xoves, 26 de xuño de 2025

 AS ENTREVISTAS, OUTRA VERTENTE DO PROXECTO "GIF MENÚ: QUE VAI SER?"

O alumnado de 3º da ESO do IES Sanxenxo realizou entrevistas en galego aos donos de varios restaurantes da zona, para termos unha primeira impresión do grao de acollida do noso proxecto dende o punto de vista dos principais implicados nel.

Resultou unha boa práctica do uso oral da lingua, ademais dunha sondaxe sociolingüística ben interesante.

Accederon amablemente a seren entrevistados os representantes de restaurantes como El Aviador, A Batea, Potus, Jaco's Bar, Sabino, Xesteira, Meloso ou Albatros. Moitas grazas polo voso tempo!

En xeral manifestan que a tradución ao galego axudaría a mellorar a relación cos/coas clientes locais.

Atraerán tamén a curiosidade da clientela de fóra con certa sensibilidade lingüística que amose ganas de aprender linguas e de integrarse mellor na cultura da contorna? Comprobalo será todo un reto de cara ao vindeiro curso.

Achegamos algúns podcasts como mostra:


EL AVIADOR





RESTAURANTE MELOSO




RESTAURANTE A BATEA









 MOSTRA DOS MENÚS EN GALEGO, INGLÉS E FRANCÉS - CÓDIGOS QR

Velaquí o resultado do noso proxecto. Nestes 5 códigos QR podedes atopar os textos traducidos, os "gato datos" (curiosidades científicas sobre os alimentos) e nalgúns  menús as táboas nutricionais.

Bo apetito lingüístico e gastronómico!

EL AVIADOR
MAR LIMA II


A BATEA


TABERNA A QUEIMADA


CASA ZULEMA














mércores, 25 de xuño de 2025

 PEGADA DE ADHESIVOS DO PROXECTO "GIF MENÚ: QUE VAI SER?" EN 5 RESTAURANTES



O 19 de xuño alumnado de 2º e 4º colocaron o adhesivo gatuno na porta de cinco restaurantes:

  • El Aviador (Padriño do Concurso de Fotografía Arttística con Alimentos) 
  • Mar Lima II
  • A Batea
  • Taberna A Queimada
  • Casa Zulema
Grazas por colaborar e abrirnos as súas portas!


 



Isto significa que xa dispoñen dos seus menús nas tres linguas: galego, inglés e francés. Entregámoslles un menú en papel en galego e o código QR onde se poden consultar nas tres linguas. Agardamos que as/os clientes o demanden no día a día e curioseen no contraste de terminoloxía.

 Trátase dun proxecto multidisciplinar que iniciou a súa andaina no presente curso 2024-25. Participou nel alumnado de 1º , 2º, 3º e 4º da ESO. O profesorado tamén se implicou significativamente na posta en marcha deste proxecto: Galego, Inglés e Francés realizando a  tradución dos menús, Tecnoloxía elaborando o logo (un alumno de 4º), os menús e os códigos QR, Bioloxía achegando as táboas nutricionais correspondentes, Física e Química a partir dun libro interactivo h5p redactando curiosidades científico-culinarias relacionadas con pratos concretos (os “Gato datos”), Xeografía e Historia ocupándose de coñecer a riqueza gastronómica e vinícola da área do Salnés e Pontevedra centrándose no sector primario e Matemáticas coa intención de elaborar gráficos porcentuais que contabilizaran distintas variables tendo en conta as características dos establecementos.


A riqueza da gastronomía galega debe ir da man da riqueza lingüística, como acontece noutras culturas. Por exemplo, ao escoitarmos as palabras gazpacho, cebiche, pizza, shuxi..., coñecidas por todos, apreciamos automaticamente o poder da súa sonoridade ligada a unha cultura, a un bo facer culinario. O mesmo acontece con: polbo á feira, xoubas, robaliza, luras da ría, costela ou pementos de Padrón.

Romper coa inercia das accións preestablecidas implica realizar accións concretas para abrir camiño e animar a aquelas persoas que dubiden á hora de dar o paso de normalizar o uso do galego. Mesmo a xente de fóra pode curiosear nos menús e sorprenderse ao coñecer os nomes dos pratos en galego.

Será este o comezo dunha nova etapa para o uso da nosa lingua na hostalería?






 FOTOS PREMIADAS NO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ARTÍSTICA CON ALIMENTOS

Dúas foron as fotos premiadas, a primeira inspirada no propio logo do Proxecto "GIF Menú: Que vai ser?"

Bo proveito para a gañadora dese bo xantar coa que a obsequia o restaurante El AVIADOR de Sanxenxo!

                1ª                     2ª

1º "O ghato que rosma no teu estómago"                                2ª  "Entre piñeiros e violetas"

O alumnado enviou moitas outras fotografías, de estilos moi variados e títulos ben suxerentes. Velaquí algúns bos exemplos:

                                                         


"Quebracabezas de amorodos" / "A felicidade da comida" / "Marchando unha nécor burguer"




       

"Verán no prato"             /              "Froitas ao luar"     /         "Un rostro de felicidade nas sombras"




    


            "Pallaso tropical"             /                                 "Delirio mariño á grella"





sábado, 14 de xuño de 2025

 CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ARTÍSTICA CON ALIMENTOS - PROXECTO GIF MENÚ


PREMIOS PARA O ALUMNADO GAÑADOR DO CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ARTÍSTICA CON ALIMENTOS


1º Premio: Por cortesía do Restaurante El AVIADOR, un xantar para dúas persoas.

El Aviador apoia así, de maneira significada, o PROXECTO GIF MENÚ do noso centro, que consiste fundamentalmente en traducir as cartas/menús da hostalería da contorna a GALEGO, INGLÉS e FRANCÉS, coa colaboración doutras materias como Química, Bioloxía, Historia, Matemáticas.... Grazas!

2º Premio: unha merenda na cafetería do instituto.

MOITA SORTE A TODAS E TODOS!


As máis populares