Amosando publicacións coa etiqueta exposición. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta exposición. Amosar todas as publicacións

domingo, 27 de marzo de 2022

Actividades O pasado por vir. Charla de Montse Fajardo "A memoria das mulleres"

Dentro do programa que desenvolve a Deputación de Pontevedra “O pasado por vir” quérese recoñecer a herdanza dunha xeración única e irrepetible a nivel  empresarial, político, cultural e social que os anos de ditadura pretenderon borrar pero que aínda na actualidade o seu legado segue a estar vivo. Por ese motivo é tan importante reivindicalo e dalo a coñecer entre a mocidade que nunha maioría aínda descoñece.

No IES Sanxenxo programamos dentro da semana cultural deste ano varias actividades relacionadas coa memoria histórica e a primeira delas foi a visita de Montse Fajardo que nos veu a falar da Represión contra as mulleres tras o golpe de estado de 1936.

Montse Fajardo é a coordinadora do programa “A memoria das mulleres” do Concello de Pontevedra e autora de libros relacionados coa memoria histórica como Matriarcas, Un cesto de mazás ou A vida incerta.

Na charla falouse das distintas maneiras de exercer a represión contra as mulleres e incidiuse na necesidade de lembrar ese tempo por anos silenciado.


A charla complementouse coa visita á exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, que estará aberta no centro durante unha quincena.

É unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.




 

A mostra divídese en tres bloques: O primeiro é o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República .

A segunda parte da exposición analiza as diferentes tipoloxías de represión que as mulleres padeceron. Moitas delas tendo como alvo cidadás significadas política ou sindicalmente e tamén ás familiares de homes perseguidos.

A terceira parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.


xoves, 18 de febreiro de 2021

Cal é a túa heroína?

Ao longo da historia moitas mulleres loitaron por facerse un sitio e, agás contadas
excepcións, as mulleres foron sempre silenciadas. Pero isto non vai de lembrar algúns nomes que transcenderon senón falar de nós e do próximo e poñer en valor o labor, a coraxe, a loita e a ousadía de mulleres que nos inspiran.
Hai nais, avoas, mulleres que non aceptan un non. Hai mulleres que deben afrontar a vida soas, que coidan de nós, que non se renden ante a enfermidade e tamén as que cada día loitan por romper ese teito de cristal invisible.
Queremos que nos contes algo da vida ou do quefacer destas mulleres inspiradoras, da TÚA VERDADEIRA HEROÍNA...


QUE TES QUE FACER?

Debes escribir un pequeno TEXTO onde contes a historia da túa heroína particular. Será alguén que coñeces e que queiras poñer en valor polo que representa tanto na túa vida, no seu traballo ou na súa actividade cara á sociedade.
Ese texto estará acompañado dunha FOTOGRAFÍA onde a retrates. Pode ser un retrato persoal ou contextualizado no espazo onde traballa, nun lugar especial ou que teña que ver coa historia que contas.

Importante que a fotografía teña unha boa resolución 

Os traballos recolleranse ata o 12 de MARZO ben polo/a profesor/a ou enviándoo ao correo endlsanxenxo@gmail.com e precisamos contar co permiso das persoas fotografadas. Haberá premios para os mellores traballos.
Coas mellores imaxes e semblanzas fixemos unha mostra que teremos exposta no vestíbulo do centro durante o mes de abril.
 


 


As máis populares