Amosando publicacións coa etiqueta semana cultural. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta semana cultural. Amosar todas as publicacións

luns, 4 de abril de 2022

A vida no mar. Charla de Parapeta

Parapeta é un mariñeiro moi coñecido en Portonovo e unha verdadeira enciclopedia mariñeira pois sen ir máis lonxe foron máis de cincuenta os anos que pasou embarcado.

Agora, xa retirado, adicado á lectura e outras afeccións, non perdoa un día sempre que o tempo sexa bo e non sexa domingo sen ir ao mar, aínda que agora por puro pracer.

Dentro da semana cultural, que este ano lle adicamos ao mar, Parapeta veu falar do oficio de mariñeiro e de todo o que lle deu na vida. Porque el percorreu case todo o mundo e viu moitas cousas a bordo dun barco: dende a cidade que considera máis fermosa Durban, en Sudáfrica (despois de Portonovo, claro está), pescar quenllas e ata ver parir unha balea en altamar; un dos espectáculos máis fermosos da natureza segundo dixo.

Falounos da importancia de coidar o medio mariño e  de facer unha explotación respectuosa do mar pois, como contou, de seguirmos así non vai haber peixe con que alimentarnos dentro de poucos anos. Tamén contounos como cambiaron as condicións na pesca de cando el comezaba ata hoxe e de como Portonovo mudou e agora os peiraos están máis cheos de barcos deportivos e de recreo que de pesca.

O alumnado de 3º de ESO non deixou pasar a ocasión para facerlle infinidade de preguntas e compartiu con eles moitas fotografías doutros tempos. 

Foi unha verdadeira marabilla escoitalo e aprender tanto!













 

domingo, 20 de marzo de 2022

Semana Cultural IES Sanxenxo 2022

Estreamos a primavera cunha chea de actividades pois entre o luns 21 e o venres 25 de marzo serán moitas as que fagamos tanto dentro como fóra do noso instituto.

A Semana cultural deste ano vai adicada ao mar e moitas, aínda que non todas, das actividades teñen que ver con el.

Visitaremos a illa de San Simón na ría de Vigo, o espazo da lonxa de Portonovo que acaba de ser musealizado para pór en valor o pasado e presente mariñeiro da vila, recibiremos a visita das redeiras e dun mariñeiro que viviu nas Ons e que nos vai contar como era a vida daquela na illa. Tamén haberá ocasión de facer unha xornada de paddle surf ou escoitar ao poeta Antonio García Teijeiro cos seus poemas mariñeiros.

Pero ademais, dentro das actividades que está a realizar a deputación de Pontevedra sobre a memoria histórica teremos unha exposición sobre as Mulleres na posguerra que ilustrará Montse Fajardo. Tamén asistiremos a unha obra de teatro do grupo Os Quinquilláns ou aprenderemos a xogar ao fútbol gaélico, que para iso temos selección.

Podes ver e descargar o programa picando AQUÍ


 


 

xoves, 25 de abril de 2019

I Certame de Regueifas

O pasado xoves 11 de  Abril tivo lugar no Auditorio Emilia Pardo Bazán o I Certame de Regueifas Concello de Sanxenxo, organizado polo IES Sanxenxo en colaboración cos Equipos de Dinamización Lingüística do IES Vilalonga e  Colexio Plurilingüe Abrente.
 
Cento oitenta alumnos e alumnas de 1º e 2º de ESO dos 3 centros de ensino de secundaria do municipio  déronse cita para apoiar aos compañeiros que os representaban e que subiron ao escenario para amosar todo o aprendido nas dúas sesións formativas previas desenvolvidas polos regueifeiros Lupe Gómez e Josinho de Tareixa.



 
O obxectivo cando ideamos este certame era  que os xóvenes empregasen a lingua propia de xeito natural e a vinculasen a actividades lúdicas mellorando a súa expresión oral.
Tamén queriamos achegarlle a regueifa, unha tradición de carácter popular moi estendida no seu día e que hoxe diferentes persoas e asociacións traballan pola súa recuperación.

 
Non podemos máis que agradecer tanto aos responsables dos centros, ao concello de Sanxenxo, á Secretaría Xeral de Política Lingüística  e á ANPA do IES Sanxenxo a axuda e colaboración para levar a bo termo esta actividade.
E por suposto, felicitar ao alumnado que amosou respecto polos compañeiros, enxeño, ganas de divertirse e de aprender e que mostrou con orgullo as súas habilidades improvisatorias e deu ánimos a todos nunha festa para a cultura e para a  lingua galega.




Moitos medios fixéronse eco da noticia e foi moita a repercusión. Aquí deixamos algunhas ligazóns:






venres, 6 de abril de 2018

Haikus

     Outra das actividades propostas dentro da Semana Cultural do centro, dende o Equipo de Dinamización, foi un obradoiro de Haikus.
     Deste xeito, queríamos celebrar tamén o día da árbore, a poesía e a auga.
     Que mellor que esta modalidade de poema xaponés, que se pon en contacto directo coa natureza, para aunar todo.  Iso si, desta volta, feitos en galego, e con paisaxes da nosa contorna, para poder enlazalo co tema da semana cultural.
     Sen máis dilación, deixo os haikus realizados polo alumnado, para que podades gozar deles.
     Sayonara!
 








xoves, 22 de marzo de 2018

Obradoiro de toponimia

     Durante a Semana Cultural que celebramos cada ano no instituto, traballamos un tema en concreto da maneira máis interdisciplinar posible.
     Este curso, o tema escollido foi "Baltar e a súa contorna".
     O Equipo de Dinamización Lingüística, fixo varias propostas para realizar ao longo da semana;  unha delas foi a realización dun Obradoiro de Toponimia, para coñecer un pouco máis a orixe dos nomes que nos rodean, e saber, xa de paso, a orixe de moitos outros.
     O obradoiro correu a cargo do filólogo especialista en toponimia, membro da Real Academia Galega, Vicente Feijoo.




As máis populares