martes, 26 de xaneiro de 2021

Escaleiras Carvalho Calero

A pandemia e a suspensión das actividades lectivas fixo que pasase inadvertido un autor reclamado durante anos por moitos colectivos culturais, asociacións e persoas de toda clase. Para conmemorar o Día das Letras Galegas 2020 decidiramos facer unha intervención artística, embelecendo unha parte do edificio, nas escaleiras que dan acceso ao primeiro andar e que veñen da porta traseira que une co pavillón e co patio exterior.


Non quixemos deixar pasar a oportunidade e aínda que tarde retomamos a idea que quedara en suspenso a finais do curso pasado e puxémonos mans á obra e xunto co alumnado TIC de 4º de ESO confeccionamos os carteis que conforman un dos poemas do autor ferrolán UN CABELO DE ANXO (respectando na súa integridade a ortografía coa que foi escrito).

Así, a única escaleira que hai no noso centro pasa a ser Escaleiras Carvalho Calero e cada vez que subamos poderemos pousar os ollos e ler as palabras poderosas dun gran escritor.


Un cabelo de anjo

pendurado do ceo,
se non é a espada de Damocles
é adival para o espírito,
xemido equilibrista,
que, nel agarrado,
pode arrandear sobre a terra
e crer que é a araña dun fío

tirado do seu propio miolo,
cordón umbilical que o vencella
ao seu niño que está no azul.
Mais non sabemos
que é o norte, que é o sul,
o cénit e a
nada,
a vida e a morte,
a terra e o ceo,
cal é o metro que leva ao paraíso
e que aeronave nos conduz ao inferno.

mércores, 16 de decembro de 2020

Vídeo gañador de Batéate

As alumnas de 4º de ESO Ainara Vidal Domínguez e Marta González Bermúdez foron as gañadoras da fase final intercentros do concurso Batéate, no apartado de vídeo.

O seu traballo foi merecedor deste premio por transmitir dunha maneira amena e sinxela as diferentes fases no traballo da extracción do mexillón. Para iso, gravaron tanto nas bateas como na depuradora onde se procesa o produto para a súa comercialización final.

Parabéns ás dúas polo seu excelente traballo.

Aquí vos deixamos algunhas imaxes da gala e o vídeo gañador.



 


xoves, 3 de decembro de 2020

BATÉATE. Concurso de fotografía e vídeo

O próximo día 10 de decembro celebrarase en Vilagarcía de Arousa a Gala Final de BATÉATEe que estará presentada polo actor e humorista Carlos Blanco. Alí daranse a coñecer os gañadoras ou gañadores dos concursos de fotografía e vídeo BATÉATE e tamén veranse as fotografías e vídeos gañadores de cada un dos centros participantes. 

Por suposto, alí estarán os alumnos e alumnas gañadores/as do IES Sanxenxo e que foron:

Concurso de fotografía:

Gañador: Hugo Romay

Accésit: Cecilia González

Concurso vídeo:

Gañadoras: Ainara Vidal e Marta González

Tamén obtiveron un agasallo os alumnos Pablo García e Miguel Garrido 

O proxecto “Batéate” foi posto en marcha pola Organización de produtores de mexillón de Galicia, Opmega. A acción comezou a finais do pasado mes en diferentes institutos do Salnés e busca, máis que nada, garantir o relevo xeracional no sector bateeiro, un dos máis potentes a nivel económico e social na Ría de Arousa. A través de “Batéate, atopa o teu espazo no mundo” Opmega achega o oficio de bateeiro ao alumnado a través de traballos específicos con vídeos na rede ou un xogo de cartas para que se coñeza debidamente a xerga usada polo sector ao mesmo tempo que sirva de diversión.

O proxecto tamén incluía un concurso para o alumnado participante con dúas categorías: unha de fotografía e outra de vídeo. Aí poderán presentarse obras que versen sobre o oficio de bateeiro.

Aquí deixamos as fotos seleccionadas do noso centro e que son da autoría de Hugo Romay e Pablo García.



 Facendo clic nesta páxina podes ter máis información da convocatoria




mércores, 25 de novembro de 2020

25N. Máscaras contra a violencia

Non somos histéricas, somos históricas.

O amor propio non é egoísta, é revolucionario.

Non poñas a máscara ante a violencia de xénero.


Se doe non é amor!

Somos o berro das que non teñen voz.

Non me asubíes

Pódesme romper a dor pero non a voz!

Con roupa ou sen roupa o meu corpo non se toca

Non lle deas o teu corazón a quen cho rompe




Estas son algunhas das mensaxes que decoraban as máscaras que o alumnado do instituto levou este 25N durante toda a xornada.


Deste xeito quixemos amosar a nosa solidariedade con todas as mulleres que padecen esta outra lacra, silenciada durante meses pola pandemia do COVID.



Unha vez máis as alumnas e alumnos demostraron estar á altura e dixeron ben claro NON Á VIOLENCIA.










mércores, 18 de novembro de 2020

De clássicos livres gaña o concurso Musicando Carvalho Calero

Logo dunha intensa final, o grupo De clássicos livres gaña o certame Musicando Carvalho Calero, organizado pola Associaçom Galega da Língua e coa colaboración da Radio Galega.

Presentáronse máis de oitenta bandas e solistas que logo un xurado popular reduciu a dez. A escolla da banda gañadora fíxose mediante un proceso de votación popular, do que xa falamos en post anteriores,  a través da rede e que debía confirmarse  mediante un sms para evitar a duplicidade de votos.

Parabéns á banda gañadora non só polo premio senón tamén pola belísima proposta musical, Ferrol 1916.

Se queres saber algo máis De clásicos libres pica o AQUÍ para ler a entrevista que aparece en Nós díario. E se queres volver escoitar a canción aquí vola deixamos.



As máis populares