Amosando publicacións coa etiqueta libro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta libro. Amosar todas as publicacións

domingo, 16 de xuño de 2019

Entrega de premios XIV Certame Literario


Eran as 8 da tarde e máis dun cento de  persoas ían acomodándose no auditorio Emilia Pardo Bazán. O motivo non era outro que coñecer os gañadores do certame literario.

Os presentadores Cecilia González e Iván Burgos fixeron de mestres de cerimonia nunha tarde onde non faltou nada. 

A música  estivo a cargo de Adrián Torres, cantautor pontevedrés afincado no Grove, que puxo un toque de cor e ritmo a toda a velada.

O escritor convidado Xesús Constela na súa intervención animou a todos a seguir escribindo porque se hai algo marabilloso é crear historias e mundos diferentes; pero aínda moito máis é compartilo cos demais.
Apostou porque iniciativas coma estas teñan continuidade porque son moi importantes para achegar a mocidade á literatura.



Os trinta finalistas das diferentes categorías foron subindo ao estrado para recoller o diploma e o seu agasallo particular. 
Aitor Martínez recolleu o premio do concurso de logo, convocado pola ANPA, e que a partir de agora será a imaxe do noso centro. Co mar como fonte de inspiración, nel están presentes os diferentes azuis do mar e as ondas. Un fermoso deseño que gustou a todos.

Os gañadores da categoría A, para alumnado de 5º e 6º de EP foron para:
Uxío Rodríguez Gómez (1º Premio) e Alicia Valle Besada (2º Premio). Ambos do CEIP A Florida de Sanxenxo.
Mentres que para a categoría B, para alumnado de 1º e 2º de ESO, as premiadas foron:
Eva de Apellániz Álvarez (IES Vilalonga) 1º Premio
María Dono Gómez (IES Sanxenxo) 2º Premio

Os gañadores da categoría C, que correspondía a alumnado de 3º e 4º de ESO, recaeu en:
Natalia Piñeiro Oubiña (IES Sanxenxo) 1º Premio
Mario Santiso Ferreirós (IES Vilalonga) 2º Premio.
O noso máis sincero agradecemento tanto á ANPA, ao concello de Sanxenxo e especialmente ao escritor Xesús Constela e aos membros do xurado: Mar Caneda, Mª José Iglesia, Gloria Fontán, Tamara Andrés e Xosé Iglesias.


sábado, 6 de abril de 2019

Made in Galiza. Obra de teatro


Un dos libros con máis pegada dentro do panorama editorial galego, Made in Galiza, segue a ter percorrido e segue a estar de vixente actualidade. Nesta ocasión foi a compañía teatral Os Quinquilláns quen se atreveu a levalo ás taboas. Desta maneira adaptaron algunha das historias presentes nesta obra que na actualidade vai xa pola 12ª edición e segue a ser lectura obrigada en moitos centros de ensino da nosa xeografía.
Un libro de historias orixinais que teñen como fío condutor a palabra, o idioma e que fai que reflexionemos sobre a nosa identidade. 
Na obra, dous membros da LP (Language Planning) acaban de chegar a terras galegas coa finalidade de acabar co conflito lingüístico e tentando impoñer as súas teses.
A pesar do traballo feito pola LP e da súa determinación por acabar co problema, as dificultades medran día a día.
Os Quinquilláns botan man do humor e da retranca. Unha sucesión de escenas que a pesar da súa comicidade fan que reflexionemos sobre a nosa realidade e que nos cuestiona como podemos mudala.

Alumnado de 2º de ESO, logo de ler a obra, asistiu á representación que tivo lugar en Cambados e aproveitou para ruar pola vila do albariño e tamén visitou a casa natal de Ramón Cabanillas.


sábado, 12 de maio de 2018

Obradoiro de escritura con Eva Mejuto Rial

        Hoxe pola tarde acompañounos Eva Mejuto Rial, unha escritora sanxenxina, que vai a ser a nosa convidada nesta XIII edición do Certame Literario IES Sanxenxo.
Eva é Doutora en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela.  Traballou en diversas editoriais, e o ano pasado, coordinou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.  Traballou en obras colectivas, e tamén coma tradutora.
É unha muller activa e preocupada pola mocidade e polos temas que lle afectan, e un magnífico exemplo a seguir para a rapazada, da que se lembrou ao escribir “22 segundos”.  Un libro no que se fala da transexualidade, xa que se viu impactada por unha reportaxe na que se falaba do dura que era a vida para a mocidade desta condición.
Pensa que a literatura é imprescindible para a xente nova, xa que ten a capacidade de cambiarlles a visión do mundo.  E despois de estar compartindo unha tarde con ela, no obradoiro de escritura no instituto, estamos de acordo con ela.
Moitas grazas por compartir unha tarde con nós, Eva!






venres, 27 de abril de 2018

Semana do Libro

     Durante esta semana, no IES Sanxenxo, celebramos a Semana do Libro.
     Para conmemorala, fixemos un mural onde colocamos fichas de cal é o noso libro favorito en galego.  Deste xeito, podemos tamén, suxerir títulos ás persoas que nos rodean.
     Felices lecturas!!



As máis populares