O martes 30 fomos á cidade de Compostela, a facer unha actividade cun grupo de alumnas e alumnos de 4º da ESO, no Museo do Pobo Galego.
     Unha actividade que, definitivamente, nos gustou moito!
     Fixemos un obradoiro de Regueifa!
     A Regueifa pode ser un pan, ou unha serie de versos en forma de desafío dialectal.  Aínda que non nos importaría aprender a facer pan, non foi o caso.
     Nesta ocasión, ensináronnos a facer os versos dunha regueifa, a improvisar, e todo cun verniz de xénero xa que, tal e como nos contaron as regueifeiras, ás mulleres, non se lles permitía cantar en público antes.  E non porque houbera unha prohibición explícita, senón porque aquelas que o facían, quedaban expostas publicamente, coma mulleres de mala reputación.  O que xa era dabondo para non facelo.
     O caso é que hoxe en día xa hai regueifeiras, e todo iso que nos parece que é moderno coma o rap, o hip - hop, as pelexas de galos... xa vén de vello!  E é noso!  É algo que se nos daba ben e que se facía xa non só en ocasións especiais, senón tamén de cotío.
     Aquí deixo as imaxes das nosas futuras regueifeiras.
  
