorme.

Pescado pola cana do abrente,
darei-cho eu, raiolante e mollado.

¡Maria Siléncio, Voz Dormida: fala!

¿A qué afogado esperas,
Maria da Sombriza Espranza?

Maria Siléncio, ¿aagardas a tua voz?
¿As ondas do mar levado roubaron-cha?

De chúvia e vento vestida,
Maria Siléncio, calada...

Carvalho Calero, Ricardo (1980) Pretérito Imperfeito (1927-1961) (A Coruña: Ediciós do Castro)

venres, 28 de febreiro de 2020

Día da Lingua Materna

En marzo de 1948, o gobernador xeral de Paquistán declarou o urdu única lingua oficial. O bengalí era a lingua materna do 90% da poboación de Paquistán Oriental (actual Bangladesh).  

O 21 de febreiro de 1952 estudantes de Dacca convocaron unha folga para protestar por esta medida (Movemento pola lingua bengalí) e malia as manifestacións seren pacíficas, a policía paquistaní abriu fogo contra os estudantes e morreron varias persoas. 

 



 
 














 
O Día Internacional da Lingua Materna ten a súa orixe no recoñecemento internacional do Día do Movemento pola Lingua, que se conmemora en Bangladesh desde 1952 e que lembramos cada 21 de febreiro para promover a consciencia sobre a diversidade lingüística e cultural e sobre o plurilingüismo do planeta. 
 
 




 
















Despois do éxito do ano pasado, quixemos repetir a experiencia de presumir de lingua e por iso orgullosos e orgullosas fotografámonos con palabras e  sons que din moito de como somos, como sentimos e como estamos no MUNDO.
 
EN GALEGO ESTAMOS NO MUNDO!!
 


ENTROIDO 2020

O entroido chegou e foise, como sempre demasiado rápido. Pero aínda así tivemos tempo de disfrazarnos e de pasalo ben. Preparamos os disfraces, doces e coreografías.
Non había premios para todos pero iso era o de menos. A ANPA preparounos un chocolate quentiño con rosca, que co frío que había veunos que nin pintado e a imaxinación fixo o resto.
Agora só toca agardar ao vindeiro ano para volver a buscar algún retal e algunha prenda vella que nos sirva e senón sempre podemos ir de choqueiros!!!






Pasados os días de festa houbo que cumprir co acordado e fixemos a entrega dos premios para os gañadores nas diferentes categorías como foron: sobremesas, disfraces indiividuais, parellas e comparsas. Os nosos parabéns a todos e a todas.

venres, 14 de febreiro de 2020

Premiados Cartas pola Candeloria

Chegou o día para coñecer aos gañadores do concurso de cartas de amor pola Candeloria e recibir os agasallos que preparamos dende o EDL.
Moitos parabéns non só aos gañadores senón tamén a todos os participantes que foron moi numerosos e amosaron traballos de moita cualidade e sentimento.
No 1º ciclo os traballos premiados foron para:
1º Diego Camiña de 2ºB "Querida cama"
2º Carmen Berreco de 2º A "Universo de amor"
3º Camilo Besada de 2º C "Os paxaros marchan"
3º David Ruano de 1º B "Mamá"
Mención Carolina Bea  de 2º C "Día da amizade"

No 2º ciclo a participación foi moi baixa aínda que os escritos presentados foron todos de moitísima cualidade. Nesta etapa os premios foron para:

1º Mar Alarcón de 4º A     Nunca esquecer
2º Sara Martínez de 4º A   Paxaros
3º Daniela Otero de 4º A   A forza que une a todos 

Gañadores/as de Cartas de amor pola Candeloria

venres, 7 de febreiro de 2020

XXVI edición Adhesivos pola normalización

Como cada ano a Coordinadora dos Equipos de dinamización do Salnés convoca o seu tradicional concurso e que nesta ocasión o tema era "O galego e a lusofonía".
Este ano a participación no noso centro non foi tan alta nin de tanta cualidade como na edición pasada pero aquí vos deixamos os tres traballos escollidos.


Os gañadores desta edición repartíronse entre os centros IES de Barro e Castro Alobre en Vilagarcía entre outros. Aquí podedes ver os lemas e debuxos gañadores nas tres categorías.


Ademais, volve convocarse o certame Enormic de Banda deseñada e o prazo de recepción dos traballos remata o vindeiro 22 de Abril.

mércores, 15 de xaneiro de 2020

Concurso "Cartas de amor pola Candeloria"



Antigamente dicían que o día 2 de febreiro era o día do amor:
Pola Candeloria casan os paxariños e maila galiñola”

Esta data parécenos ideal para amosar os nosos sentimentos a aqueles que máis queremos e tamén reivindicar unha data propia que se confronta con outras conmemoracións importadas.

Por iso queremos desde o EDL que este ano "biques en galego".

Escribe unha carta ou unha declaración de amor en lingua galega que pode ir dirixida a outras persoas, á natureza ou calquera cousa animada que nos guste tanto que sexa capaz de espertar en nós sentimientos de amor.

- Poderán redactarse en prosa ou en verso, a man, a máquina ou a ordenador... e non deberán sobrepasar unha carilla de extensión.

- Poderanse empregar todas aquelas técnicas que se desexe, incluír debuxos, fotos....

- Terase en conta o grao de elaboración, a orixinalidade, o correcto uso do idioma e a calidade da lingua.

Todas as cartas deberán ser inéditas e cada participante poderá enviar unha carta.

Podes enviar os teus traballos ben en word ou escaneados a este enderezo: endlsanxenxo@gmail.com ou entregarllos á túa profesora.

O prazo remata o día 31 de Xaneiro

Dobramos cinema en galego

As máis populares