venres, 25 de maio de 2018

Anagnórise en Cambados


Esta semana fomos co alumnado de 3º da ESO ao teatro a Cambados.
Formando parte das actividades para conmemorar as Letras Galegas deste ano, fomos a ver Anagnórise, a obra de María Victoria Moreno, adaptada á escena, pola compañía Limiar Teatro.
Foi unha moi boa adaptación para a rapazada, xa que, a través de distintos sckechs, fixeron unha aproximación á obra, e sobre todo ao propio significado do título.
Gustou moito e, sen dúbida, repetiríamos.



venres, 18 de maio de 2018

XIII Certame Literario IES Sanxenxo


E un ano máis, chegou o tempo das letras ao IES Sanxenxo.
Hoxe pola mañá celebramos o XIII Certame Literario.  Neste certame participan todos aqueles centros do concello que así o desexen.
Para homenaxear á escritora das Letras Galegas deste ano, ofréceselles á xente que participa dous fragmentos de dúas obras de María Victoria Moreno;  unha delas para desenvolver en forma de narrativa, e a outra en forma de poema.
A participación foi alta: máis de 200 persoas!!
Houbo que habilitar o pavillón para que entrasen a maior parte das categorías.  A categoría A, os máis pequerrechos, realizaron a proba na aula de tecnoloxía.
Agora, a agardar o fallo do xurado: que nervios!!
A entrega de premios levarase a cabo o xoves 14 de xuño no Auditorio Emilia Pardo Bazán.
Moita sorte!







sábado, 12 de maio de 2018

Obradoiro de escritura con Eva Mejuto Rial

        Hoxe pola tarde acompañounos Eva Mejuto Rial, unha escritora sanxenxina, que vai a ser a nosa convidada nesta XIII edición do Certame Literario IES Sanxenxo.
Eva é Doutora en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela.  Traballou en diversas editoriais, e o ano pasado, coordinou o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.  Traballou en obras colectivas, e tamén coma tradutora.
É unha muller activa e preocupada pola mocidade e polos temas que lle afectan, e un magnífico exemplo a seguir para a rapazada, da que se lembrou ao escribir “22 segundos”.  Un libro no que se fala da transexualidade, xa que se viu impactada por unha reportaxe na que se falaba do dura que era a vida para a mocidade desta condición.
Pensa que a literatura é imprescindible para a xente nova, xa que ten a capacidade de cambiarlles a visión do mundo.  E despois de estar compartindo unha tarde con ela, no obradoiro de escritura no instituto, estamos de acordo con ela.
Moitas grazas por compartir unha tarde con nós, Eva!






Dobramos cinema en galego

As máis populares