martes, 15 de febreiro de 2022

V Concurso de microrrelatos. gal

 

A Real Academia Galega xunto coa Asociación PuntoGal organizan o V Certame de Microrrelatos, coa finalidade de reforzar a presenza da identidade galega no mundo dixital. De quererdes presentar algún texto, a data límite en calquera das tres categorías establecidas (infantil, xuvenil e persoas adultas) é o 28 de febreiro.

Aquí tes as BASES do concurso coas condicións, datas e xeito de presentar o teu relato. Recorda lelas atentamente, afinar as túas destrezas literarias e adiante! Moita sorte, estamos desexando ler o que tes que contar

 

 

luns, 7 de febreiro de 2022

Roteiro Castelao e visita ao museo de Pontevedra

O venres 4 alumnado de 4º de ESO fixo o percorrido do roteiro Castelao polas rúas de Pontevedra, coñecendo non só o periplo vital do xenial artista rianxeiro senón tamén descubrindo o pasado da zona histórica da cidade de Pontevedra, que non por estar próxima resulta tan coñecida.
 

Como eramos moitos dividímonos para así poder visitar en pequenos grupos o museo de Pontevedra, deténdonos na sala que alberga a maioría da obra de Castelao. 



Alí encóntranse non só os cadros de grande formato e outros tamén moi coñecidos e difundidos do álbum Nós; senón tamén algúns obxectos persoais como os seus lentes, as gubias para facer os gravados e primeiras edicións dos seus libros.
 
 
En definitiva, unha mañá moi agradable  e  chea de descubrimentos.
Se queres coñecer máis sobre o roteiro Castelao podes picar AQUÍ.

martes, 11 de xaneiro de 2022

Berto. Viaxe ao espazo interior

Principia o 2022 e queremos empezar con música e cunha proposta musical dun solista que nos últimos anos formou parte dun dos grupos con máis éxito dentro da música galega. Falamos de Verto, unha formación que co seu disco Embora chegou a milleiros de persoas dentro e fóra de Galicia.

Agora, un dos seus integrantes, Alberto Mira (Berto) acaba de publicar un  novo traballo en solitario e que leva por título Viaxe ao espazo interior e que podes ver e escoitar en diferentes plataformas.

Deixámosvos tamén a entrevista que saíu publicada a finais de decembro no Diario de Pontevedra picando AQUÍ.

 

martes, 30 de novembro de 2021

Non serei cómplice

Co lema Non serei cómplice imos conmemorar o 25N no noso centro un ano máis. Queremos facerlle chegar ao alumnado a mensaxe que debe quitar a venda dos ollos, atada polo descoñecemento, a comodidade, o medo, a falta de empatía e actúe ante a violencia machista.  


Así que deixamos no vestíbulo as nosas mensaxes de repulsa e tamén as nosas reflexións ante multitude de actitudes que denigran, minusvaloran e que causan dor.

Porque todos e todas podemos actuar para contribuír a erradicar a violencia cara ás mulleres. 





mércores, 17 de novembro de 2021

Obradoiro poético con Oriana Méndez

Oriana Méndez, a última gañadora do Premio de poesía Afundación, un dos máis prestixiosos de Galicia, visitounos o pasado 16 de Novembro para charlar de poesía co alumnado de 4º de ESO.

Esta actividade fai parte dos ENCONTROS LITERARIOS, que promove a Dirección General del Libro y Fomento de la Lectura do Ministerio de Cultura e que quere achegar aos centros de secundaria os propios autores para establecer un diálogo entre eles e os seus lectores e que poidan tamén coñecer eles como traballan o seu proceso creativo.



Oriana Méndez ao longo da súa traxectoria ten gañado os premios Premio de poesía concello de Carral no 2014 e o V certame de poesía Rosalía de Castro. É autora dos poemarios Derradeiras conversas co Capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede a caída é branco (2015), O corazón pronúnciase extenso (2019) e Interna (2021). Tamén colabora en diversas obras colectivas.




 


As máis populares