mércores, 21 de decembro de 2022

Lecturas recomendadas para o nadal

Como todos os anos, o equipo de biblioteca fai unha escolla de lecturas que poden ser interesantes para toda a familia e aproveitando estes días de descanso e de reencontros tal vez sería tamén unha boa opción de agasallo.

Aquí deixamos as recomendacións para este nadal, agardando que de achegarvos a algunha das propostas a desfrutedes.

Bo Nadal.



 



martes, 18 de outubro de 2022

Actividades Samaín 2022

 
Estamos xa de cheo no outono aínda que polo tempo non o pareza e para o día 4 de Novembro faremos o noso tradicional Magosto. Pero antes toca celebrarmos o Samaín e un ano máis dendo o EDL organizamos o Concurso de decoración de cabazas e  tamén de Sobremesas.
 
Podes ver a información do concurso picando AQUÍ.
Este ano, como novidade, haberá tamén un Concurso de Microrrelatos de medo e misterio e os gañadores do certame coñeceranse na celebración do Magosto 2022.
Os microrrelatos faranse a partir dunha imaxe que lle sirva de inspiración. Podes consultar as bases picando  AQUÍ e tamén descargar as FOTOS.

mércores, 15 de xuño de 2022

Entrega de premios XVI Certame literario IES Sanxenxo

O pasado 10 de xuño fixemos entrega ás gañadoras dos premios e dos agasallos dunha nova edición do certame literario.

No acto acompañounos o escritor Manuel Nuñez Singala que foi o autor que apadriñou esta nova entrega. No seu discurso falou da importancia destes concursos escolares ata o punto de confesar que el foi así como se iniciou no oficio de escribir e que foi continuando co paso dos anos.



O dúo formado por Jorge Lorre e Bosco Hill puxeron  o punto musical ao acto e as alumnas Julia Losada e Aroa Martínez exerceron de mestras de cerimonia.

Logo de días de lecturas e de votacións os finalistas e os gañadores de cada categoría foron para: 

Categoría A

ALICIA VALLE CASTAÑO 5º CEIP NANTES                      1º Premio

ALBA LÓPEZ MEDRANO 5º A CEIP PORTONOVO          2º Premio

DANIELA JORQUERA BAYA 6ºA CEIP PORTONOVO

ROI PRADO QUIÑONES 5º CEIP NANTES

SARA SALOMÓN MOURÍN 5º CEIP NANTES

ALEJANDRO DÁVILA LEIRO 6º CEIP PORTONOVO

CLAUDIA COSTAS POMBO 6º A CEIP A FLORIDA

ROQUE UHÍA OTERO 6º B CEIP PORTONOVO

ÁNGELA MARTÍNEZ GONZÁLEZ 6º A CEIP A FLORIDA

ROY LEIRO GONZÁLEZ 6º D CEIP PORTONOVO

 Categoría B

Paula García Serantes                          1º Premio

Daniela Blanco Poiche                          2º Premio

Elia Cacheda Vidal 

Marta Torres Domínguez 

Clara Berreco Martínez

Tomás Martínez Sanmartín 

Davinia Fernández 

Diana de Sousa Basdediós 

Gabriela Abal Blanco 

Alba D. Soutullo 


Categoría C

Manuela Garrido Míguez                 1º Premio

Uxía Rozas Pérez                              2º Premio

Carla Barreiro Fontenla 

Daniela Requejo González 

Valeria Caramés Periscal 

Candela Estévez Deza 

Carmen Berreco 

Tobías Cepeda  

 

Unha vez finalizada a maquetación,  publicaremos un ano máis os textos gañadores nunha edición llimitada a 500 exemplares para distribuír entre os centros participantes. Tamén poderase descargar a mesma neste mesmo blog.




luns, 30 de maio de 2022

XVI Certame literario IES Sanxenxo

Na semana de Letras Galegas celebramos presencialmente unha vez máis o noso tradicional Certame literario. O ximnasio e varias aulas enchéronse cos participantes que viñeron de: CEIP A Florida, CEIP Portonovo, CEIP Nantes e IES Vilalonga. Dende o ano 2019 non volveramos a desenvolver esta actividade da maneira que é habitual. O ano pasado fixerámola a distancia dende cada un dos centros participantes pero tiñamos ganas de retomar o formato orixinal.

Todo preparado para recibir aos participantes

Máis de 210 alumnos e alumnas dende 5º de EP ata 4º de ESO pasaron unha hora e media tentando crear un texto narrativo ou poético a partir dun verso ou dunha frase, nesta ocasión achegada polo  padriño desta edición, o escritor Manuel Nuñez Singala.

Agradecemos como sempre ao profesorado colaborador de cada un dos centros participantes pola súa inestimable axuda e que siga crendo nesta actividade con tanta tradición no noso concello.

