luns, 25 de febreiro de 2019

Premios Rosalía en Sanxenxo

Celebramos o día de Rosalía premiando os traballos do concurso Rosalía en Sanxenxo. Aínda que nos tivese gustado unha maior participación, algúns traballos foron de moita calidade e non foi fácil para o xurado decidirse.
O concurso consistía en tirar unha fotografía dalgún lugar ou motivo do concello de Sanxenxo para ilustrar uns versos da nosa autora máis universal e este foi o resultado.

Aitor Martínez Hermida (Praza do Enxido-Portonovo)
Lucas Sueiro Fernández (Piñeiral de Baltar)
Sara Martínez (Paseo de madeira praia de Baltar)

Noraboa aos gañadores e a todos os participantes.

venres, 22 de febreiro de 2019

Día da lingua materna

Dende o ano 2000 celébrase cada 21 de Febreiro o día da lingua materna e este ano está adicado ás linguas indíxenas, en tanto factor de desenvolvemento, paz e reconciliación.
A lingua materna é aquela en que nenos e nenas aprenden a falar e a relacionarse co seu contorno máis próximo. A UNESCO quere impulsar o coñecemento e a práctica das linguas maternas de menos falantes tamén na escola, nos medios de comunicación, na internet... fóra dos ámbitos en que moitas delas quedan recluídas. O Día Internacional da Lingua Materna estableceuse para sensibilizar acerca da importancia dos idiomas e da función vital que desempeñan no desenvolvemento, ao garantir a diversidade e o diálogo intercultural, así como o fortalecemento da cooperación e a consecución da educación de calidade para todos, a construción de sociedades do coñecemento integradoras e a preservación do patrimonio cultural.
Nós quixemos celebrar este día fotografándonos cunha palabra nosa para así darlle visibilidade ao noso idioma. Aquí tendes alguhas instantáneas...










 

mércores, 13 de febreiro de 2019

O Entroido en Galicia


A riqueza de entroidos tradicionais existente en Galicia é moi importante, sobre todo na provincia de Ourense. Ademais dos Peliqueiros, os Cigarróns ou os Boteiros hai outras moitas manifestacións do entroido ao largo da nosa xeografía. O rei de Covelo, o oso de Salcedo, as Bonitas de Sande, o Labardeiro de Mugares, o Vergalleiro de Sarreaus e moitos máis son un exemplo desta riqueza cultural e etnográfica e que se estende polos concellos de O Bolo, Bande, A Mezquita, Toén ou Pobra de Brollón entre outros. 
Queremos compartir o traballo feito polo  alumnado do CPI do Toural en Vilaboa, lugar ademais cunha importante tradición de entroido, que acabou por ser unha interesante exposición.
Nel poderás decubrir e coñecer os aspectos máis relevantes de cada unha destas manifestacións culturais: vestiario, orixe, tradición, danzas e algunhas curiosidades... 
Podes descargar os pdf nas seguintes ligazóns e tamén un cuestionario para traballalos co alumnado

luns, 11 de febreiro de 2019

Bicos con Lingua


Alumnado de 3º de ESO achegouse ao salón teatro de Santiago de Compostela para asistir á representación de Bicos con Lingua, de Talia Teatro.
Bicos con lingua é un espectáculo en clave de comedia no que a través de diversas situación cotiás invita a unha fonda reflexión sobre os usos e abusos da lingua galega.
Nace dun forte sentimento de amor cara algo tan propio como é a nosa lingua: a lingua galega. Non se trata en ningún momento dun exercicio de victimismo, nada máis lonxe da nosa intención, senón de afondar nun problema real e, certamente, preocupante. Así, pretendemos que esta montaxe supoña para o espectador unha experiencia de redescobremento dunha lingua que existe e que crece na súa inmensa riqueza, a pesares dos usos e abusos aos que está sometida de cotío.


 

xoves, 7 de febreiro de 2019

ENORMIC BANDA

A Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística do Salnés convoca un ano máis o certame ENÓRMIC BANDA para divulgar os traballos e a expresión artística en banda deseñada entre o alumnado dos centros da nosa bisbarra.
Así que se che gusta debuxar, tes ata o 26 de Abril para facer chegar os teus traballos ao Equipo de Dinamización do teu centro de ensino.

 

mércores, 6 de febreiro de 2019

XXV Certame gráfico pola normalización

Un ano máis a Coordinadora de Equipos de Dinamización Lingüística do Salnés convoca este concurso que ten como lema As Cores da Nosa Lingua.
Reinterpretamos obras pictóricas de grandes artistas galegos/as para así reivindicar o noso idioma.
A participación foi moi alta e os traballos de grande calidade. Os alumnos e alumnas do IES Sanxenxo tamén fixeron propostas de interese e algúns se atopan entre os finalistas e formarán parte da exposición que durante o ano circulará entre todos os centros da bisbarra.
 










Dobramos cinema en galego

As máis populares