venres, 16 de marzo de 2018

Postais pola Candeloria


Queda xa un pouco atrás, o tempo en que casan os paxariños e empeza a agromar a primavera.  Pero como este ano non parece que se decidira a agromar ata hai uns días, rememoramos a data agora.
A Candeloria é unha festividade que ten orixe pagá, relacionada cos cultos de fertilidade e ciclos da natureza, coma o Nadal ou a Noite do San Xoán.
En Galiza temos aínda moitas festividades deste tipo, porque sempre fomos xente achegada á terra, que debía saber os tempos das sementeiras e das colleitas, e non despistarse ante posibles cambios meteorolóxicos que levaran ao traste as producións.
É por isto que, unha vez instaurada a relixión cristiá, se reconverteron todos estes ritos en ofrendas e rituais a santos e santas: cristianizáronse.  Pero seguen tendo a mesma base relacionada coa terra e a súa fertilidade.
Hoxe en día, celébrase coma unha festa de Purificación da Virxe María, na que se acenden candeas que servirán para protexernos das tronadas e axudar a almas perdidas a chegar ao seu destino.  En Meaño, que o temos ben preto, celébrase!
Hai moitos refráns que ilustran este tempo:
-  Cando a Candeloria chora, medio inverno vai fóra; que chore, que deixe de chorar, mitá do inverno está por pasar.
-  Pola Candeloria casan os paxariños e maila galiñola.
É unha data que se toma de referencia como inicio de vida; xa metade do inverno vai fóra, os paxariños comezan a buscar compañeiro/a para ir arrombando o niño... e por iso, se toma tamén coma unha festividade do amor, da amizade.
No IES Sanxenxo non iamos ser menos, e o Equipo de Dinamización Lingüística, argallamos o I Concurso de Postais pola Candeloria.
A participación non foi moi ampla, pero si de moita calidade, resultando gañadoras varias rapazas e un rapaz, todas elas de 1º da ESO, un dos cursos máis participativos nas convocatorias do centro.  Foron os seguintes:
1º premio
Óscar Barreal Agís, Lucía Sanmartín Fraga e Clara Sueiro Figueiras
2º premio
Cecilia González Padín
3º premio
Anabel Martínez Torres, Elena Sueiro Castro e Ángela Viéitez Castro
Parabéns a todas e seguide sendo así de participativas e celebrando así de bonito o amor e amizade!!






Ningún comentario:

Publicar un comentario

Dobramos cinema en galego

As máis populares