O vindeiro venres 10 de Xuño daranse a coñecer os gañadores e as gañadoras, xunto cos finalistas, nun acto no auditorio Emilia pardo Bazán e posteriormente serán editados os textos nunha publicación, grazas á colaboración da Deputación de Pontevedra.




xoves, 28 de abril de 2022

Encontros con escritores no mes do libro

Durante o mes de abril convidamos a dous escritores para manter un encontro co alumnado. O primeiro foi Manuel Nuñez Singala que veu falar do oficio de escribir e conversar co alumnado de 1º de ESO que leu varios libros de teatro do autor: O achado do castro e Atranco no banco.

Contounos que aínda que pareza sinxelo tardou moito en escribilo porque o teatro require dunha técnica distinta a escrita de novela e porque facer comedia non é nada doado. Fixemos un pequeno experimento interpretando unha pequena escena dunha obra titulada O galán pillabán que resultou divertidísima.

Unha semana despois foi a quenda de Carlos Negro que realizou co alumnado de 2º ESO e do club de lectura un obradoiro de poesía. Os alumnos e alumnas foron os protagonistas e crearon, recitaron e compartiron os seus poemas.






Lonxatour Portonovo

A confraría de pescadores de Portonovo iniciou o proceso de musealización da lonxa coa finalidade de crear un espazo didáctico e de visita para que poidamos coñecer todo o referido ao mundo do mar.

Tamén pretende ser un espazo para recuperar a memoria e o pasado mariñeiro que sempre tivo Portonovo. Por este motivo e aproveitando que este ano a semana cultural ten como tema escollido o mar, visitamos a lonxa de Portonovo e iniciar así a colaboración para futuros traballos e proxectos.



 


venres, 8 de abril de 2022

Viaxe á Illa de San Simón

Despedimos a semana cultural cunha viaxe pendente. Berce de poetas, mosteiro, lazareto, cárcere, hospicio...iso é San Simón, unha pequena illa cravada no fondo da ría de Vigo, tan modesta como enorme é  a historia que atesoura.

Mentres percorremos os seus camiños, as pontes e paseos descubrimos a importancia cando no pasado era o lugar onde recalaban os barcos e pasaban corentenas. Coñecemos os anos que foi cárcere, un dos lugares máis sinistros da Guerra Civil  en Galicia.




Contáronnos historias e lendas como o por que o seu patrón está sen mans ou a do dragón que capturaba doncelas e foi vencido polos mozos redondeláns.

Un día apaixonante cheo de descubrimentos e de historias.


Obradoiro de música represaliada con Xurxo Souto

O pasado martes, achegouse ao noso centro o músico e escritor Xurxo Souto para falarnos da música galega durante os primeiros anos da posguerra e dalgunhas atrocidades que se cometeron naquel tempo.

Como el dixo na súa intervención, o obxecto do obradoiro é tomarmos conciencia da situación: como o imaxinario que impuxo a ditadura segue funcionar e definir en parte o noso presente e, sobre todo, a descuberta dese esplendor musical que, como sociedade, nos roubaron. 

Pois por aquel entón cantábase en todos os currunchos e en todos os contextos: músicas de traballo, cantos na aldea e cantos na cidade (rondallas, orfeóns, gaiteiros, ranchos de reis, comparsas e murgas de entroido) A carón desta música tradicional, estaba a nacer unha verdadeira canción galega.



Con esta premisa, presentou algúns deses proxectos musicais destruídos tras do golpe de Estado de 1936 e reivindicar a noticia, e a dignidade, das e dos artistas que sufriron a represión (algúns mesmo perderon a vida) neses días de barbarie.

 

luns, 4 de abril de 2022

A vida no mar. Charla de Parapeta

Parapeta é un mariñeiro moi coñecido en Portonovo e unha verdadeira enciclopedia mariñeira pois sen ir máis lonxe foron máis de cincuenta os anos que pasou embarcado.

Agora, xa retirado, adicado á lectura e outras afeccións, non perdoa un día sempre que o tempo sexa bo e non sexa domingo sen ir ao mar, aínda que agora por puro pracer.

Dentro da semana cultural, que este ano lle adicamos ao mar, Parapeta veu falar do oficio de mariñeiro e de todo o que lle deu na vida. Porque el percorreu case todo o mundo e viu moitas cousas a bordo dun barco: dende a cidade que considera máis fermosa Durban, en Sudáfrica (despois de Portonovo, claro está), pescar quenllas e ata ver parir unha balea en altamar; un dos espectáculos máis fermosos da natureza segundo dixo.

