venres, 28 de febreiro de 2020

ENTROIDO 2020

O entroido chegou e foise, como sempre demasiado rápido. Pero aínda así tivemos tempo de disfrazarnos e de pasalo ben. Preparamos os disfraces, doces e coreografías.
Non había premios para todos pero iso era o de menos. A ANPA preparounos un chocolate quentiño con rosca, que co frío que había veunos que nin pintado e a imaxinación fixo o resto.
Agora só toca agardar ao vindeiro ano para volver a buscar algún retal e algunha prenda vella que nos sirva e senón sempre podemos ir de choqueiros!!!






Pasados os días de festa houbo que cumprir co acordado e fixemos a entrega dos premios para os gañadores nas diferentes categorías como foron: sobremesas, disfraces indiividuais, parellas e comparsas. Os nosos parabéns a todos e a todas.

venres, 14 de febreiro de 2020

Premiados Cartas pola Candeloria

Chegou o día para coñecer aos gañadores do concurso de cartas de amor pola Candeloria e recibir os agasallos que preparamos dende o EDL.
Moitos parabéns non só aos gañadores senón tamén a todos os participantes que foron moi numerosos e amosaron traballos de moita cualidade e sentimento.
No 1º ciclo os traballos premiados foron para:
1º Diego Camiña de 2ºB "Querida cama"
2º Carmen Berreco de 2º A "Universo de amor"
3º Camilo Besada de 2º C "Os paxaros marchan"
3º David Ruano de 1º B "Mamá"
Mención Carolina Bea  de 2º C "Día da amizade"

No 2º ciclo a participación foi moi baixa aínda que os escritos presentados foron todos de moitísima cualidade. Nesta etapa os premios foron para:

1º Mar Alarcón de 4º A     Nunca esquecer
2º Sara Martínez de 4º A   Paxaros
3º Daniela Otero de 4º A   A forza que une a todos 

Gañadores/as de Cartas de amor pola Candeloria

venres, 7 de febreiro de 2020

XXVI edición Adhesivos pola normalización

Como cada ano a Coordinadora dos Equipos de dinamización do Salnés convoca o seu tradicional concurso e que nesta ocasión o tema era "O galego e a lusofonía".
Este ano a participación no noso centro non foi tan alta nin de tanta cualidade como na edición pasada pero aquí vos deixamos os tres traballos escollidos.


Os gañadores desta edición repartíronse entre os centros IES de Barro e Castro Alobre en Vilagarcía entre outros. Aquí podedes ver os lemas e debuxos gañadores nas tres categorías.


Ademais, volve convocarse o certame Enormic de Banda deseñada e o prazo de recepción dos traballos remata o vindeiro 22 de Abril.

mércores, 15 de xaneiro de 2020

Concurso "Cartas de amor pola Candeloria"



Antigamente dicían que o día 2 de febreiro era o día do amor:
Pola Candeloria casan os paxariños e maila galiñola”

Esta data parécenos ideal para amosar os nosos sentimentos a aqueles que máis queremos e tamén reivindicar unha data propia que se confronta con outras conmemoracións importadas.

Por iso queremos desde o EDL que este ano "biques en galego".

Escribe unha carta ou unha declaración de amor en lingua galega que pode ir dirixida a outras persoas, á natureza ou calquera cousa animada que nos guste tanto que sexa capaz de espertar en nós sentimientos de amor.

- Poderán redactarse en prosa ou en verso, a man, a máquina ou a ordenador... e non deberán sobrepasar unha carilla de extensión.

- Poderanse empregar todas aquelas técnicas que se desexe, incluír debuxos, fotos....

- Terase en conta o grao de elaboración, a orixinalidade, o correcto uso do idioma e a calidade da lingua.

Todas as cartas deberán ser inéditas e cada participante poderá enviar unha carta.

Podes enviar os teus traballos ben en word ou escaneados a este enderezo: endlsanxenxo@gmail.com ou entregarllos á túa profesora.

O prazo remata o día 31 de Xaneiro

xoves, 5 de decembro de 2019

25N contra a violencia de xénero

É esta unha data que non nos gusta recordar pero cremos que é preciso facelo mentres na nosa sociedade estea presente esta barbarie ano tras ano. 
Os alumnos de Artes Escénicas e danza prepararon  un pequeno vídeo para denunciar a violencia que sofren as mulleres e durante dous días estiveron ensaiando e gravando  a peza audiovisual que podes ver a continuación

Aquí deixamos algunhas fotos do proceso de gravación.




As máis populares