martes, 25 de maio de 2021

Videopoemas Manuel María. Mención de honra para o IES Sanxenxo

O pasado 15 de maio tivo lugar a entrega dos premios da IVª edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Rosalía e Manuel María que organiza a Casa-Museo Manuel María. Este concurso ten por finalidade potenciar a creatividade artística a través da harmonía entre palabra e imaxe e difundir a obra de Rosalía e Manuel María. Dous dos traballos presentados polo IES Sanxenxo (Desexo III e Canción II) foron parte dos 10 finalistas dun total de 120 traballos presentados de centros educativos de toda Galicia: Vigo, A Coruña, Burela, Rianxo, Gondomar, A Guarda, Ourense, Narón, Sarria, O Milladoiro, Portonovo, Lugo, Guitiriz, Carballo, Marín, Porriño, Panxón, Rodeiro, Xanceda, Palas de Rei, Ferrol, Noia, Ribadumia...

Aquí deixamos o traballo gañador da mención de honra DESEXO III  e o finalista CANCIÓN II


O xurado do certame, composto polo realizador Omar Rabuñal Varela, o profesor e guionista, Eduardo Álvarez González, e a profesora e guionista, Anxa G. Refoxo, outorgou unha mención de honra ao videopoema Desexo III, realizado polas alumnas do IES Sanxenxo de Portonovo, Marta González Bermúdez, Lucía Sanmartín Fraga, Clara Sueiro Figueiras, Ainara Vidal Domínguez e Érika Torres Miniño. Deste traballo, o xurado salientou a acertada escolla do encadramento vertical e o branco e negro para a imaxe que, acompañada do son como elemento narrativo, recrea de xeito moi eficaz e moi persoal o poema.

Por último queremos compartir outras propostas  feitas polo alumnado de 4º de ESO a partir de diferentes poemas do autor chairego.                                                             







luns, 26 de abril de 2021

Recital poético musical Xela Arias

O venres 23 de Abril quixemos conmemorar o Día do Libro cun recital poético- musical que serviu de homenaxe á poeta Xela Arias. Conxuntamente co departamento de música, quixemos deste xeito dar a coñecer as novas voces da poesía galega actual, que conseguen abrir novos camiños e están a colleitar importantes premios fóra das nosas fronteiras.


Poesías de
Gonzalo Hermo, Martín Veiga, Berta Dávila, Baldo Ramos, Fran Alonso, Ana Romaní, Olga Novo, Estevo Creus , María Lado ou Ismael Ramos foron interpretadas por alumnos e alumnas de 1º, 3º e 4º de ESO; poñendo de manifesto a pluralidade de estilos e sensibilidades.

Tamén houbo un oco para lermos poemas das autoras que gañaron nos últimos anos o Premio Nacional de Poesía, como son: Olga Novo e Pilar Pallarés.

No bloque final interpretaron poemas de cada unha das obras de Xela Arias, poeta homenaxeada nas Letras Galegas 2021.
Rematamos o acto coa canción Negra Sombra, interpretada pola alumna Andrea Méndez acompañada á guitarra por Marcial Escudero.

 

mércores, 21 de abril de 2021

Descubrindo o noso. Viaxando polo mar de Arousa

Tan atípico está a ser este curso que por vez primeira saímos do centro para facermos unha excursión. A pandemia e as medidas sanitarias fixeron restrinxir tanto as actividades que esta viaxe foi para todos nós coma unha beizón.

A organización de produtores de mexillón de Galicia convidounos a unha viaxe en catamarán pola ría de Arousa para coñecermos o proceso do cultivo e da explotación do mexillón nas bateas. Este foi o 1º premio conseguido polas alumnas Ainara Vidal e Marta González no concurso audiovisual do programa Batéate.

Así que aproveitamos e achegámonos de paso ao parque natural do Carreirón, na illa de Arousa porque na bisbarra do Salnés hai moito que descubrir e que ver. 
A rica natureza da zona permite conservar unha gran diversidade de ecosistemas, desde os sistemas dunares, pasando polas marismas, as matogueiras, os piñeirais ou a impresionante paisaxe submarina do seu litoral. O Parque é unha península unida á illa polo tómbolo das Salinas, que mide 1,3 Km2 e que está en estado completamente puro, con carreiros que o percorren. Fixemos unha rota de sendeirismo polo perímetro deste espazo natural tan interesante, cheo de fermosas paisaxes, praias de ensoño e lugar de onde aniñan multitude de especies de aves.

