luns, 4 de abril de 2022

A vida no mar. Charla de Parapeta

Parapeta é un mariñeiro moi coñecido en Portonovo e unha verdadeira enciclopedia mariñeira pois sen ir máis lonxe foron máis de cincuenta os anos que pasou embarcado.

Agora, xa retirado, adicado á lectura e outras afeccións, non perdoa un día sempre que o tempo sexa bo e non sexa domingo sen ir ao mar, aínda que agora por puro pracer.

Dentro da semana cultural, que este ano lle adicamos ao mar, Parapeta veu falar do oficio de mariñeiro e de todo o que lle deu na vida. Porque el percorreu case todo o mundo e viu moitas cousas a bordo dun barco: dende a cidade que considera máis fermosa Durban, en Sudáfrica (despois de Portonovo, claro está), pescar quenllas e ata ver parir unha balea en altamar; un dos espectáculos máis fermosos da natureza segundo dixo.

Falounos da importancia de coidar o medio mariño e  de facer unha explotación respectuosa do mar pois, como contou, de seguirmos así non vai haber peixe con que alimentarnos dentro de poucos anos. Tamén contounos como cambiaron as condicións na pesca de cando el comezaba ata hoxe e de como Portonovo mudou e agora os peiraos están máis cheos de barcos deportivos e de recreo que de pesca.

O alumnado de 3º de ESO non deixou pasar a ocasión para facerlle infinidade de preguntas e compartiu con eles moitas fotografías doutros tempos. 

Foi unha verdadeira marabilla escoitalo e aprender tanto!













 

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Dobramos cinema en galego

As máis populares