venres, 10 de marzo de 2023

FESTIVAL ARI(T)MAR

A EOI de Santiago de Compostela organiza dende o ano 2016 este proxecto que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía. Importantes intérpretes e grupos como António Zambujo, María do Cebreiro, Os azeitonas, Xabier Díaz, Tanxugueiras ou Ana Moura foron algúns dos gañadores de edicións anteriores.

O certame aRi[t]mar Galiza e Portugal é singular posto que é o único no ámbito peninsular en que o público escolle e premia cancións e poemas (non álbums ou poemarios) galegas e portuguesas. Ademais, para que un/ha músico/a (ou grupo musical) ou poeta poda voltar a ser premiado/a máis dunha vez teñen que transcorrer polo menos 5 anos, a contar desde o ano seguinte ao no que resultou gañador/-a.
Máis información na súa páxina ari(T)mar.
Aquí podes acceder ás votacións tanto para a Canción en Galego como para a Canción en Portugués. Tes ata o 27 de marzo.



Visita á Fortaleza de Valença e Festival de Teatro grecolatino

O alumnado de 4º de ESO acudiu ao Festival de Teatro grecolatino que cada ano organiza a Sección de Estudos clásicos da Universidade de Santiago de Compostela, e que entre outras cidades se desenvolveu na vila de Tui.

Aproveitamos o desprazamento para visitar a Fortaleza de Valença e coñecermos polo miúdo a rica historia que encerra este emprazamento militar. Durante unha hora fixemos un xogo de pistas onde tiñamos que buscar información e tirarnos fotos en lugares concretos para contestar no menor tempo posible ás cuestións que se nos preguntaban. Foi un xeito lúdico e divertido para coñecermos aspectos do pasado e do presente de Valença e tamén de Portugal.

Despois atravesamos a ponte para dirixirnos a Tui e ruamos pola súa zona histórica antes de asistir á representación Miles Gloriousus de Plauto. Unha versión MOI LIBRE do clásico latino.




domingo, 26 de febreiro de 2023

Entroido 2023

Unha das nosas celebracións máis agardadas tivo lugar este mes, O Entroido.

Un ano máis disfrazámonos, tomamos o tradicional chocolate con rosca que prepararon dende a ANPA. Participamos nos concursos de sobremesa e disfraces. Houbo quen preparou unha pequena representación e tamén desfiles. E sobre todo bailamos e pasámolo moi ben.







xoves, 9 de febreiro de 2023

Roteiro Castelao

En marzo de 1947, nunha carta que envía Castelao ao presidente do centro pontevedrés de Bos Aires dille: "Non son, pois, un pontevedrés de partida de nascimento, que ás veces esto é entrar pola porta falsa; eu son pontevedrés pola miña propia vontade e pola identificación coas terras e xentes de Pontevedra"

A cidade de Pontevedra, neste roteiro, convértese na testemuña da vida de Castelao e do seu traballo a prol da nosa lingua. O paseo serve para recordar outros fitos da historia da cidade.


O percorrido comeza na praza de San Xosé cunha parada no edificio onde se situaba o Café Moderno, rúa da Oliva (fronte a casa onde viviu Castelao), praza da Ferraría, praza da Verdura, praza da Leña, igrexa de San Bartolomeu, Sexto Edificio do Museo, praza da Pedreira, rúa César Boente, praza de Méndez Núñez, rúa Real, praza das Cinco Rúas, praza do Teucro, Teatro Principal, praza de Santa María.



 

 

mércores, 21 de decembro de 2022

Lecturas recomendadas para o nadal

Como todos os anos, o equipo de biblioteca fai unha escolla de lecturas que poden ser interesantes para toda a familia e aproveitando estes días de descanso e de reencontros tal vez sería tamén unha boa opción de agasallo.

Aquí deixamos as recomendacións para este nadal, agardando que de achegarvos a algunha das propostas a desfrutedes.

Bo Nadal.



 



As máis populares