Falounos da importancia de coidar o medio mariño e  de facer unha explotación respectuosa do mar pois, como contou, de seguirmos así non vai haber peixe con que alimentarnos dentro de poucos anos. Tamén contounos como cambiaron as condicións na pesca de cando el comezaba ata hoxe e de como Portonovo mudou e agora os peiraos están máis cheos de barcos deportivos e de recreo que de pesca.

O alumnado de 3º de ESO non deixou pasar a ocasión para facerlle infinidade de preguntas e compartiu con eles moitas fotografías doutros tempos. 

Foi unha verdadeira marabilla escoitalo e aprender tanto!













 

domingo, 27 de marzo de 2022

Teatro. A señora de Forcadela

Os Quinquilláns é unha compañía teatral con máis de trinta anos de actividade. Dende o ano 2013 especialízase na creación de montaxes teatrais baseadas en feitos históricos para ser representadas en lugares emblemáticos e en celebracións de animación popular.



Nesta ocasión subiu ás táboas a obra A señora de Forcadela, unha montaxe creada a partir da biografía de Josefa García Segret, mestra e política galega que foi presa e represaliada como tantas outras mulleres durante a ditadura franquista. 



Alumnado de 2º e 3º de ESO ocupou o teatro Emilia Pardo Bazán para presenciar esta obra de pequeno formato onde Tero Rodríguez e Lucho Penabade encarnaron os momentos máis importantes da vida de Josefa García Segret.



 

 


Actividades O pasado por vir. Charla de Montse Fajardo "A memoria das mulleres"

Dentro do programa que desenvolve a Deputación de Pontevedra “O pasado por vir” quérese recoñecer a herdanza dunha xeración única e irrepetible a nivel  empresarial, político, cultural e social que os anos de ditadura pretenderon borrar pero que aínda na actualidade o seu legado segue a estar vivo. Por ese motivo é tan importante reivindicalo e dalo a coñecer entre a mocidade que nunha maioría aínda descoñece.

No IES Sanxenxo programamos dentro da semana cultural deste ano varias actividades relacionadas coa memoria histórica e a primeira delas foi a visita de Montse Fajardo que nos veu a falar da Represión contra as mulleres tras o golpe de estado de 1936.

Montse Fajardo é a coordinadora do programa “A memoria das mulleres” do Concello de Pontevedra e autora de libros relacionados coa memoria histórica como Matriarcas, Un cesto de mazás ou A vida incerta.

Na charla falouse das distintas maneiras de exercer a represión contra as mulleres e incidiuse na necesidade de lembrar ese tempo por anos silenciado.


A charla complementouse coa visita á exposición “Rexas. Mulleres baixo o terror franquista”, que estará aberta no centro durante unha quincena.

É unha escolma da historia de represión sufrida por 172 pontevedresas que foron perseguidas, asasinadas, encarceradas e que, ademais, polo feito da súa condición de mulleres, soportaron tamén vexacións de corte sexista.




 

A mostra divídese en tres bloques: O primeiro é o da contextualización histórica, que conta que o golpe de Estado supuxo unha quebra dos dereitos da República .

A segunda parte da exposición analiza as diferentes tipoloxías de represión que as mulleres padeceron. Moitas delas tendo como alvo cidadás significadas política ou sindicalmente e tamén ás familiares de homes perseguidos.

A terceira parte da mostra dedícase a recoñecer o labor solidario e resistente das mulleres, o seu apoio imprescindible á guerrilla, aos fuxidos, á xente presa e ás súas familias, ás viúvas e ás criaturas orfas, así como o seu protagonismo na transmisión da memoria.


domingo, 20 de marzo de 2022

Semana Cultural IES Sanxenxo 2022

Estreamos a primavera cunha chea de actividades pois entre o luns 21 e o venres 25 de marzo serán moitas as que fagamos tanto dentro como fóra do noso instituto.

A Semana cultural deste ano vai adicada ao mar e moitas, aínda que non todas, das actividades teñen que ver con el.

Visitaremos a illa de San Simón na ría de Vigo, o espazo da lonxa de Portonovo que acaba de ser musealizado para pór en valor o pasado e presente mariñeiro da vila, recibiremos a visita das redeiras e dun mariñeiro que viviu nas Ons e que nos vai contar como era a vida daquela na illa. Tamén haberá ocasión de facer unha xornada de paddle surf ou escoitar ao poeta Antonio García Teijeiro cos seus poemas mariñeiros.

Pero ademais, dentro das actividades que está a realizar a deputación de Pontevedra sobre a memoria histórica teremos unha exposición sobre as Mulleres na posguerra que ilustrará Montse Fajardo. Tamén asistiremos a unha obra de teatro do grupo Os Quinquilláns ou aprenderemos a xogar ao fútbol gaélico, que para iso temos selección.

Podes ver e descargar o programa picando AQUÍ


 


 

Dobramos cinema en galego

As máis populares