Despois desprazámonos á vila de Cambados para embarcar e non só desfrutamos dunha agradable viaxe senón que tamén puidemos degustar os mexillóns logo de escoitar as explicacións que nos deron sobre o proceso de cultivo e explotación comercial deste bivalvo.

Antes de regresarmos fixemos unha breve paradiña na por excelencia vila do albariño, percorrendo as súas rúas cargadas de historia




luns, 19 de abril de 2021

Pegadas do mar e da terra. José Suárez


Durante case dous meses A mostra antolóxica José Suárez. 1902-1974, poderá visitarse no edificio Castelao (antes Sexto Edificio) do 2 de marzo ao 18 de abril e nela recóllese a obra dun dos máis vangardistas e orixinais fotógrafos galegos do século XX.

Xunto a selección de 150 fotografías amósase un número importante de cartas, documentos, libros e catálogos que axudan a dar unha visión de conxunto da súa actividade profesional.

Esta proposta expositiva, comisariada por Xosé Luis Suárez Canal e Manolo Sendón, está dividida en tres sección nas que se recolle as fotografías de campesiños e mariñeiros galegos realizadas nos anos 30, a súa etapa no exilio, na que compatibiliza fotografía e cine e o seu retorno a Galicia en 1959.


Como actividade complementaria á exposición de José Suárez o museo convocou o concurso de fotografía dixital  feita co móbil Pegadas do mar e da terra para as mozas e mozos que cursen ESO ou Bacharelato. Entre os trece centros participantes foi unha das catro gañadoras Cecilia González Padín, de 4º de ESO, coa súa fotografía titulada Redes viúvas.

José Suárez inmortalizou coa súa cámara o traballo das nosas xentes e as súas pegadas no mar e na terra. Por iso como homenaxe a el, as fotografías presentadas deben ser en branco e negro e xirar en torno a unha destas dúas temáticas, onde os obxectos e as xentes vencelladas a estes labores tradicionais sexan os verdadeiros protagonistas: aparellos de pesca, marisqueo ou de labranza, pezas de olería, embarcacións tradicionais…

 
Para saberdes máis sobre esta nova podedes acceder á noticia no Diario de Pontevedra premendo AQUÍ . Tamén na páxina do museo AQUÍ
 

 

 

 

mércores, 24 de marzo de 2021

Matria. Curtametraxe e coloquio co seu director

O día 8 de marzo foi considerado como o Día Internacional da Muller, co obxectivo de facer visible a situación de discriminación que sofren as mulleres, tanto a nivel laboral como no eido persoal e familiar.

A loita pola igualdade continúa e se é verdade que se ten conseguido moito aínda estamos lonxe dunha igualdade total (as mulleres seguen a cobrar un 30% menos de salario de media cós homes, desempeñan traballos peor remunerados, habendo sectores moi feminizados como as conserveiras ou o sector téxtil. Tamén son elas quen soportan as cargas familiares: coidado dos fillos, de persoas dependentes, traballos do fogar e que motivan en moitos casos que abandonen a súa carreira profesional.

A curtametraxe que imos ver, Matria,  vai diso; de mulleres que teñen que loitar día a día para que este mundo noso siga xirando, sobrelevando unha existencia en ocasións sen moitas esperanzas e agarrándose a pequenas cousas que as fagan sentir vivas e que este mundo mereza a pena.

Puxémonos en contacto co director desta laureada e celebrada fita, que conseguiu no ano 2018 o premio á mellor curtametraxe de ficción no Festival de cine de Sundance, ademais doutros premios dentro e fóra de Galicia.

Álvaro Gago mantivo despois do visionado unha charla co alumnado, intercambiando impresións e contestando ás preguntas que todos lles fixemos.

Sinopse: Ramona vive co seu home, con quen apenas se fala, e traballa nunha fábrica de conservas dirixida por unha encargada tirana. Ante os desafíos que lle presenta a súa rutina diaria, Ramona trata de refuxiarse na relación que a une á súa filla e á súa neta. 

Está baseada na vida de Francisca Iglesias Bouzón, actriz principal e amiga persoal do director pois foi a coidadora do seu avó durante anos.

Máis información podes encontrala AQUÍ 


 

 


 

As máis populares