mércores, 25 de xuño de 2025

 PEGADA DE ADHESIVOS DO PROXECTO "GIF MENÚ: QUE VAI SER?" EN 5 RESTAURANTES



O 19 de xuño alumnado de 2º e 4º colocaron o adhesivo gatuno na porta de cinco restaurantes:

  • El Aviador (Padriño do Concurso de Fotografía Arttística con Alimentos) 
  • Mar Lima II
  • A Batea
  • Taberna A Queimada
  • Casa Zulema
Grazas por colaborar e abrirnos as súas portas!


 



Isto significa que xa dispoñen dos seus menús nas tres linguas: galego, inglés e francés. Entregámoslles un menú en papel en galego e o código QR onde se poden consultar nas tres linguas. Agardamos que as/os clientes o demanden no día a día e curioseen no contraste de terminoloxía.

 Trátase dun proxecto multidisciplinar que iniciou a súa andaina no presente curso 2024-25. Participou nel alumnado de 1º , 2º, 3º e 4º da ESO. O profesorado tamén se implicou significativamente na posta en marcha deste proxecto: Galego, Inglés e Francés realizando a  tradución dos menús, Tecnoloxía elaborando o logo (un alumno de 4º), os menús e os códigos QR, Bioloxía achegando as táboas nutricionais correspondentes, Física e Química a partir dun libro interactivo h5p redactando curiosidades científico-culinarias relacionadas con pratos concretos (os “Gato datos”), Xeografía e Historia ocupándose de coñecer a riqueza gastronómica e vinícola da área do Salnés e Pontevedra centrándose no sector primario e Matemáticas coa intención de elaborar gráficos porcentuais que contabilizaran distintas variables tendo en conta as características dos establecementos.


A riqueza da gastronomía galega debe ir da man da riqueza lingüística, como acontece noutras culturas. Por exemplo, ao escoitarmos as palabras gazpacho, cebiche, pizza, shuxi..., coñecidas por todos, apreciamos automaticamente o poder da súa sonoridade ligada a unha cultura, a un bo facer culinario. O mesmo acontece con: polbo á feira, xoubas, robaliza, luras da ría, costela ou pementos de Padrón.

Romper coa inercia das accións preestablecidas implica realizar accións concretas para abrir camiño e animar a aquelas persoas que dubiden á hora de dar o paso de normalizar o uso do galego. Mesmo a xente de fóra pode curiosear nos menús e sorprenderse ao coñecer os nomes dos pratos en galego.

Será este o comezo dunha nova etapa para o uso da nosa lingua na hostalería?






 FOTOS PREMIADAS NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ARTÍSTICA CON ALIMENTOS

Dúas foron as fotos premiadas, a primeira inspirada no propio logo do Proxecto "GIF Menú: Que vai ser?"

Bo proveito para a gañadora dese bo xantar coa que a obsequia o restaurante El AVIADOR de Sanxenxo!

                1ª                     2ª

1º "O ghato que rosma no teu estómago"                                2ª  "Entre piñeiros e violetas"

O alumnado enviou moitas outras fotografías, de estilos moi variados e títulos ben suxerentes. Velaquí algúns bos exemplos:

                                                         


"Quebracabezas de amorodos" / "A felicidade da comida" / "Marchando unha nécor burguer"




       

"Verán no prato"             /              "Froitas ao luar"     /         "Un rostro de felicidade nas sombras"




    


            "Pallaso tropical"             /                                 "Delirio mariño á grella"





sábado, 14 de xuño de 2025

 CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ARTÍSTICA CON ALIMENTOS - PROXECTO GIF MENÚ


PREMIOS PARA O ALUMNADO GAÑADOR DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ARTÍSTICA CON ALIMENTOS


1º Premio: Por cortesía do Restaurante El AVIADOR, un xantar para dúas persoas.

El Aviador apoia así, de maneira significada, o PROXECTO GIF MENÚ do noso centro, que consiste fundamentalmente en traducir as cartas/menús da hostalería da contorna a GALEGO, INGLÉS e FRANCÉS, coa colaboración doutras materias como Química, Bioloxía, Historia, Matemáticas.... Grazas!

2º Premio: unha merenda na cafetería do instituto.

MOITA SORTE A TODAS E TODOS!


 

UN CONVIDADO MOI ESPECIAL NA GALA DE ENTREGA DE PREMIOS

RAMÓN CARIDE foi o escritor que apadriñou o evento. Unha atractiva traxectoria literaria o avala. Todo un luxo compartir con el verbas e lecturas! 

Será o autor que asine o limiar que precederá os textos premiados cando sexan publicados en papel.

Logo do remate do evento tivo vagar para dedicar os seus libros e compartir impresións con quen se achegou a saudalo. 

    




















HOMENAXE NA GALA DE ENTREGA DE PREMIOS ÁS CANTAREIRAS



Tivemos a sorte de contar coa mellor banda sonora: o grupo de música tradicional SOALLEIRA! Nesta ocasión representada polas voces, pandeiretas e o pandeiro de alumnos/alumnas do centro.

O acto foi conducido por dúas presentadoras de excepción, de 4º da ESO.





                                     

 






As máis populares