Amosando publicacións coa etiqueta Museo de Pontevedra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Museo de Pontevedra. Amosar todas as publicacións

mércores, 3 de abril de 2024

ROTEIRO CASTELAO 2024

O roteiro Castelao é unha oportunidade para coñecermos a fermosa cidade de Pontevedra e tamén a importancia capital que ten a figura de Castelao para a nosa cultura e para a nosa conformación como pobo.

Esta son só algunhas das razóns polas que cada ano o alumnado de 4º de ESO visita a cidade do Lérez para descubrir a xenialidade do noso máis ilustre escritor, pintor, humanista, político e pensador.


Pasear por Pontevedra, visitar a Sala Castelao no Museo onde se expoñen algunhas das súas pezas máis sobranceiras, as estampas, o álbum Nós, as pinturas que anos atrás colgaban das paredes do Balneario de Mondariz é unha oportunidade que temos a obriga de aproveitar.


O día non nos axudou e a chuvia fixo que non puidésemos facer a totalidade do percorrido e tal vez poida servirnos de escusa para nun futuro volver a camiñar a cidade e encontrarlle o redescubrir aquela vila medieval chea de artesáns onde o comercio e as xentes bulían polas rúas e as prazas, historia viva de Galicia.




luns, 7 de febreiro de 2022

Roteiro Castelao e visita ao museo de Pontevedra

O venres 4 alumnado de 4º de ESO fixo o percorrido do roteiro Castelao polas rúas de Pontevedra, coñecendo non só o periplo vital do xenial artista rianxeiro senón tamén descubrindo o pasado da zona histórica da cidade de Pontevedra, que non por estar próxima resulta tan coñecida.
 

Como eramos moitos dividímonos para así poder visitar en pequenos grupos o museo de Pontevedra, deténdonos na sala que alberga a maioría da obra de Castelao. 



Alí encóntranse non só os cadros de grande formato e outros tamén moi coñecidos e difundidos do álbum Nós; senón tamén algúns obxectos persoais como os seus lentes, as gubias para facer os gravados e primeiras edicións dos seus libros.
 
 
En definitiva, unha mañá moi agradable  e  chea de descubrimentos.
Se queres coñecer máis sobre o roteiro Castelao podes picar AQUÍ.

luns, 19 de abril de 2021

Pegadas do mar e da terra. José Suárez


Durante case dous meses A mostra antolóxica José Suárez. 1902-1974, poderá visitarse no edificio Castelao (antes Sexto Edificio) do 2 de marzo ao 18 de abril e nela recóllese a obra dun dos máis vangardistas e orixinais fotógrafos galegos do século XX.

Xunto a selección de 150 fotografías amósase un número importante de cartas, documentos, libros e catálogos que axudan a dar unha visión de conxunto da súa actividade profesional.

Esta proposta expositiva, comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manolo Sendón, está dividida en tres sección nas que se recolle as fotografías de campesiños e mariñeiros galegos realizadas nos anos 30, a súa etapa no exilio, na que compatibiliza fotografía e cine e o seu retorno a Galicia en 1959.


Como actividade complementaria á exposición de José Suárez o museo convocou o concurso de fotografía dixital  feita co móbil Pegadas do mar e da terra para as mozas e mozos que cursen ESO ou Bacharelato. Entre os trece centros participantes foi unha das catro gañadoras Cecilia González Padín, de 4º de ESO, coa súa fotografía titulada Redes viúvas.

José Suárez inmortalizou coa súa cámara o traballo das nosas xentes e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas deben ser en branco e negro e xirar en torno a unha destas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais…

 
Para saberdes máis sobre esta nova podedes acceder á noticia no Diario de Pontevedra premendo AQUÍ . Tamén na páxina do museo AQUÍ
 

 

 

 

As máis populares