PEGADA DE ADHESIVOS DO PROXECTO "GIF MENÚ: QUE VAI SER?" EN 5 RESTAURANTES
O 19 de xuño alumnado de 2º e 4º colocaron o adhesivo gatuno na porta de cinco restaurantes:
- El Aviador (Padriño do Concurso de Fotografía Arttística con Alimentos)
- Mar Lima II
- A Batea
- Taberna A Queimada
- Casa Zulema
Grazas por colaborar e abrirnos as súas portas!
Isto significa que xa dispoñen dos seus menús nas tres linguas: galego, inglés e francés. Entregámoslles un menú en papel en galego e o código QR onde se poden consultar nas tres linguas. Agardamos que as/os clientes o demanden no día a día e curioseen no contraste de terminoloxía.
Trátase dun proxecto multidisciplinar que iniciou a súa andaina no presente curso 2024-25. Participou nel alumnado de 1º , 2º, 3º e 4º da ESO. O profesorado tamén se implicou significativamente na posta en
marcha deste proxecto: Galego, Inglés e Francés realizando a tradución dos menús, Tecnoloxía elaborando o logo (un alumno de 4º), os menús e os
códigos QR, Bioloxía achegando as táboas nutricionais
correspondentes, Física e Química a partir dun libro interactivo
h5p redactando curiosidades científico-culinarias relacionadas con
pratos concretos (os “Gato datos”), Xeografía e Historia
ocupándose de coñecer a riqueza gastronómica e vinícola da área
do Salnés e Pontevedra centrándose no sector primario e Matemáticas
coa intención de elaborar gráficos
porcentuais que contabilizaran distintas variables tendo en conta as
características dos establecementos.
A riqueza da gastronomía galega debe ir da man da riqueza
lingüística, como acontece noutras culturas. Por exemplo, ao
escoitarmos as palabras gazpacho, cebiche, pizza, shuxi..., coñecidas
por todos, apreciamos automaticamente o poder da súa sonoridade
ligada a unha cultura, a un bo facer culinario. O mesmo acontece con:
polbo á feira, xoubas, robaliza, luras da ría, costela ou
pementos de Padrón.
Romper coa inercia das accións preestablecidas implica realizar
accións concretas para abrir camiño e animar a aquelas persoas que
dubiden á hora de dar o paso de normalizar o uso do galego. Mesmo a
xente de fóra pode curiosear nos menús e sorprenderse ao coñecer
os nomes dos pratos en galego.
Será este o comezo dunha nova etapa para o uso da nosa lingua na
hostalería?